Dende a próxima semana poderán solicitarse as axudas da PAC en Galicia

Dende a próxima semana poderán solicitarse as axudas da PAC en Galicia

O Consello da Xunta coñeceu este xoves un informe da Consellería do Medio Rural sobre a convocatoria 2019-2020 das axudas da Política Agrícola Común (PAC), que este ano contarán cun orzamento global de 210 millóns de euros.

No documento especifícase que uns 30.000 beneficiarios de toda Galicia recibirán preto de 170 millóns de euros correspondentes aos pagamentos directos da PAC e 40 millóns de euros das medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas).

Así, a Consellería de Medio Rural informa de que “a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia está prevista para a vindeira semana, co obxecto de que todas as persoas interesadas poidan ter coñecemento do seu contido e presentar axeitadamente a súa solicitude desde o primeiro día do prazo que permite a normativa, é dicir, o 1 de febreiro”.

Estas axudas da política agrícola común, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), teñen por obxecto contribuír a reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que se trata de potenciar os agricultores realmente activos e prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o ambiente (medidas agroambientais).

As axudas poderán solicitarse ata o 30 de abril

Esta convocatoria segue a ser pioneira no ámbito da redución das cargas burocráticas e da tramitación electrónica, xa que o 100% das solicitudes se tramitará de forma telemática, o prazo de presentación rematará o vindeiro 30 de abril.

Ademais, cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural traballa con máis de 50 entidades colaboradoras para prestar apoio ás persoas interesadas nestas achegas, entre as cales destacan bancos, asociacións agrarias, organizacións profesionais e entidades de aconsellamento.

En dous meses a Xunta prevé rematar de pagar as axudas da PAC do 2018

O informe aprobado hoxe polo Consello da Xunta tamén recolle o balance dos pagamentos efectuados da PAC na campaña 2018-2019 ata o momento. Así, o Fondo Galego de Garantía Agraria aboou máis de 136 millóns de euros a case 25.000 beneficiarios. “O resto de pagamentos pendentes desta campaña faranse efectivos unha vez que se completen os preceptivos controis sobre o terreo ou administrativos. Prevese completar o pagamento nun prazo aproximado de dous meses. En todo caso, o período legalmente establecido finaliza o 30 de xuño”, informan desde Medio Rural..

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información