Denuncian a supresión das axudas da PAC para os pastos arbustivos e baixo arboredo de menos de 0,3 hectáreas

Dende OVICA e a SGPF advirten de que Galicia será a Comunidade máis prexudicada por esta medida tomada pola Consellería de Medio Rural.

Denuncian a supresión das axudas da PAC para os pastos arbustivos e baixo arboredo de menos de 0,3 hectáreas

Cabras en pastos arbustivos no Monte Cabalar (A Estrada). Autor: Monte Cabalar

As superficies de pastos arbustivos ou baixo arborado de menos de 3.000 metros cadrados non percibirán este ano axudas da PAC tras unha decisión administrativa da Consellería do Medio Rural que afecta directamente ao pago de certas axudas comprometidas na PAC da presente campaña como a IC (indemnización compensatoria de zona de alta montaña e zonas desfavorecidas). Nalgunhas explotacións as reducións das axudas da PAC superarán o 30%.

Así o denuncian dende OVICA (Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia) e a SGPF (Sociedade Galega de Pastos e Forraxes), que advirten que esta medida afectará principalmente ás explotacións gandeiras en extensivo, situadas en zonas de montaña das catro provincias galegas.

Tamén advirten de que a redución de superficie beneficiada polas axudas da PAC pode afectar ao cobro de outras axudas directamente vencelladas ao mantemento da carga gandeira e polo tanto da superficie declarada.

Coa reforma da PAC para o período 2014-2020 foi imposto desde la Comisión Europea un novo coeficiente de admisibilidade de pastos (CAP), que exclúe bosques, zonas leñosas e territorios de alta montaña na maioría xestionados por montes veciñais en man común, nos que tradicionalmente se viña facendo unha xestión dese territorio en base a un aproveitamento extensivo do mato e monte baixo por parte do gando.

Por este motivo, OVICA se adheriu a campaña promovida dende a “Plataforma por la Ganadería Extensiva y el Pastoralismo” no mes de setembro co fin de lograr que as autoridades encargadas de xestionar as axudas da PAC a nivel do territorio español se sentasen a valorar a necesidade de readaptar a normativa europea ás características intrínsecas do noso territorio e se solicitou unha entrevista para valorar posibles alternativas e solucións coa Directora Xeral de Produción Agropecuaria e do FOGGA “sen obter ningunha resposta”.

Perseguiuse un tratamento xusto na PAC para todos os pastos efectivamente empregados polo gando, para que sigan sendo admisibles nas axudas directas e enviouse un informe á Comisión Europea na que se realizou unha análise pormenorizada de cinco tipos de pastos arborados e oito pastos arbustivos característicos da España peninsular e animouse ás Comunidades Autónomas a empregar a fórmula das Prácticas Locais Establecidas (aplicable tanto a usos tradicionais como a necesidades de conservación de hábitats protexidos).

“Sen embargo, en Galicia, a Consellería de Medio Rural, lonxe da adoptar medidas excepcionais ou políticas encamiñadas en defender a figura do pastor e do gandeiro de zonas de montaña e zonas con especiais dificultades, o que se optou foi aplicar un xiro de parafuso máis e curarse en saúde para evitar sancións nas inspeccións da Unión Europea por superar a porcentaxe de superficie non admisible (marcada desde a UE) sobre a declarada en zonas de pastos arbustivos e baixo arborado, repercutindo no propio gandeiro as consecuencias dunha nula defensa e planificación en figuras de protección do sector primario en Galicia”, aseguran dende OVICA e a SGPF.

En Andalucía ou en Castela e León si se tomaron medidas

silvopastoral_monte_vacas3_standar

Vacas en pastos arbustivos na Serra do Barbanza

Neste sentido, as dúas organizacións contrapoñen o camiño elixido pola Xunta de Galicia co doutras comunidades autónomas como Andalucía, onde se recoñeceu e se protexeu o valor e a especificidade da súa dehesa fronte á normativa comunitaria; ou a propia Consejería de Agricultura y Ganadería de Castilla y León que accedeu a revisar todos os expedientes afectados pola redución do coeficiente de admisibilidade de pastos para evitar na medida do posible que os gandeiros saísen seriamente prexudicados pola redución indiscriminada do CAP.

Dende OVICA e a SGPF denuncian que o anuncio desta quita na superficie de pastos arbustivos e sobre arborado “ao ser equiparados a un coeficiente de admisibilidade cero de xeito indiscriminado e sen unha inspección in situ de campo previa e á metade da “partida”, é totalmente inxusta, cambia totalmente as regras do xogo e deixa en manifesta indefensión a moitos gandeiros, que quedan condenados sen marxe de manobra para xustificar a superficie inicialmente comprometida neste período de 5 anos da nova PAC”.

“Deste xeito, moitos gandeiros poden ver reducida a súa superficie declarada o que implicará reducións nas súas axudas percibidas ata o final de 2020, chegando a producirse algúns casos con problemas graves como o incremento da carga gandeira (UGM/Ha.), que pode comportar a perda total de axudas ó desenvolvemento rural como a IC e as agroambientais”, conclúen dende OVICA e a SGFP.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información