Gandería Carballeiras é unha granxa de vacún de leite de Lalín (Pontevedra), con 220 vacas en muxido, que dende hai algo máis dun ano traballan coa empresa galega BPA, especializada en produtos e asesoramento para a recría, entre outros servizos.
“A pesar de vacinalas tiñamos problemas de pneumonía nas becerras, debido sobre todo a correntes de aire, e queríamos ter xatas máis sás, que puideramos inseminalas antes, e que no futuro foran vacas con boa saúde e altas producións vitalicias”, explica Miguel Madriñán, terceira xeración á fronte desta gandería familiar.
Tras una ano de traballo con BPA os resultados valorános moi positivamente: “Logramos reducir nun 50% o uso de antibióticos nas becerras, co conseguinte aforro e mellora da saúde, e pasamos de inseminalas con 14 meses a facelo con entre 12,5 e 13 meses, o que tamén supón unha mellora da rendibilidade, pois son animais que entrarán en produción antes”, detalla o gandeiro.
Para iso, unha veterinaria de BPA visita cada semana Gandería Carballeiras, para supervisar a evolución da recría. “Fainos unha visita semanal, na que nos asesora, realiza ecografías pulmonares e indícanos os animáis que hai que vixiar. É algo que valoramos moi positivamente, pois está enriba para que fagamos as cousas ben coa recría e para calquera problema está disponible”, destaca Miguel Madriñán.
Un protocolo de recría para lograr as mellores vacas
Facer as cousas ben na recría implica tamén seguir un protocolo na crianza das becerras, con asesoramento técnico.
Así, en Gandería Carballeiras cando un becerro nace o primeiro paso é que reciba un correcto encostrado, facendo que mame 3 litros de costro o antes posible, completando con outras tomas nos seguintes tres días.
Posteriormente, o animal pasa a un box individual, onde se lle subministrará leite maternizado, con auga limpa e forraxe de avea a libre disposición. A continuación, pasan a un grupo con amamantadora automática, con dous lotes, un de menos de 1 mes e outro de máis dun mes.
“Nestas primeiras fases estannos a funcionar moi ben os produtos de BPA como son a papilla para as becerras de menos de 1 mes, o leite maternizado, e o penso en copos para as xatas de máis dun mes. Notamos que son produtos máis dixestibles, que permiten que as becerras medren máis, o que facilita realizar antes o destete, que facemos de media aos 77 días de vida, cando acadan un peso de entre 110 e 130 kilogramos”, explica Miguel.
A inseminación realízana con entre 12,5 e 13 meses, empregando embrións a primeira vez e seme sexado como segunda opción.
“Parécennos un grupo de bos profesionais que nos están axudando a mellorar a recría, algo clave para unha granxa de vacún de leite tanto polo gasto que supón como porque estamos criando as futura produtoras de leite”, valora Miguel sobre BPA.