O secretario xeral de Unións Agrarias na Denominación de Orixe Rías Baixas, Manuel Ángel Dopazo, demandou onte en rolda de prensa o apoio por parte da administración, e especialmente da Xunta de Galicia, para que as adegas da denominación podan cumprir cos prazos de pago aos viticultores que establece a Lei da Cadea Alimentaria.
Dopazo lembrou que “o propio presidente da AICA -Axencia de Información e Control Alimentario- advertiu de que esta vendima farán controis de oficio nas adegas para verificar o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria”. A norma, establece que para as compras de uva por importe superior aos 2.500 euros as adegas terán que asinar obrigatoriamente co viticultor un contrato no que figurarán o prezo e o prazo de pagamento. Este non deberá exceder os 30 días dende o remate da entrega das uvas, aínda que, segundo avanzou Dopazo, “parece que para as Denominacións de Orixe se vai admitir un recurso presentado polas adegas para que o prazo de pago conte dende a calificación da uva, que ven sendo como moi tarde o 10 de decembro, co que nos situaríamos no 10 de xaneiro como data límite de pago”.
Manuel Ángel Dopazo amosou o seu apoio a estes prazos “xa que nos últimos anos vemos como os viticultores cobramos cada vez máis tarde, ata dous anos despois da entrega da uva, e incluso constatamos como algunhas adegas se financian a costa dos viticultores”.
“A administración non debe permitir que peche ningunha adega por non cumprir a lei”
O responsable de Unións Agrarias en Rías Baixas recoñece que “estes novos prazos de pago, de entre dous e tres meses despois da entrega da uva no caso das DO, poden provocar que as adegas teñan dificultades financeiras para facerlles fronte”.
Neste sentido, instou á Xunta de Galicia “a que poña as medidas necesarias para que as adegas podan financiarse e cumprir a lei”. Puxo como exemplo as liñas de financiamento do IGAPE que ata o 2013 lle adiantaban o diñeiro ás adegas para cumprir cos contratos homologados no sector do viño.
“Non queremos que ningunha adega peche por non poder cumprir a lei no relativo aos prazos de pago, e a Administración non debe permitilo”, subliñou.
Por último, o secretario de Unións Agrarias en Rías Baixas lembrou que “as sancións da AICA por incumprir a Lei de Cadea Alimentaria van dende os 3.000 euros por cada viticultor, para as faltas leves, ata os 100.000 para as graves”.