Denuncian que as integradoras seguen sen trasladar a subida da carne de polo aos granxeiros

UPA ameaza con protestas se non sobe o prezo en orixe e denuncia quqe "os granxeiros apenas perciben 0,15 euros dos 3,25 que pagan os consumidores polo quilo de polo"

Denuncian que as integradoras seguen sen trasladar a subida da carne de polo aos granxeiros

A Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos (UPA) denuncia que menos dun 5% do prezo que paga un consumidor polo quilo de polo chega aos granxeiros, unha porcentaxe “irrisoria e totalmente insuficiente que non deixou de baixar nos últimos meses”.

“Este baixo prezo percibido polos granxeiros afunde a súa rendibilidade e dificulta a súa supervivencia, até o punto de pór en perigo o abastecemento de polo o próximo outono”, advirte a organización.

UPA leva semanas denunciando a actitude “egoísta” das integradoras,”apenas unha ducia de empresas que controlan a práctica totalidade da produción de pito, e que no últimos seis meses subiron o polo á distribución e aos consumidores, sen que isto chegue aos granxeiros”.

“A situación é insustentable”, aseguran desde UPA, que fai un retrato do sector avícola como un sector baseado en pequenas explotacións de propietarios novos, cun nivel importante de endebedamento debido aos investimentos necesarios para implantar e modernizar as súas explotacións. “Cada día é máis difícil pagar as débedas”, aseguran desde a organización agraria.

Autorización a Marrocos para exportar polo á Unión Europea

Recentemente coñecíase a autorización por parte da Unión Europea de importar carne de polo procedente de Marrocos, en base ao Regulamento de Execución 2022/1040 que o pasado 29 de xuño publicaba o Diario Oficial da Unión Europea (DOUE). Desde UPA aseguran descoñecer que se agocha tras esta decisión, pero ao seu xuízo “non é difícil imaxinar que as industrias queiran asegurarse a subministración de polo se os baixos prezos terminan por afundir aos granxeiros españois”.

UPA volveu esixir ao Goberno e ás Comunidades Autónomas que actúen, a través da AICA e das autoridades competentes en cada territorio, “para lograr que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria e se cubran os custos de produción dos granxeiros, que superan con fartura os prezos percibidos”.

UPA asegurou que, de non subir os prezos aos granxeiros, organizarán protestas ante as principais integradoras e ante a patronal que as aglutina, Avianza, para “denunciar os abusos que están a cometer cos granxeiros”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información