Unha serie de organizacións ecoloxistas, sociais e agroforestais, entre as que se atopan o Sindicato Labrego Galego, a Federación Rural Galega ou a Organización Galega de Comunidades de Montes, veñen de presentar un manifesto no que demandan á Xunta de Galicia que estableza unha moratoria indefinida para as novas plantacións de eucalipto, en vista de que a actual remata o vindeiro 31 de decembro.
En febreiro de 2021, o Consello da Xunta decidiu regular con carácter temporal as novas plantacións de eucalipto nas zonas que naquela altura non se encontraban plantadas e permitir unicamente as repoboacións con esta especie naquelas parcelas nas que xa existían. O 2 de xullo daquel ano entraba en vigor a anunciada moratoria de 5 anos (até o 31 de decembro de 2025), encadrada dentro da primeira revisión do Plano Forestal de Galicia 2021-2040, que a maiores pretendía reducir nunhas 200.000 hectáreas, en 20 anos, a superficie plantada a eucalipto.
Sen embargo, os asinantes deste manifesto lembran que “a realidade posta de manifesto polo Inventario Forestal Continuo da Galiza (IFCG) é que a superficie dedicada ao eucalipto na Galiza non deixou de medrar: pasando de 370.000 hectáreas plantadas con eucalipto no ano 2011 a 409.000 no 2023 (…..), co que a pretensión manifestada polo goberno galego do PP, de reducir nunhas 200.000 hectáreas a superficie plantada a eucalipto de cara o ano 2040, está moi lonxe de se cumprir”.
Ademáis, os asinantes advirten de que “a actual moratoria adoece dunha absoluta falta de transparencia, avaliación e coñecemento público das actuacións realizadas e das plantacións ilegais eliminadas por parte da Consellaría, o que nos fai desconfiar dunha verdadeira acción real da Xunta de Galiza para facer valer esta moratoria e sancionar as plantacións ilegais de eucalipto”.
Unha situación de expansión do cultivo do eucalipto que segundo as organizacións que apoian este manifesto vaise agrabar co proxecto dunha nova celulosa de grandes dimensións promovida por GREENFIBER, S.L. (Altri máis Greenalia) en Palas de Rei. “Resulta curioso que un proxecto como o analizado, que incrementaría a demanda de eucalipto para a industria da pasta de celulosa en case un 50 %, non acabe de aclarar de onde procederá a materia prima necesaria e se protexa baixo a afirmación, a todas luces equivocada, de que o eucalipto en Galiza non conta cun mercado real e hai oferta suficiente”, advirten.
Por tanto, conclúen que “non sería posible abastecer a planta de Altri sen incrementar substancialmente a área ocupada por plantacións de eucalipto en Galiza, ou ben sen importar un volume considerable de madeira desde o sur de América”.
Por todo isto, defenden que “cómpre mudar a visión e a orientación da política para o monte, transitando desde un modelo intensivo e forestalista, en base ao monocultivo de eucalipto, cara a un monte que siga como principios reitores a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social”.
Medidas
Por todo o exposto e en relación coa fin da moratoria de novas plantacións de eucalipto que expira o 31 de decembro deste ano 2025, os asinantes demandan do Goberno Galego a adopción das seguintes medidas:
-Moratoria indefinida para novos plantíos de Eucalyptus até que se elabore una normativa específica para a ordenación das masas de eucalipto no territorio galego, e prohibición dest especie na RGEP (Rede Galega de Espazos Protexidos).
-Prohibición das novas plantacións de Eucalyptus nitens e de repoboacións con robinias, acacias, Pawlonia e bambús, e outras especies invasoras. Erradicación destas na RGEP.
-Programa de redución progresiva da superficie ocupada por eucaliptos e outras especies exóticas invasoras presentes no monte galego: robinias, ailantos, cortaderias, calas, ortensias, bambús, crocosmias, etc.
-Programa de eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos, que contemple opcións alternativas ao uso do eucalipto para os e as titulares do monte.
-Constitución dun grupo de traballo que teña como obxectivo a elaboración dunha normativa para a ordenación das masas de eucaliptais, conformado, entre outras, polas entidades e organizacións que viven, traballan ou xestionen o monte e o medio rural. Esta normativa terá que ter conta de que os espazos susceptíbeis para a plantación do xénero Eucalyptus deberan estar ordenados e xestionados, coa reserva dunha parte da superficie ocupada para producir madeira de calidade.
Organizacións asinantes:
ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza)
AGA (Asociación Galega de Apicultura)
APDR (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra)
CIG (Confederación Intersindical Galega)
FEG (Federación Ecoloxista galega)
FRUGA (Federación Rural Galega)
GALICIA AMBIENTAL, Asociación de profesionais ambientais
INGATECO (Instituto Galego de Terras Comunitarias)
ORGACCMM (Organización Galega de Comunidades de Montes)
SLG (Sindicato Labrego Galego)