Denuncian que a Xunta deixou sen gastar 56 millóns do anterior PDR

Tras coñecerse as cifras de execución do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2007-2013. O Sindicato Labrego Galego critica que ““a Consellería optase ao mesmo tempo por criterios restritivos para que agricultores e gandeiros accedesen ás axudas europeas”

Denuncian que a Xunta deixou sen gastar 56 millóns do anterior PDR

Galicia perdeu case 56 millóns de euros de fondos europeos que deixou sen gastar do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2007-2013, unha cifra que se elevaría a 74 millóns de euros se aos fondos de Bruxelas se le engade a parte que lles correspondería cofinanciar á Xunta e ao Ministerio de Agricultura.

Galicia non chegou á media estatal de execución do PDR

Así o denuncia o Sindicato Labrego Galego (SLG) quen lembra que “a Consellería do Medio Rural tiña ademais un prazo adicional de dous anos máis para poder executalos”. O PDR 2007-2013 para Galicia contaba cunha asignación de 888.801.564 euros do FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural). Deses cartos que tiña para gastar, Galiza executou o 93’71% (832.855.187 euros), polo que deixou sen executar 55.946.377 euros. “Desta maneira, Galiza está entre as seis comunidades do Estado que non chegan á media de execución do PDR, xunto a Madrid, Andalucía, Estremadura, Baleares e Valencia”, asegura o SLG.

Para a organización agraria, ”trátase dunha perda de cartos inxustificable no contexto de crise actual no agro, xa que estes cartos empréganse en catro eixes fundamentais para o medio rural: modernización de explotacións, incorporación de mozos e mozas ás actividades agrogandeiras, ordenación do territorio e melloras na produtividade da industria agroalimentaria e forestal”.

SLG: “Esta perda de fondos é inxustificable no contexto de crise de prezos do agro”

Dende o SLG, consideran que esta perda de fondos europeos “é consecuencia directa dos recortes e desmantelamento da Consellaría de Medio Rural, que cada vez ten menos capacidade de xestión”. “Un dato que corrobora isto -aseguran- é que en outubro de 2015, cando quedaban só tres meses para que expirase o derradeiro prazo para executar estes fondos (31 de decembro), a Medio Rural aínda lle quedaban por gastar 153 millóns de euros, o 17’4% dos cartos”.

“A Consellería optou por criterios restritivos para acceder ás axudas europeas”

Dentro desta dinámica, o SLG critica o paradoxo de que “nos últimos tempos vemos como moitas liñas de traballo que desenvolvía a Consellaría de Medio Rural deixaron de realizarse, ou se optou por criterios moi lesivos para as persoas produtoras por non poñer a administración os medios necesarios para tramitar os expedientes”.

Como exemplos cita que na tramitación da PAC, impúxose por sistema que en amplas zonas do territorio a superficie de pasto admisible fose cero, sendo logo a persoa administrada a que tiña que probar que non era así; varios programas de apoio deixaron de convocarse, como os de asesoramento técnico ás producións vexetais e á viticultura; alegacións e recursos que non se responderon, como os do SIXPAC do ano 2015, levaron á xente afectada a unha situación de indefensión total; redución drástica de persoal na maioría das oficinas agrarias comarcais, nas escolas de capacitación e nos centros de investigación como o de Mabegondo; a falta de desenvolvemento do anunciado Plano de Fortalecemento do Sector Lácteo e outros sectores nunha situación crítica, etcétera.

Neste contexto, a organización agraria considera que a perda de 56 millóns de euros do PDR 2007-2013 “era algo previsible, como previsible será, de seguirmos na actual dinámica, que se volva perder unha cantidade inxente de recursos financeiros no actual PDR 2014-2020”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información