Demillo: a aposta de Avícola Tratante por recuperar o ovo tradicional galego

A empresa Avícola Tratante, acollida ao selo de Galicia Calidade, lanza ao mercado os seus ovos Demillo, de galiñas alimentadas a base de millo. Innovación e aposta pola calidade son as claves desta empresa de Dozón, que está amparada polo selo de Galicia Calidade

Demillo: a aposta de Avícola Tratante por recuperar o ovo tradicional galego

Ovos "Demillo" de Avícola Tratante, procedentes de galiñas alimentadas maioritariamente con millo

Producir un ovo de galiña coa cor, textura e sabor dos que tradicionalmente se producían en Galicia, pero a gran escala para garantirlle un prezo asequible ao consumidor. Con este obxectivo, a empresa galega Avícola Tratante lanzou este ano ao mercado os seus ovos “Demillo”, producidos por galiñas alimentadas a base de millo.

Segundo explica Alejandro Campos, xerente de Avícola Tratante, “a clave deste produto diferenciado está nunha alimentación das galiñas maioritariamente con millo, o que lle aporta ao ovo unha cor máis intensa da xema e unha clara máis compacta”. “O que buscábamos -engade- era producir a gran escala o tipo de ovo tradicional que houbo toda a vida en Galicia de galiñas alimentadas principalmente a base de millo”.

De momento a acollida dos ovos “Demillo”, disponibles tanto na gama de galiñas en gaiola como de campeiras, “está a ser moi positiva: sacámolos ao mercado en marzo e o consumidor galego valora este produto diferenciado que lle sabe como os ovos de antes”, destaca Alejandro Campos. Ademais, a alimentación das galiñas está certificada por unha auditora externa e contan co selo de Galicia Calidade.

350.000 galiñas producindo ovos de calidade para toda Galicia

Avícola Tratante é hoxendía unha das primeiras empresas avícola de Galicia. Conta con 350.000 galiñas poñedoras repartidas en dúas granxas de posta no municipio pontevedrés de Dozón, tres en Carballedo, dúas granxas de galiñas campeiras en Curtis e unha de galiñas ecolóxicas en Arzúa. O seu moderno Centro de Clasificación e de Envasado está tamén no concello de Dozón, ao igual que a planta de fabricación de pensos, que forma parte do mesmo grupo empresarial familiar.

Venden o 99% da súa produción no mercado galego, “porque a nosa aposta é por darlle ao cliente un ovo fresco, que recollemos diariamente, e de cercanía”, destaca Alejandro Campos. O ovo de galiñas en xaula representa arredor do 86% da súa produción, mentres que o ovo campeiro supón un 12% e o 2% restante corresponde a ovo ecolóxico.

“Este ano aumentarán as vendas un 5% ata os 9 millóns de euros”

O 90% das súas vendas, arredor de 8 millóns de ducias anuais, concéntranse nas empresas de distribución, case o 90% do total, tanto con marca propia como marca branca, mentres que o 10% restante comercialízano para a industria alimentaria, fundamentalmente para a elaboración de ovoproductos.

A diferencia da tendencia xeral do sector do ovo en España, “as vendas de Avícola Tratante manteñen un crecemento sostido e constante e este ano esperamos rematar cun incremento das vendas do 5% ata acadar os 9 millóns de euros”, avanza o xerente da empresa.

¿E cales son as claves para o éxito empresarial nun sector tan maduro, competitivo e de escasas marxes como é o do ovo?: “Sen dúbida a excelencia no servizo, nunca deixamos a ningún cliente sen servir; en segundo lugar, a aposta pola calidade, e en terceiro sermos moi competitivos en prezo”, asegura Alejandro Campos.

En canto á calidade, esta fundaméntase na frescura do produto, nunha alimentación das galiñas a base de millo, soia, trigo e cebada e na aposta polo benestar animal. Neste sentido, as instalacións das granxas foron totalmente renovadas dende o ano 2011 para adaptarse á nova normativa europea sobre benestar animal. Desta forma, as galiñas están en gaiolas máis grandes e con máis espazo por ave, e contan con niños ou zonas de raspado para que a galiña teña un comportamento o máis natural posible. No caso das campeiras, as galiñas dispoñen tamén de 4 metros cadrados por ave no parque.

Detección automática de calquera anomalía no ovo

Dende o punto de vista tecnolóxico, Avícola Tratante está á vangarda do sector, especialmente no seu Centro de Clasificación e Envasado, renovado no ano 2008 e que conta coa maquinaria máis innovadora. “A máquina clasificadora detecta os ovos suxos, os fisurados ou os rotos, un proceso que antes se tiña que facer visualmente e a man, e que agora é moito máis eficaz. Ademais, a máquina somete aos ovos a un pase de raios ultravioletas que baixan a carga bacteriana da cáscara do ovo”, explica o xerente da empresa.

Esta avanzada tecnoloxía tamén detecta manchas de carne ou de sangue interiores no ovo.“As pintiñas vermellas de sangue non implican ningún risco sanitario e estes ovos pódense consumir perfectamente, pero por unha cuestión estética retirámolos e destinámolos á industria”, explica Alejandro Campos.

tratante_ovos_01_vertical

Alejandro Campos, xerente de Avícola Tratante, fronte ao logo da empresa

De criar pólas a ser a empresa líder en Galicia en venda de ovos

As orixes de Avícola Tratante remóntanse aos anos 60 do pasado século en Narón, cando o fundador da empresa se empezou a dedicar á cría e venda de galiñas novas, pólas, con 17 semanas de vida, listas para empezar a poñer ovos. A finais dos anos 70 dáse o paso de diversificar a actividade coa venda de ovos na comarca de Ferrolterra.

A vinculación coa comarca do Deza comeza a finais dos anos 70 cando José Vázquez Diéguez comeza a traballar tamén en Dozón cunha nova granxa de posta. Pouco a pouco os centros de produción de Avícola Tratante pasan a concentrarse no Deza. É entón cando nace oficialmente Avícola Tratante, ampliando o numero de granxas de posta e iniciando un proceso de expansión ao longo dos anos 90.

O nome de Avícola Tratante ven da casa na que naceu José Vázquez Diéguez, a Casa do Tratante, en Carballedo (Lugo), que tomou o nome do oficio dos seus antepasados.

“Dende 2012 os seus ovos campeiros están certificados por Galicia Calidade”

A día de hoxe esta empresa é líder en Galicia na venda de ovos e proporciona emprego directo a 27 persoas. Dende xuño de 2012 os seus ovos campeiros están certificados por Galicia Calidade, un selo de garantía de calidade que esperan que nun futuro tamén se estenda aos ovos producidos en gaiola.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información