A cooperativa de segundo grao Delagro e a corredoría de seguros especializada no sector agroalimentario Ucoga promoven unha andaina solidaria en Santiago. A marcha celebrarase o sábado día 8 de setembro co obxectivo de recadar alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene básica para doalos ó Banco de Alimentos. Esta entidade benéfica será a encargada de entregar os produtos doados ás familias e persoas que máis o precisen.
Á marxe dos produtos que acheguen os participantes, as entidades organizadoras da camiñata solidaria, Delagro e Ucoga, doarán 10 litros de leite por cada persoa que complete o percorrido.
Horario e percorrido
O punto de encontro e inicio da ruta será o aparcadoiro do multiusos Fontes do Sar. Os participantes depositarán nesta zona os alimentos e produtos que desexen doar. A chegada dos asistentes, a recollida de doazóns e a entrega dos correspondentes distintivos está prevista para as 10.00 horas.
Media hora máis tarde (ás 10.30 horas), o grupo partirá rumbo ó Monte do Gozo nun recorrido duns 9 quilómetros que finalizará na Praza do Obradoiro sobre as 14.00 horas. A xornada concluirá cun almorzo tipo cóctel fixado para as 14.30 horas no Hotel Monumento San Francisco.
As inscricións son gratuítas e poden formalizarse no seguinte enlace ou nas páxinas web de Delagro e Ucoga.