Demandan a simplificación dos permisos de corta na zona demarcada polo nematodo

A Asociación Forestal de Galicia, que vén de manter un encontro en Tomiño con comunidades de montes socias, empraza á Xunta a axilizar a corta de árbores queimadas ou decaídas, que son un risco para a expansión da praga

Demandan a simplificación dos permisos de corta na zona demarcada polo nematodo

Reunión da Asociación Forestal de Galicia con comunidades de montes socias do Baixo Miño.

O sector forestal está preocupado polos retrasos que se producen con frecuencia na corta de piñeiros secos, decaídos ou queimados que están na zona demarcada polo nematodo, un área que abarca todo o sur da provincia de Pontevedra. Estas árbores, que poden favorecer a expansión da praga do nematodo, deben cortarse con urxencia tras a súa detección, pero a burocracia está a retrasar parte das cortas durante varios meses.

A normativa especifica que toda árbore con síntomas de decaímento debe eliminarse de inmediato durante o periodo de voo do insecto vector, que comeza o 1 de abril e prolóngase ata outubro. A ese 1 de abril, en teoría, o monte debería chegar libre de pés secos ou queimados, que se deben eliminar durante o inverno, pero na práctica non é así, entre outras cuestións porque a xestión de permisos de corta é un quebradeiro de cabeza para comunidades de montes e propietarios.

A maiores, a Xunta recoñecía en xaneiro que aínda non estaba resolta a retirada de toda a madeira queimada no sur de Pontevedra nos grandes lumes do outono do 2017 . En concreto, Medio Rural estimaba en arredor de 1.000 hectáreas as pendentes de corta.

Problemas con Patrimonio e Confederación Hidrográfica
A Asociación Forestal de Galicia (AFG), que vén de reunirse esta fin de semana en Tomiño con comunidades de montes socias, constatou a inquedanza dos comuneiros polas dificultades que teñen para eliminar pés secos ou decaídos do monte. O problema céntrase naqueles montes que teñen afeccións de organismos como Patrimonio, Confederación Hidrográfica ou Estradas, pois neses casos, incluso para proceder á corta dunha única árbore seca ou decaída precísase dun permiso específico do correspondente organismo, que en ocasións tarda meses en contestar.

Nunha recente reunión que houbo en Pontevedra da Mesa Provincial de Seguemento do Nematodo, na que participa a AFG xunto con outras asociacións do sector (Fearmaga, Monte-Industria, Asefoga, Organización Galega de Comunidades de Montes), trasladóuselle en conxunto á Xunta a necesidade de simplificar as cortas na zona demarcada, pois enténdese que debe prevalecer a necesidade de control e erradicación da praga fronte a outros criterios.

A Xunta aclarou que non hai restriccións polo de agora ó movemento de madeira en rolla a Portugal. A madeira aserrada si ten que pasar un tratamento térmico para a súa venda

Esta axilización -sinalan desde a Asociación Forestal de Galicia- podería ir acompañada de condicionamentos xenéricos que garantisen as proteccións que correspondese en cada caso (Patrimonio , augas, etc.). A Xunta comprometeuse a estudar a cuestión, na busca dunha posible solución.

O sector forestal tamén lle trasladou á Administración a necesidade de que naqueles montes particulares que presenten unha escasa xestión, a empresa Tragsa proceda de xeito áxil á retirada dos pés secos ou queimados, de xeito que o traballo que están acometendo as comunidades de montes se vexa completado en propiedades particulares próximas que escapan o seu control.

Ao tratarse o control do nematodo dun asunto declarado de utilidade pública, Tragsa ten desde hai anos unha encomenda da Xunta que lle permite acceder a parcelas forestais particulares para eliminar todo pé sintomático, seco ou queimado.

Movemento de madeira con Portugal
Outra cuestión que se aclarou na reunión da Mesa Provincial de Seguemento do Nematodo é que mantense a autorización de movementos de madeira en rolla a Portugal, é dicir, os piñeiros cortados na zona demarcada poden ser vendidos a industrias transformadoras ubicadas en Portugal, pois ao ser todo Portugal zona demarcada polo nematodo, esa rolla non sairía dunha zona demarcada.

Distinto é o caso da madeira xa aserrada e transformada, pois nese caso precísase que toda a madeira sexa sometida a un tratamento térmico para eliminar calquera posible presenza de nematodos, de xeito que obteña o pasaporte fitosanitario que permita a súa comercialización.

Grupo provincial de seguemento do nematodo, constituído pola Xunta e entidades do sector.

Grupo provincial de seguemento do nematodo, constituído pola Xunta e entidades do sector.

Medio Rural compromete axudas para a silvicultura do piñeiro na zona demarcada e na zona tampón con Portugal

O sector forestal trasladoulle tamén á Xunta a necesidade da posta en marcha de axudas para a silvicultura na zona demarcada. A este respecto, Medio Rural confirmou que está a traballar nunha orde de axudas específicas para a zona demarcada, que abrangue todo o sur da provincia de Pontevedra, e para a zona tampón en Ourense, que inclúe unha franxa de 20 quilómetros na fronteira con Portugal.

A Asociación Forestal de Galicia considera prioritaria a convocatoria destas axudas para potenciar a correcta silvicultura nas masas de coníferas, de xeito que se mellore a súa sanidade con desmestas, podas e coa eliminación das árbores sintomáticas directamente pola propiedade, triturándose os restos de cortas e podas cunha máquina de martelos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información