Delagro e Ucanorte crean unha gran central de compras agrarias para España e Portugal

As cooperativas de segundo grao Delagro (Galicia, Asturias e Cantabria) e Ucanorte (Douro, Minho e Tras-Os-Montes) levantarán unha "central de compras" que ampliará a área de influencia e o volume de compras de ambas as dúas entidades.

Publicidade
Delagro e Ucanorte crean unha gran central de compras agrarias para España e Portugal

Mesa cos asinantes do acordo

A III Agrosemana, unha das feiras agrícolas máis importantes do Norte de Portugal, organizada pola cooperativa Agros, foi o escenario escollido para formalizar onte a sinatura do contrato que vincula a Delagro S. Coop. e Ucanorte XXI U.C.R.L. na creación dunha central de compras, que operará na cornixa cantábrica, Galicia e a rexión norte de Portugal, mellorando a oferta de produtos e servizos agrogandeiros para os cooperativistas.

Tanto Delagro coma Ucanorte caracterízanse por ser das maiores unións de cooperativas dos seus respectivos territorios, agrupando Delagro a 64 cooperativas en Galicia, Asturias e Cantabria e Ucanorte a 50, nas rexións de Douro, Minho e Tras-Os-Montes, no norte de Portugal.

A central aproveitará as sinerxías xeradas polo volume de compras e a firme armazón industrial e asociativa das sociedades, “procurando a definición de produtos e servizos cuxa relación de calidade, servizo e prezo sexa a máis axeitada para os agricultores e gandeiros, así como para o conxunto da poboación do medio rural”.

Delagro e Ucanorte desenvolven a súa actividade en diversas áreas relacionadas coa produción agraria, dende a fabricación e distribución de insumos para agricultura e gandería, ata a mercadotecnia, o medioambiente ou os sistemas informáticos de xestión de procesos de traballo.

Redución dos custos de produción para os asociados a Delagro e a Ucanorte

Segundo os responsables das entidades, a creación de “plataformas europeas de gran dimensión”, como a resultante do acordo intercooperativo entre Delagro e Ucanorte, permitirá a utilización de recursos e sinerxías para reducir os custos de produción dos asociados a cooperativas.

A iniciativa formalízase tras máis dun ano de relacións de cooperación e cordialidade, promovidas pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), firme defensora da cooperación interterritorial e do aproveitamento de sinerxías.

Taboada destacou que os “principios de integración cooperativa e de responsabilidade social”, repercuten na mellora do traballo agrario e no desenvolvemento da economía do medio rural.

Fernández-Couto, pola súa banda, incidiu na importancia da colaboración transnacional das cooperativas para a economía do medio rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información