O Sindicato Labrego Galego alerta que o proceso de renovación de contratos do leite contempla baixadas de prezos, malia á alza de prezos en produtos como a manteiga ou o prezo que se paga polo leite noutros países.
Ademais, denuncian que algunhas granxas pequenas están a quedar sen posibilidade de renovar contrato coa súa empresa de sempre polas súas características de illamento ou o manexo e instalacións. Trátase de granxas fóra de ruta, granxas con estabulación trabada ou mesmo granxas con baixas producións.
Fronte a esta situación, a Dirección do Leite do Sindicato Labrego acordou realizar protestas ante os organismos que velan polo cumprimento da Lei da Cadea, tanto a nivel galego como estatal, así como solicitar entrevistas tanto co Director Xeral de Política Agraria Común (PAC) e control da Cadea Alimentaria como coa directora da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) estatal.
Tamén teñen previsto informar ós consumidores desta situación e denunciar as prácticas abusivas das industrias coas granxas.

Reunión da Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego, este mércores durante a reunión na que abordaron a situación do sector.
Subas nos custos de produción
Ademais, advirten que unha nova baixada do prezo do leite pode traer importantes consecuencias para as granxas ante a situación de incezteza climática e a alza dos custos de produción que pode deixar.
Tamén queren facer chegar ás administracións públicas a importancia de desenvolver campañas e estratexias de comunicación orientadas a visibilizar o excepcional traballo que levan adiante os produtores galegos na produción de alimentos de calidade.