O Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia que multinacional francesa da grande distribución Carrefour está a utilizar como produto reclamo leite galego envasado por Leite Río, con promocións a 0,69 euros o litro, “unha práctica -lembran- abusiva en principio rexeitada nos acordos da Distribución ca Administración e que pode vulnerar a Lei da Cadea”.
En concreto, dende a organiación labrega consideran que “estas prácticas desleais supoñen unha grave ameaza para as granxas galegas, a día de hoxe perceptoras dos prezos máis baixos de todo o Estado malia sermos o territorio con máis produción” e lembran que “no mes de xullo foi precisamente Leite Río quen liderou as ofertas de contrato á baixa ás gandeiras galegas, con propostas que caían até os 38cts/l.”
Ante esta situación, o coordenador do sector leiteiro no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Xulio Fernández, trasladou o pasado venres á Conselleira do Medio Rural, María José Gómez, a “preocupación do SLG por esta nova campaña de baixada de prezos do leite por parte desta multinacional da distribución, enfatizando a necesidade de poñerlle couto de xeito contundente, previndo que outras distribuidoras queiran aproveitarse desta situación para tamén tirar os prezos dos produtos lácteos”.
Neste sentido, dende o Sindicato Labrego instan tanto á Consellaría do Medio Rural, así como ao Ministerio de Agricultura a través da Axencia de Información e Control Alimentario (AICA), “a investigar a existencia dun posíbel incumprimento da Lei da Cadea, na medida na que se está a producir unha clara desvalorización do leite que afecta a distintos axentes dentro da mesma, con especial incidencia no elo máis feble: as granxas”.
Asemade, solicitan a intervención da Comisión Nacional de Mercados e da Competencia (CNMC) ante a actual estratexia de Carrefour e Leite Río por incorrer en posibles prácticas abusivas.
Grupo Lence cualifica de “falsidades” as afirmacións do Sindicato Labrego Galego
En resposta a este comunicado, o Grupo Lence emitiu un comunicado no que manifesta o seguinte:
• Grupo Lence (Leche Río) é só un dos provedores de leite para a marca branca de Carrefour. Non é o único.
• Grupo Lence (Leche Río ) non ten nada que ver na estratexia de venda que realicen os distribuidores. Como compañía, é a primeira interesada en que o leite se venda a un prezo xusto (nunca por baixo de custo nin como produto reclamo) pola subsistencia do propio sector lácteo e dos gandeiros. Tal e como sempre subliñou a compañía, se aos gandeiros lles vai ben, a Grupo Lence vaille ben.
• Grupo Lence (Leche Río) paga aos seus gandeiros por riba da media de Galicia. En ningún caso presionouse ás ganderías para que a vendesen por 38 céntimos o litro, tal e como se publicou. Iso é rotundamente falso e non existe ningún tipo de documento que o probe.
• A foto que se publicou nos medios é dun lote de leite con data curta (preto de caducarse). Os distribuidores, antes de ter que destruír estes lotes, habitualmente realizan baixadas de prezo para poder vendelo antes de que se caduque e evitar que se perda. En ningún caso é o seu prezo de venda habitual. Cabe lembrar que a outra opción é tirala.
• Grupo Lence recibiu na súa sede de Lugo o pasado 17 de xaneiro de 2024 aos representantes do Sindicato Labrego Galego. O obxectivo era deixar aberto unha canle de comunicación constante entre ambas as partes. A compañía agradecería que, antes de distribuír informacións que non son certas ou que poden xerar confusión na sociedade e o sector, diríxanse aos responsables da empresa para aclarar calquera dúbida que teñan de forma
previa. Observamos que continúan unha estratexia de difusión de noticias falsas e malintencionadamente manipuladas coa intención de construírse unha reputación de “defensores do gandeiro” á conta de tentar destruír a reputación dunha empresa galega estratéxica para o sector lácteo galego, que leva xerando riqueza preto de 50 anos para os galegos.