Denuncian a opacidade das axudas concedidas para zonas con limitacións naturais

O Sindicacto Labrego recrimínalle a Medio Rural que a resolución das subvencións non informe de maneira clara nin das persoas beneficiadas nin das solicitudes rexeitadas. Reclama que as listaxes volvan ser abertas e se notifique as resolución de xeito directo ós interesados

Denuncian a opacidade das axudas concedidas para zonas con limitacións naturais

O Sindicato Labrego Galego (SLG) recrimínalle á Consellería de Medio Rural a “opacidade e a falta de transparencia” na publicación das concesións das axudas de pagamento a zonas con limitacións naturais e zonas desfavorecidas, solicitada na PAC do ano 2020. Aínda que a resolución se publicou o pasado luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), este ano por primeira vez non se expón dun xeito claro que persoas son beneficiarias das mesmas, así como a cantidade que percibirán, ou a quen lle foron denegadas e os motivos polos que se rexeitou.

No canto de expor un listado co estado da solicitude, para coñecer esta información é preciso acceder á páxina web do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA). Tampouco neste portal se fai público un listado dos beneficiarios senón que cada solicitante deberá entrar á súa solicitude mediante un proceso que tamén describen dende o SLG como complexo. De feito, para entrar é necesario dispor dun certificado electrónico, da Chave 365 ou dunha aplicación móbil. “Trátase dunha aplicación sumamente complexa que dificulta moito poder acceder aos datos sobre as axudas solicitadas e ao seu estado, o que nos fai sospeitar que a Consellaría dificulta á mantenta a comprobación deste tipo de datos”, valoran dende a organización agraria.

Ante este cambio no sistema de publicación das axudas, o Sindicato Labrego reclámalle á Consellería de Medio Rural que rectifique de xeito inmediato e dea a coñecer, de maneira transparente, as persoas beneficiarias e as solicitudes denegadas en listaxes abertas e de doado manexo, publicando de novo no DOG a concesión ou denegación destas axudas, tal e como fixo en todas as resolucións de edicións anteriores. Piden que se volva notificar ás persoas interesadas a resolución, así como a cantidade a percibir, vía SMS ou por correo postal.

“As dificultades que para moitas persoas pode ter comprobar o estado da súa solicitude a través de medios telemáticos no rural pode provocar que existan casos nos que se perdan estas importantes subvencións para as granxas, ao non ter posibilidade real de facer a comprobación, pasándose o prazo para reclamar ou a posibilidade de solucionar calquera problema existente no proceso administrativo”, apuntan dende a Sindicato Labrego.

Transparencia nas resolucións

O cambio introducido no sistema de publicación das axudas tamén se afasta dos seguidos pola administración estatal. Así é que no caso da resolución das axudas da PAC as listaxes son públicas. A nivel estatal calquera persoa pode acceder á páxina do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) e ver as persoas e entidades beneficiarias de axudas PAC de anteriores convocatorias en listados totalmente abertos, polo que dende o Sindicato Labrego reclaman que se siga con estes procedementos máis transparentes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información