Denuncian que a gran distribución liquida o leite con prezos de derribo: Ata 0,56 euros o litro

Denuncian que a gran distribución liquida o leite con prezos de derribo: Ata 0,56 euros o litro

Foto: Sindicato Labrego Galego

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia que cadeas de distribución como LIDL, ALCAMPO, EROSKI, GADIS ou FROIZ están empregando esta semana o leite como produto reclamo para atraer clientela, con prezos nos seus lineais que oscilan entre os 0,56 e os 0,59€/litro.

“Moi lonxe dos 0,69 euros/litro como mínimo que, segundo datos dun estudo encargado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicado en xuño deste mesmo ano, son precisos para comezar a garantir prezos que cubran custos de produción e remuneren o traballo do sector produtor”, aseguran dende a organización agraria.

Ademais, dende o Sindicato Labrego denuncian que “non se trata de casos illados, senón dunha práctica recorrente”, que vulnera o Acordo Lácteo asinado en 2015 e que, entre outras cousas, anunciaba que ía pór fin a estes abusos, habilitando á Administración pública para iniciar expedientes e interpor sancións. Igualmente vai contra o Real Decreto-ley 5/2020.

Esixen que interveña a Xunta

“O establecemento do prezo do leite parte dunha anomalía histórica”, denuncia a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba. “Non se ten en conta primeiro o custo de produción e logo establécense os elos seguintes, senón ao revés. De arriba cara abaixo. A distribución pon un prezo, a industria queda ca parte que considera para obter o seu beneficio, e logo impón un prezo ao sector produtor. A día de hoxe existe un marco regulatorio que a Administración debería estar facendo respectar para facer fronte a estas prácticas abusivas. A baixada de prezo final é unha práctica desleal que arrastra os prezos á baixa na cadea, ademais de potenciar esas mesmas actuacións noutras superficies comerciais e dificultar inda máis que se poda pór fin á banalización do leite como produto alimentario”, advirte Isabel Vilalba.

Neste sentido, a secretaria xeral do Sindicato Labrego reclama que “dado que a Xunta de Galicia ten competencias para vixiar, evitar e sancionar estas prácticas abusivas, esiximos a inmediata actuación da Administración, asumindo as súas responsabilidades e freando a chegada destes prezos ruinosos ás granxas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información