Demanda de apoios para a faba de Lourenzá, que perdeu ata o 80% da produción

Publicidade
Demanda de apoios para a faba de Lourenzá, que perdeu ata o 80% da produción

Asamblea no salón de Actos de Lourenzá coa intervención de Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do SLG.

O Sindicato Labrego Galego e o Consello Regulador da IXP Faba de Lourenzá convocaron un acto o pasado luns 23 no que se xuntaron 50 produtoras e produtores de faba. No acto interveu Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego e produtora de faba de Lourenzá, para abordar a actual situación do sector.

Nesta asamblea, que tivo lugar no Salón de Actos de Lourenzá, analizouse a situación actual do sector e falouse das medidas necesarias para o seu benestar. O cambio climático e a aparición de patoloxías afectaron á campaña de faba deste ano, o que reduciu a produción ate un 80% do que tería sido unha colleita habitual.

A produción de faba na comarca é unha importante fonte de ingresos, fixación de poboación e dinamización económica, ademais de ser un símbolo cultural e social. Porén, o sector está envellecendo e perdendo activos, o que ameaza a súa continuidade e implicaría graves consecuencias económicas, sociais e culturais.

Dende o SLG recordan que urxe implementar medidas de apoio, especialmente considerando que en Asturias estanse desenvolvendo iniciativas similares das que as produtoras galegas deberían beneficiarse.

No acto acordouse solicitar á Consellería de Medio Rural que inicie canto antes un diálogo co sector para abordar os seguintes temas clave:

  • Establecer unha axuda directa para salvar a campaña das persoas produtoras.
  • Incrementar os fondos da axuda PAC denominada “Axuda á produción sostible de proteínas de orixe vexetal”.
  • Crear un equipo de traballo para analizar os efectos do cambio climático e novas enfermidades no cultivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información