“A demanda de Casa Macán contra Clas é a historia de David contra Goliat”

Eladio Rigueira, director xeral da industria láctea lucense, conta as peripecias que atravesou a firma de Taboada tras a ruptura do contrato que mantivo con Central Lechera Asturiana. Macán encara agora unha fase de rexurdimento

“A demanda de Casa Macán contra Clas é a historia de David contra Goliat”

Eladio Rigueira, director xeral de Casa Macán.

Eladio Rigueira defínese como un loitador nato. Hai 15 anos púxose ó frente dunha pequena queixería artesanal de Taboada (Lugo) que saíu da nada para convertirse en interproveedora de Mercadona para toda España. Aquela relación comercial coa cadea de supermercados, que se extendeu durante unha década, deixou marca en Rigueira, que aínda hoxe en día se declara admirador do “espíritu de traballo e da capacidade de xestión” de Mercadona.

Tras o fin da relación con Mercadona, Casa Macán viviu uns anos incertos, ata que no outono do 2015 xurdiulle unha nova oportunidade comercial que semellaba “unha lotería”. “Chamounos Central Lechera Asturiana (Clas) e púxonos unha alfombra vermella”, lembra o xerente de Casa Macán.

Ao pouco tempo, Casa Macán pechou con Clas un acordo por 10 anos, prorrogable a outros tres, para traballar para a industria asturiana 24 horas ó día os 365 días do ano. Pero un ano despois, Clas decidiu desvincularse de Macán, que se viu abocada a un concurso de acreedores do que agora está saíndo. “Calquera outro tería tirado a toalla, pero nin Clas nin ninguén me vai amedrentar” proclama Rigueira, que lle reclama nos tribunais 7 millóns de euros a Central Lechera Asturiana.

Comecemos polo principio. A que acordo de traballo chegarades con Clas – Larsa?
– O proxecto que nos presentou Clas implicaba a elaboración dunha completa liña de produtos. No periodo que estivemos traballando con Central Lechera Asturiana, durante o ano 2016, producimos para eles queixo Arzúa-Ulloa, queixo de Tetilla, queixo de bola, manteca e manteca cocida. Tamén estivemos en probas máis de 6 meses coas liñas de nata e leite pasteurizado, así coma con queixos de barra e loncheados.

Que cambios supuxo para vós o contrato con Central Lechera Asturiana?
– A nivel de loxística e investimentos, o acordo obrigounos a un esforzo descomunal. En poucos meses pasamos dunha plantilla de 28 persoas a outra de 63, converténdonos na principal empresa do sur de Lugo. Acometemos ampliacións de liñas e a posta en marcha de liñas novas, coma a de nata e leite pasteurizado. O acordo contemplaba que a nosa factoría traballaría en 3 turnos os 365 días do ano para abastecer a demanda de Clas. Daquela foi un proxecto que nos convenceu e que incluso levou a que dúas cooperativas lucenses coma Mopán e Tierra Llana decidisen entrar no accionariado de Casa Macán.

E a que se debeu o fin da relación con Clas? Desde Central Lechera Asturiana apuntan a que incumpristes os investimentos comprometidos.
– A verdade é que non hai motivo nin explicación razonable. Clas colleu en decembro do 2016 e foise de Macán dun día para outro. Unha empresa desa categoría non pode ter un comportamento así, é un abuso absoluto. En primeiro lugar, tiñamos un contrato e non se pode facer iso. E en segundo lugar, se o ten que facer por calquera motivo, ten que sentarse a falar con nós e chegar a un acordo. Daquela tería sido fácil.

Sobre o que diga Clas, tampouco quero entrar en detalle, pero primeiro dixo que non tiña un contrato con nós, cando podo amosarllo a quen queira; logo aseguraba que rompimos nós o contrato e agora di na prensa que incumprimos investimentos.

