Denuncian que a Agencia Tributaria “se leva” ata un terzo das axudas de incorporación

Denuncian que a Agencia Tributaria “se leva” ata un terzo das axudas de incorporación

Concentración de mozos e mozas do Sindicato Labrego Galego.

Un grupo de mozos e mozas convocados polo Sindicato Labrego Galego concentrouse este xoves diante da sede da Consellería do Medio Rural en Santiago de Compostela para denunciar o que consideran “fiscalización abusiva e inxusta da Axencia Tributaria” contra as persoas que se dedican á actividade agrícola e gandeira.

En concreto, os concentrados criticaron que o departamento que dirixe Cristóbal Montoro está “gravar abusivamente” tanto as transmisións da titularidade de explotacións entre familiares, aínda que non houbera unha transacción económica, como as axudas de incorporación de mozos e mozas á actividade agraria.

Neste sentido, dende o Sindicato Labrego, e tamén dende Unións Agrarias, reclámanlle á Consellería do Medio Rural que realice as xestións necesarias ante o Ministerio de Facenda para corrixir esta situación. Nun escrito rexistrado na Xunta, tamén solicitan unha entrevista coa conselleira Ángeles Vázquez e a convocatoria dunha Mesa da Fiscalidade para revisar a política de impostos no agro.

Isabel Vilalba: “A realidade contrasta co falso slogan de Impostos cero no rural”

“En contraste coa campaña publicitaria da Xunta que predica o falso slogan “Impostos cero no rural”, dende o Sindicato Labrego Galego xa temos denunciado o problema dos impostos abusivos na transmisión das granxas de pais e nais a fillos e fillas, ou a fiscalidade aplicada ás axudas de incorporación”, asegura Isabel Vilalba, secretaria xeral do Slg.

Neste sentido, lembra que “a propia Delegación do Goberno transmitiunos nunha reunión que estaban de acordo coas nosas reivindicacións, pero tamén consideraron necesaria unha actitude máis activa neste tema por parte do goberno da Xunta”.

Ata 5.000 euros de impostos por unha axuda de incorporación de 22.000

Unha das problemáticas que o Slg levou tanto ante a Delegación do Goberno como ante a Axencia Tributaria é o da excesiva fiscalidade que a Axencia Tributaria imputa ás primas de incorporación -os impostos poden chegar a un terzo do importe da axuda- e a enorme carga burocrática que supoñen.

“Coñecemos casos concretos de mozos e mozas a quen se lles concedeu unha prima de incorporación de 22.000 € que, ao ser considerada ganancia patrimonial, tiveron que tributar entre 5.000 e 6.000 €”, advertiu Isabel Vilalba. A isto engádese o agravante de que Facenda cobra estes impostos no ano da concesión, cando o ingreso efectivo da prima é no seguinte ano.

Ánxeles Freire: “Queren que paguemos uns 2.000 euros por traspasarlle a granxa ao meu fillo”

Pero ademais, a Axencia Tributaria empezou hai uns meses a enviar requirimentos a centos de gandeiros e gandeiras para esixirlles o pago de impostos polo traspaso das explotacións aos seus fillos ou fillas, con carácter retroactivo dende o ano 2013. E é que a Axencia Tributaria considera que os dereitos de pagamento básico da Política Agraria Común (PAC), que van aparellados á explotación, son unha ganancia patrimonial, como se fose unha operación de compravenda -e aínda que non houbera ningún lucro nin transacción económica-, polo que lle aplican unha taxa impositiva superior ao 15% sobre o suposto valor deses dereitos.

Iso foi o que lle pasou a Ánxeles Freire, unha gandeira de vacún de leite do concello coruñés de Monfero que no ano 2013 decidiu constituír unha sociedade civil co seu fillo Alejandro.

“Valoraron a os dereitos de pagamento básico en 11.000 euros polo que a Axencia Tributaria me reclama 1.700 euros que sumados aos intereses de demora suman uns 2.000 euros”, asegura.

No seu caso dáse o paradoxo de que, ademais de non haber ningún tipo de contrapartida económica por parte do seu fillo no proceso de transferencia, “sigo traballando na explotación, da que son socia”. Recoñece que “vexo ben que houbera que pagar impostos se houbera unha venda e recibira cartos”. “Chegoume unha carta en agosto e o requirimento da Axencia Tributaria en setembro Presentamos recurso e esperamos unha resposta a finais deste mes”, asegura Ánxeles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información