Demandan unha etiquetaxe clara para o mel en España

Demandan unha etiquetaxe clara para o mel en España

Comparación entre unha etiqueta de mel en España e en Italia.

A plataforma de etiquetaxe clara do mel, composta por organizacións de apicultores -como a Agrupación Apícola de Galicia ou a Asociación Galega de Apicultura-, organizacións de consumidores e grupos ecoloxistas demandan cambios na lexislación española para evitar a situación actual, na que “un mel pode pór na etiqueta Fabricado en España aínda que o 99% do produto proceda de fóra da Unión Europea”, especialmente de China.

Neste sentido, os cambios que se solicitan ao Goberno español son:

-Modificar a actual Lei de Etiquetaxe do Mel, especificando a procedencia do mel e as porcentaxes.

-Especificar na etiqueta do mel se esta foi pasteurizado ou non e detallar a deterioración por este proceso. Desde a plataforma lembran que “o mel non necesita ser pasteurizado, xa que posúe os seus propios conservantes intrínsecos e bactericidas de forma natural. (….) Pola contra, coa pasteurización o mel perde moitas das súas propiedades e serve unicamente como edulcorante”.

En concreto, advirten de que con este proceso utilizado pola gran industria envasadora para garantir que o mel sempre estea líquido e non cristalice “acelérase a descomposición dos seus azucres orixinais, pérdese recendo e modifícase o seu sabor e dá lugar á destrución das súas encimas e compoñentes de actividade biolóxica, moitos dos cales están asociados a propiedades terapéuticas e curativas”.

-Por último, desde a plataforma piden ao goberno que tome medidas antidumping contra aqueles países que están a introducir mel por baixo dos custos de produción. En concreto, refírense especialmente ao mel chinés, “do que están a chegar partidas á metade do prezo de produción, pondo en perigo miles de postos de traballo en España e unha actividade esencial para o medio ambiente como é a apicultura”.

Para máis información:

https://etiquetadoclaro.wordpress.com/

#etiquetadoclaroya

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información