A recente publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución das axudas de Plans de Mellora da Consellería do Medio Rural deixou sen apoio a arredor dun terzo das solicitudes presentadas. En total, denegáronse máis de 500 expedientes, mentres que tan só 180 recibiron aprobación.
Unións Agrarias (UUAA) insiste na importancia desta liña de axudas, que non só facilita a modernización das explotacións e a incorporación da xente nova ao sector, senón que tamén dinamiza outras actividades no medio rural, como a construción, a maquinaria, etc.
A situación xerada preocupa especialmente no caso dos mozos que recentemente recibiron axudas para incorporarse á actividade, pero que agora quedan sen apoio para desenvolver os seus proxectos.
Segundo cuestionan desde Unións Agrarias, esta falta de financiamento pon en risco a viabilidade das explotacións e urxe a unha solución que priorice estas solicitudes.
UUAA subliña que esta problemática evidencia a necesidade de incrementar o orzamento destinado a estas axudas dentro do Plan Estratéxico da PAC. Actualmente, estas intervencións contan cunha cofinanciación do 60 % por parte da Unión Europea e un 12 % do Ministerio.
“Dende Unións Agrarias, seguimos plantexándolle á Consellería que este tipo de axudas deben permitir unha programación dun horizonte temporal para as explotacións”, indican. Consideran que as explotacións deberían poder distribuír os investimentos ao longo de varios anos, evitando que os beneficiarios teñan que afrontar grandes gastos de forma inmediata.
A convocatoria de 2024 puxo en evidencia os problemas deste sistema. A limitación orzamentaria permitiu atender un número moi reducido de expedientes, concentrando un elevado investimento en poucas explotacións, mentres moitas outras quedaron fóra do reparto.
Para evitar esta situación no futuro, a organización agraria propón “deseñar unhas liñas de axudas plurianuais, mantidas no tempo e que teñan obxectivos prioritarios claros de sector, e que eviten afondar na diferenciación de explotacións por tamaño”.
Ademais, instan a recuperar a diferenciación entre produción vexetal, e mesmo a establecer liñas separadas para a produción de leite e carne, co obxectivo de garantir un reparto máis equitativo dos fondos.
Unións Agrarias avoga pola modificación das partidas orzamentarias dentro do Plan Estratéxico da PAC, algo que xa plantexou na comisión de seguemento do Plan Estratéxico da PAC, para aumentar o financiamento desta liña de axudas, pois en tanto faltan fondos para investimentos en explotacións, outras liñas de actuación da PAC presentan un menor grao de execución, “podendo chegarse ó caso de que haxa que devolver fondos por non executalos, como ten pasado en periodos anteriores”, advirten.
Visita da conselleira a unha gandería de Láncara beneficiada por apoios

Visita da conselleira a Barreal Augalevada SC
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, desenvolveu unha visita de campo para poñer en valor as axudas do seu departamento para impulsar plans de mellora de explotacións e para fomentar a remuda xeracional no agro. En concreto, desprazouse á Gandaría de vacún de leite Barreal Augalevada SC, situada no concello lucense de Láncara e que foi beneficiaria destas achegas. Esta explotación ten concedida unha axuda de 340.000 euros por plan de mellora e incorporación de persoas mozas na convocatoria de 2024, que sumada ás xa recibidas con anterioridade supoñen máis de 474.000 euros en achegas nos últimos cinco anos.
A conselleira, que estivo acompañada nesta visita polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, salientou que estas achegas constitúen unha das liñas máis importantes de Medio Rural e lembrou que onte mesmo se publicou no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria correspondente ao 2024, dotada con arredor de 45,9 millóns de euros.
Estes fondos propiciarán a mellora de 370 explotacións e apoiarán a incorporación de 320 mozos (menores de 40 anos) e de 133 novos agricultores (de 41 a 55 anos de idade). A conselleira destacou que se trata, polo tanto, de máis de 800 expedientes en total. Sinalou ademais que, por provincias, en termos xerais Lugo segue sendo a máis beneficiada por estas achegas e que, por sectores, a maior parte dos fondos e dos expedientes aprobados corresponden ao vacún de leite e de carne, seguidos dos doutras orientacións gandeiras e, en menor medida, de producións vexetais.