O sindicato Unións Agrarias denuncia que na modificación orzamentaria presentada pola Consellería do Medio Rural esta semana ante o Ministerio de Agricultura “constátase unha clara falta de financiamento adecuado ao fomento do pastoreo no apartado de axudas agroambientais”.
Para as máis de 4.400 explotacións acollidas a esta modalidade en Galicia están previstos só 68 millóns de euros para o período 2023-2027 malia o “brutal incremento de custos” que están sufrindo as granxas”, indica o responsable da PAC en UUAA, Javier Iglesias.
UUAA pon de manifesto que na última convocatoria 770 explotacións quedaron fora das axudas de pastoreo por falta de orzamento e das que se aprobaron, viron reducida a súa prima unitaria de 110 a 100 euros. Por iso, a organización agraria reclama da Xunta de Galicia que complemente estos fondos, “primeiro por unha cuestión de xustiza e ademais porque estas explotacións supoñen o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade”, asegura Javier.
Estas explotacións supoñen o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade
En Galicia existen 20.000 explotacións de vacún de carne, das que 8.000 están inscritas en Ternera Gallega e 6.000 poden considerarse profesionais. O 32% das mesmas, en torno a 2.500, atópanse en zonas de montaña.
Peor tratadas que as ganderías en ecolóxico
O incremento nas axudas agroambientais para as explotacións que fan pastoreo sen estar en ecolóxico é do 36% para o período 2023-2027, “o que contrasta coa suba de case un 140% lograda para o mesmo período destinado as granxas en ecolóxico, que pasan de 19 a 45 millóns de euros no volume total das axudas”, compara.
Nun territorio no que de non se manteñan as pradarías como cortalumes, o mato convertirase nunha bomba incendiaria forestal de imposible extinción
Desde UUAA valórase positivamente “a sensibilidade orzamentaria” para as ganderías en ecolóxico, que xa suman 580 en Galicia, pero lembran o papel fundamental daquelas outras que fan pastoreo convencional pola importancia que tamén teñen a nivel social e económico en zonas de montaña ou de alta debilidade demográfica, así como a nivel ambiental. “Nun territorio no que de non se manteñan as pradarías como cortalumes, o mato convertirase nunha bomba incendiaria forestal de imposible extinción”, asegura Javier.