Demandan máis partidas para o agro do Fondo de Reconstrucción

España recibirá uns 700 millóns de euros, que se repartirán entre os Plans de Desenvolvemento Rural das comunidades autónomas para financiar a dixitalización e accións polo clima

Demandan máis partidas para o agro do Fondo de Reconstrucción

O comisario de Agricultura da UE, con ministros de distintos países, antes da reunión de onte.

O novo Fondo de Reconstrucción Económica da UE, denominado ‘Next Generation’, contará cuns 7.500 millóns de euros para o agro. Desta partida, España disporá duns 700 millóns de euros, que se dividirán entre os Plans de Desenvolvemento Rural (PDR) das comunidades autónomas para sufragar accións polo clima e a prol da dixitalización do sector.

Coincidindo coa celebración do Consello de Ministros de Agricultura da UE, a organización agraria COAG demanda un aumento das partidas de reconstrucción para o agro, que finalmente son un 50% menores ás previstas inicialmente pola Comisión Europea.

A COAG pide ademais que estes fondos se distribúan nas anualidades 2021 e 2022, de xeito que se inclúan no Reglamento de Transición ata a nova PAC, que entrará en vigor no 2023.

Decisións sobre a futura PAC hoxe en Bruxelas
O Consello de Ministros de Agricultura iniciou este luns un debate de dous días sobre a reforma da Política Agraria Común (PAC). Espérase para hoxe un acordo sobre as cuestións principais, de xeito que poidan comezar a elaborarse xa os reglamentos correspondentes ó futuro periodo da PAC, que deberian de estar listos no primeiro semestre do 2021.

Sobre a mesa, varias cuestións relevantes. Un dos asuntos a debate é a porcentaxe de fondos da PAC que se destinarán ós ecoesquemas, é dicir, a pagos por compromisos ambientais de agricultores e gandeiros. Nos últimos meses, países como Alemania apostaran por un mínimo do 30%, pero finalmente semella que o acordo vaise pechar en torno a un mínimo do 20% dos fondos para ecoesquemas, tal e como defende España.

O teito das axudas que pode recibir cada explotación é outro dos asuntos polémicos. Desde as organizacións agrarias víñase pedindo un teito de 60.000 euros por beneficiario, pero semella que o acordo pecharase nos 100.000 euros.

A Estratexia Da Granxa á Mesa

Unha das liñas mestras que guiará a futura PAC é a estratexia Da Granxa á Mesa, presentada pola Comisión Europea nos últimos meses. Os ministros de Agricultura debatiron onte sobre como trasladar ese marco xeral a propostas lexislativas. Da Granxa á Mesa é unha estratexia que, en resumo, busca reducir a pegada de carbono do agro europeo, así como o consumo de pesticidas, fertilizantes e antibióticos, na procura dunha agricultura máis verde e saudable.

Hai consenso entre os ministros en que Europa ten os máis altos estándares mundiais en seguridade alimentaria e calidade nutricional, algo que debe continuar así, pero entre os ministros hai voces que advirten da necesidade de avanzar nos compromisos de terceiros países cara estes estándares, pois na práctica interprétase que hai unha certa competencia desleal de importacións de terceiros países, sometidos a normas máis laxas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información