Das a entender que puido haber motivos que levaron a que Clas deixara Macán?
– Non é un segredo, é algo que se pode ler na prensa. Clas tiña problemas sindicais tanto na factoría de Larsa en Vilagarcía coma en Asturias. O acordo con Macán implicaba externalizar produción das súas factorías propias. Nun momento dado, víronse presionados e esa parte pode ser entendible, pero unha empresa que é seria non pode cometer con nós o abuso que cometeu.

“O único que quero agora é que se faga xustiza con nós e coas cooperativas galegas que entraron en Macán. Que se aclare a verdade e que saia á luz”

O comportamento de Clas dóeme ademais por vir dunha empresa cooperativa que presume de ser propiedade de gandeiros. O único que quero agora é que se aclare a verdade e que sexa pública. Que se faga xustiza con nós, coas cooperativas galegas que se meteron en Casa Macán e cos nosos acreedores. Síntome moi responsable pola situación na que están todos eles. Tras a saída de Clas, vivimos todos dous anos durísimos.

A saída de Clas obrigouvos a entrar uns meses despois nun concurso de acreedores que se prolongou durante máis dun ano. Estivo Casa Macán ó borde da liquidación?
– Calquera outro na miña situación tería tirado a toalla, iso está claro, pero eu son un loitador nato e non me vou deixar amedrentar por Clas nin por ninguén. Cando se foi Clas dun día para outro quedei en shock. Non sabes que facer, tiña unha estrutura tremenda de persoal e non me daba ubicado. Uns meses despois da saída de Clas, a única vía que nos quedou foi presentar un preconcurso de acreedores para protexer a empresa.

“Cando se foi Clas dun día para outro quedei en shock. Non sabes que facer. A única vía que nos quedou foi presentar un preconcurso de acreedores”

Cando a Administración concursal analizou a nosa situación, decatouse de que o principal motivo do concurso fora a ruptura do contrato por parte de Clas, polo que apoiu a nosa demanda contra Central Lechera Asturiana.

A finais de xullo do 2017, o xulgado instou a Clas para que retomase o contrato con Casa Macán nun prazo de 10 días. A sorpresa chegou cando Central Lechera Asturiana negouse argumentando que o contrato romperámolo nós. O conflicto dilucidarase nun xuízo, que está fixado para o 13 de marzo.

Reclamádeslle a Clas o pago de 7 millóns de euros. En que cuestións se basa esa reclamación?
– Hai dúas partes, por un lado todos os investimentos que executamos por obriga de Clas para cumprir cos seus requerimentos de calidades, volumes e novos produtos; e outra parte que se corresponde co lucro cesante da perda de beneficios do global do contrato, que estaba previsto por 10 anos prorrogable a outros tres.

Logo hai outra parte do acordo con Clas, que nós aceptamos no seu día, que implicaba que non podiamos facer novas accións comerciais, ou sexa, non podiamos entrar coas nosas marcas en novas cadeas nin asinar contratos para elaborar marcas da distribución.

En canto ó concurso que atravesastes, finalmente chegastes a un acordo cos vosos acreedores este verán. En que situación se atopa agora Casa Macán?
– Pois vimos de saír dun concurso complicado, duro, no que a case absoluta maioría dos acreedores apostaron por nós, independemente dunha quita importante, e agora Casa Macán pasou duns números vermellos a uns números positivos. Estamos comezando unha nova etapa e polo de agora mantemos unha actividade básica, cunha plantilla de 20 traballadores.

O conflicto con Clas está claro que representa para nós unha perda de oportunidades a nivel comercial, xa que Central Lechera Asturiana ten un nome e unha posición moi importante, así que estamos desexando que se aclare todo nos tribunais e que a verdade saia á luz. Esta loita é como a de David contra Goliat, pero estou convencido de que o tempo porá as cousas no seu sitio.

Que perspectivas de futuro ten Casa Macán?
– Somos moi competitivos e ofrecemos unha relación calidade prezo que é moi difícil igualar, así que previsiblemente nun futuro pecharemos contratos de maquila con outras industrias e cadeas de distribución.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información