Denuncian que os orzamentos da Xunta para 2017 “esquécense” das axudas para danos do xabarín

Unións Agrarias advirte de que “ o proxecto de orzamentos da Xunta previstos para 2017 só contempla fondos para o lobo (....) e esquécese das partidas para danos do xabarín”

Denuncian que os orzamentos da Xunta para 2017 “esquécense” das axudas para danos do xabarín

Finca de millo estragada polos xabaríns

O sindicato Unións Agrarias advirte que os orzamentos da Consellería de Medio Ambiente para o ano 2017, no concepto de “indemnización por danos de especies cinexéticas” se limitan a 379.958 euros. Segundo a organización agraria “repiten na práctica a cantidade do ano pasado, que é suficiente unicamente para facer fronte aos danos polo lobo na cabana gandeira, pero non para os danos causados no agro polo xabaril”, especialmente nos cultivos de millo forraxeiro.

Hai que ter en conta que en xuño de 2016, a Xunta puxo en marcha unha partida extraordinaria de 650.000 euros -que se sumou á de máis de 350.000 que aparecía consignada nos orzamentos,- para facer fronte aos danos do xabaril, tendo reservados 400.000 euros para o pago de danos e 250.000 para medidas preventivas. Unhas axudas que, segundo Unións “non estiveron exentas de polémicas, xa que se puxeron en marcha en xullo, cando os danos na sementeira do millo xa estaban producidos, e remataron en outubro, antes de poder cubrir o groso dos danos na campaña da castaña”.

Non obstante, dende o sindicato agrario valoran que “foi o primeiro esforzo da Xunta en cubrir os danos na agricultura producidos polo xabaril, pois o ano 2009 foi o último no que houbo axudas oficiais”.

Continuidade das axudas e cambios na Lei de Caza

Ante esta situación, dende Unións reclaman que a Xunta aposte no 2107 pola continuidade das axudas de 650.000 euros para os pagos dos danos do xabaril, “e inicie a chamada Lexislatura do Rural, cun novo enfoque no que atinxe á xestión do problema do xabaril no rural galego”.

En concreto, Xacobo Feijoo, responsable da área de Desenvolvemento Rural de Unións reclama que “nesta lexislatura débese de convocar xa no inicio do ano aos distintos actores involucrados -Administración de Caza e Medio Ambiente, cazadores, agricultores e gandeiros- para fixar unhas novas normas que permitan xestionar axeitadamente as poboacións do xabaril”.

O obxectivo é que non haxa máis animais dos que o medio natural pode manter en caza zona, para poder actuar con seguridade e eficacia nos momentos críticos como na sementeira do millo, en plena veda de caza. Tamén se demanda dende Unións que se modifiquen as normas para a realización de esperas por danos, de xeito que este tipo de caza non sexa unha modalidade deportiva senón actuacións técnicas de control, e se podan utilizar focos ou miras nocturnas que dean eficacia e eviten accidentes entre os cazadores.

“E por último considerar a eliminación dos vedados de caza maior, xa que a diferenza do caso da caza menor, non se xustifican para unha especie prolífica e invasora como é o xabaril no rural galego, e son un estorbo para a súa axeitada xestión”, subliña Xacobo Feijóo.

“E en todo caso, -conclúe o voceiro de Unións- calquera xestión de danos comeza por un cambio radical na sensibilidade dos responsables de Medio Ambiente, que teñen que poñer os dereitos das persoas diante dos de calquera animal salvaxe”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información