Denuncian en Bruxelas os residuos gandeiros de Coren na Limia

Dous colectivos ecoloxistas manterán unha reunión mañá coa Dirección Xeral de Medioambiente da Comisión Europea, un encontro solicitado pola eurodeputada Lidia Senra

Denuncian en Bruxelas os residuos gandeiros de Coren na Limia

Baleirado de cisternas de purín no val do río Salas, na Limia. / Cedida.

Os residuos gandeiros producidos na comarca da Limia (Ourense) polas granxas de porcino e avícolas chegarán mañá á Comisión Europea. Dous grupos ecoloxistas manterán unha reunión coa Dirección Xeral de Medioambiente da Comisión Europea, unha reunión solicitada pola eurodeputada Lidia Senra (Alternativa Galega de Esquerda).

Os colectivos denunciantes, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), solicitan de Bruxelas que inste ó Goberno español a paralizar a instalación de novas granxas na comarca e a controlar a aplicación de puríns na Limia. Os colectivos ecoloxistas consideran que se están vulnerando distintas directivas europeas e subliñan que hai “verquidos de puríns” e de estercos avícolas que se están a aplicar nas proximidades de cursos de auga ou en cantidades excesivas, que facilitan a súa lixiviación ós cursos fluviais en canto chove.

Estercos avícolas en Vilar de Santos.

Estercos avícolas en Vilar de Santos.

Un documento elaborado pola SGHN e o MEL afirma que a concentración de nitratos nas augas da comarca da Limia aumentou máis dun 30% nos últimos tres anos. Os denunciantes responsabilizan directamente á empresa Coren, xestora directa ou por integración da maioría das granxas da comarca, e tamén a firmas de transporte como Aser, encargada do transporte de residuos.

A degradación do entorno da Limia iniciouse a finais do século XX, segundo os ecoloxistas, que advirten da perda de peixes e de fauna nos ríos e encoros, que soportan o verquido na comarca dun millón de toneladas de residuos gandeiros ó ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información