A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

DELAGRO presenta FERPLAN, unha tecnoloxía que revolucionará a fertilización dos cultivos

Integra nun único proceso o plan completo de nutrición vexetal dunha parcela, desde a selección do cultivo e o encalado, ao aporte de xurro e a aplicación dos fertilizantes minerais que sexan necesarios. Desta forma, optimízanse os custos de abonado, mellórase a produción e calidade das forraxes e contribúese á preservación do medio natural.

DELAGRO presenta FERPLAN, unha tecnoloxía que revolucionará  a  fertilización dos cultivos

A cooperativa de segundo grao DELAGRO presentou FERPLAN esta mañá no seu Complexo Multidisciplinar das Pontes

A cooperativa de segundo grao DELAGRO presentou esta mañá no seu Complexo Multidisciplinar das Pontes, unha nova tecnoloxía, FERPLAN,  que dará un xiro de 180º á forma en que gandeiros e agricultores fertilizan os seus cultivos. Tras máis dunha década de investigación na que o equipo técnico de DELAGRO e as cooperativas socias estudaron, en colaboración co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), máis de 8.000 mostras de solo do norte de España, este innovador proxecto viu a luz abrindo a porta a unha maneira de cultivar máis rendible, produtiva e sustentable.

Javier Caneda, responsable da área de Produción Vexetal de DELAGRO, explicou aos asistentes e representantes das cooperativas socias os principais beneficios desta tecnoloxía única no mercado, que permite integrar nun único proceso o plan completo de nutrición vexetal dunha parcela, desde a selección do cultivo e o encalado, ao aporte de xurro e a aplicación dos fertilizantes minerais que sexan necesarios.

“Coñecendo as necesidades dos cultivos e a composición do chan podemos achegar a cantidade exacta de nutrientes sen que se produzan excesos de ningún elemento que poidan comprometer a fertilidade da terra. E así, dando a cada solo única e exclusivamente o que necesita, conseguimos optimizar os custos de abonado, mellorar a produción e calidade das forraxes e contribuír á preservación do medio natural”, sinalou durante a súa intervención.

Ademais, avanzou Caneda, unha das novidades que contempla FERPLAN é o uso do xurro como fertilizante. “Este aspecto é moi importante na elaboración dunha recomendación de abonado xa que, independentemente da cantidade, o xurro está a achegar ao chan unha serie de nutrientes minerais que han de terse en consideración para calcular a cantidade de abono que o cultivo necesita”.

No acto de presentación celebrado nas Pontes, onde a cooperativa de segundo grao conta cunha fábrica de fertilizantes, un centro loxístico de produtos agrogandeiros e unha zona de oficinas, participaron tamén Pedro Palazón, director técnico de IDEAGRO, cun relatorio centrado na bioloxía do solo; Esperanza Álvarez, profesora de Edafoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que falou sobre nutrición vexetal e elementos tóxicos do chan; María Jesús Vázquez, técnico de laboratorio da USC, e Raquel Cela, doutoranda na mesma universidade, que xuntas abordaron a importancia da mostraxe e a interpretación das análises.

Cumprimento das novas esixencias normativas

O Pacto Verde Europeo, que pretende situar Europa no camiño da transición ecolóxica, fixou metas ambiciosas en canto á eficiencia no uso dos fertilizantes. A Comisión Europea aspira a reducir a perda de nutrientes polo menos á metade de aquí a 2030 e, como consecuencia, prevese unha redución no uso de fertilizantes de polo menos un 20 por cento.

No contexto nacional, o Real Decreto de Nutrición Sustentable de Solos contempla un conxunto de medidas destinadas a diminuír o impacto ambiental nos chans agrarios, sen prexudicar a produción dos cultivos. 

Javier Caneda sinalou en relación a esta normativa que esixirá a gandeiros e agricultores un maior esforzo no seu día a día, a potencialidade de FERPLAN para poder cumprir cos novos requirimentos normativos, e mesmo anticiparse a eles.

“Os profesionais do medio rural deberán asumir novos trámites administrativos, como a elaboración do plan de abonado ou a actualización do caderno de explotación, e en xeral levar un control exhaustivo de todos os procesos que leven a cabo dentro da súa empresa agraria. Contar co apoio da tecnoloxía e de ferramentas tan polivalentes como FERPLAN resultará clave para acometer con éxito os importantes desafíos que o sector ten por diante”, subliñou.

Farmer's hand watering a young plant, Modern agriculture with technology concept

Abonado intelixente, nutrición eficiente

Coñecer as características de cada solo e cultivo resulta indispensable para superar o modelo de fertilización tradicional, onde se aplican á terra un conxunto de produtos xenéricos como o 15-15-15, 8-24-16, superfosfato, NAC, etc., que ignoran factores tan importantes como a riqueza de nutrientes xa presentes no chan, as necesidades nutricionais de cada tipo cultivo ou a aplicación de xurro.

Por esta razón, o equipo técnico de DELAGRO e as cooperativas socias estudaron durante máis dunha década máis de 8.000 mostras de chan do norte de España, en colaboración co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), o que permitiu determinar a súa composición e peculiaridades.

“Os solos galegos son en xeral pouco profundos, condicionados por unha baixa capacidade de reserva de auga e de nutrientes, de textura areosa ou limosa, ácidos e con abundante materia orgánica”, explicou a responsable da área de Produción Vexetal de DELAGRO. “Isto fai que a dispoñibilidade de nutrientes para as plantas sexa baixa, debido tanto á lenta taxa de mineralización da materia orgánica como ao pH acedo do chan de ao redor de 5.5”.

“A abundancia de precipitacións que caracteriza o noso clima provoca que os chans sufran un forte lavado de nutrientes, que causa a súa acidificación (saturacións de aluminio altas) e obriga a un constante aporte de nutrientes, ademais da necesidade do encalado. Por todo iso, resulta primordial un adecuado seguimento do contido de macronutrientes no solo (N, P, K), de nutrientes secundarios (Ca, Mg, S) e micronutrientes (Bo, Zn,…), e ferramentas como FERPLAN permiten facelo dunha forma rendible, sinxela e eficaz”, concluíu Caneda.

A nova tecnoloxía non só constituirá un valioso recurso para que agricultores e gandeiros poidan mellorar as súas estratexias de fertilización e optimizar os custos destinados á nutrición dos seus cultivos, senón que ao mesmo tempo os técnicos disporán dunha aplicación para o asesoramento, unha base de datos sobre analíticas e recomendacións, e a posibilidade de manexar facilmente todos os factores que interveñen nun plan de abonado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *