Denuncian a mala calidade dos crotais subministrados pola Xunta

O Sindicato Labrego pedirá reunirse con Medio Rural para que “recupere a calidade destes identificadores animais”

Denuncian a mala calidade dos crotais subministrados pola Xunta

A colocación de crotais de identificación animal en ámbalas dúas orellas do gando é obrigatoria. Estas pezas son subministradas pola empresa Felixcan do grupo Datamars e entregadas nas Oficinas Agrarias Comarcais (OAC) da Consellaría do Medio Rural (CMR).

Sen embargo, o Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia que “dende fai arredor dun ano, as gandeiras e gandeiros estamos a comprobar unha sensíbel merma na calidade dos materiais cos que están fabricados”.

En concreto, advirte de que “estes novos crotais están elaborados cun plástico moito máis feble ca antes, pódendose incluso chegar a separar as dúas pezas do broche cas mans, abrindo polo tanto con facilidade cos movementos dos animais, polo que acaban perdéndose ou rompendo”.

A organización agraria asegura que “estas incidencias están obrigando ás granxas a gastar tempo e recursos en realizar novos trámites administrativos para solicitar duplicados dos identificadores estragados, pagar a taxa de recrotalización e correr cos custos do novo envío, ao que se pode engadir o pago da colocación se é realizada por servizos externos”.

Ademais, a maiores dos problemas para as granxas derivados da mala identificación dos animais, lembran que “o deterioro ou extravío dun ou dos dous crotais implica penalizacións nas axudas da Política Agraria Común (PAC), entre outras medidas administrativas, recaendo todos os prexuízos nas gandeiras e gandeiros”.

Ante esta situación, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) solicitará unha xuntanza ca Consellaría do Medio Rural para “abordar esta problemática e garantir a volta a uns identificadores animais seguros e de calidade”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información