Deixarán os grandes tractores paso ás frotas de pequenos robots autónomos no campo?

O investigador do CSIC Dionisio Andújar analiza as tendencias en dixitalización e robotización na agricultura, onde a sustentabilidade, o manexo e xestión de datos para a toma de decisións son algúns dos principais eixos de actuación. As frotas de pequenos autómatas tamén poden ter cada vez máis presenza no agro

Deixarán os grandes tractores paso ás frotas de pequenos robots autónomos no campo?

O investigador Dionisio Andújar durante a súa participación nas xornadas de robótica en Lugo.

Serán as frotas de robots autónomos o futuro da agricultura en lugar dos grandes tractores? Esa é unha das alternativas que puxo sobre a mesa o investigador do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Dionisio Andújar, durante a súa participación no Ciclo de Conferencias en robótica agrícola e gandeira celebrado en días pasados en Lugo. “Estamos xa ante outro novo ciclo da agricultura, onde o reto é producir máis alimento dunha forma máis sostible. Atopámonos inmersos nunha nova revolución agrícola: a agricultura dixital”, apunta Andújar.

Nesta nova fase, que o investigador acuña como agricultura dixital, a automatización dos traballos vinculada á agricultura de precisión deixa paso a unha agricultura que camiña da man da innovación. Xunto cos avances tecnolóxicos, o novo perfil dos gandeiros e agricultores, cunha maior formación e con grandes empresas interesadas no sector primario, abre camiño a este novo modelo.

Unha das alternativas innovadoras que se barallan é a utilización de frotas de robots autónomos que poidan asumir os traballos realizados nestes momentos con grandes máquinas agrícolas. Do mesmo xeito que a súa compañeira do CSIC Ángela Ribeiro apuntara algunhas das vantaxes das frotas de robots de pequeno tamaño, Andújar sinala que estas frotas de autómatas de pequeno tamaño poden ser unha opción fronte aos grandes investimentos en maquinaria agrícola que se levan realizando nos últimos anos.

Pequeñas unidades de robots autonomos de Fendt__

Flota de robots autónomos para sementeira de Fendt. // Foto de Fendt.

Estes sistemas multirobots teñen, entre outras vantaxes, ser máis facilmente reemplazables en caso de avaría, ademais de poder asumir labores de maneira máis localizada. É o caso, por exemplo, da solución proposta por casas comerciais como Fendt e a súa frota de robots pensados para sementeira localizada que realizan mediante sistemas de gps. Aínda que tamén é certo que esa é unha realidade que, polo momento, apenas chegou ao campo de forma xeneralizada. Así, algunhas grandes marcas só presentaron polo momento prototipos, sen chegar a desenvolvelos de forma estandarizada. Outras firmas desenvolveron estas frotas sen que resulten propostas que faciliten un manexo sostible, é o caso, por exemplo, de frotas de robots empregadas para o sulfatado, ás que lles falta implementar sistemas que permitan unha aplicación máis selectiva.

Tecnoloxía para unha agricultura máis sostible

Uns dos retos que asume esta agricultura dixital é lograr unha produción máis sostible a nivel ambiental deixando atrás un manexo sistemático dos cultivos. Optimizar o abonado e os tratamentos fitosanitarios en función das necesidades específicas ou realizar plantacións diferenciais son exemplo deste novo modo de proceder. “Se os cultivos son heteroxéneo non ten sentido que todos os imputs sexan para actuar de forma homoxénea. Tratar os cultivos coma se fosen homoxéneos levounos aos problemas que hai hoxe en día na agricultura, desde resistencias das pragas, residuos fitosanitarios en solos e auga, a perda de biodiversidade no campo…”, sinala o investigador.

“Se os cultivos son heteroxéneos non ten sentido que todos os imputs sexan para actuar de forma homoxénea. Esta forma de proceder levounos a problemas por resistencias, contaminación e perda de biodiversidade”

Fronte a esta problemática, os avances tecnolóxicos poden permitir aplicacións máis localizadas e selectivas. Baixo estas premisas traballaron no proxecto europeo Eit-Food Dacweed, no que tamén participou o CSIC e que busca atallar as malas herbas dunha forma máis efectiva e sen ter que recorrer á aplicación de herbicidas de forma xeneralizada. “Vemos, procesamos e trátase”, resume o investigador o procedemento seguido.

Proyecto eit-food dacweed

Maquinaria desenvolvida no marco do proxecto europeo Eit-Food Dacweed.

No caso do tratamento de malas herbas, a identificación das especies é un dos maiores obstáculos a superar, debido ás similitudes entre especies ou o aspecto diferente que presentan en función da fase de crecemento na que se atope. Actualmente con este método de detección e control de malas herbas en tempo real teñen xa máis de 40 especies herbáceas identificadas e case un millón de etiquetas xeradas, o que lles permite que a detección e identificación das malas herbas sexa cada vez máis precisa. Aínda que, un dos inconvenientes desta proposta é o seu elevado prezo, polo que ademais de contar con tecnoloxía adecuada, outra das prioridades sobre as que incide Andújar é a necesidade de dispoñer de solucións económicas que poidan chegar ao campo.

Solucións adaptadas ao sector

Neste afán por expor propostas alcanzables, Andújar desenvolveu un sistema de tratamento de malas herbas buscando botar man de tecnoloxías que xa están presentes en moitos dos tractores actuais como o sistema Isobus, que permite a comunicación tanto entre tractores como equipos dos principais fabricantes, e botando man de cámaras máis asequibles. Teñen xa o prototipo funcionando aínda que pendente de melloras.

Andújar tamén sinala que nesa procura dunha agricultura máis sostible, o tratamento mecánico das malas herbas vólvese unha alternativa moi atractiva. De feito, o investigador traballou no desenvolvemento dunha grade de púas para malas herbas, que desenraiza as malas herbas. Trátase dun sistema que integra tanto o uso de ultrasóns para a detección de biomasa e a presenza de malas herbas, como cámaras para adaptar o tratamento.

Grada de puas flexibles activada por ultrasonidos

Grade de púas flexibles activadas por ultrasons.

O valor dos datos

Outro dos eixos fundamentais da innovación na agricultura e a gandería, do mesmo xeito que noutros sectores, é a obtención de datos que permitan contar coa información necesaria para axustar o manexo. “A información é moi útil, pero hai que saber manexala”, sinala o investigador. Así, é que moitos produtores e gandeiros atópanse que despois de ter recollido os datos para mellorar a súa explotación, quedan sen poder xestionar dunha forma axeitada toda esa información, é aí onde a innovación e a robótica teñen tamén un papel fundamental no desenvolvemento de ferramentas que poidan procesar ese volume de información.

Os avances tecnolóxicos permiten unha maior obtención de datos en granxas e explotacións que achegan información valiosa, o que fai necesaria unha regulación sobre este tratamento e o acceso a estes datos

Nesta xestión, obtención e tratamento de datos queda aínda pendente de resolver a protección deste tipo de información dado o valor que pode chegar a alcanzar. Así, os datos obtidos nunha gandería ou explotación agrícola ademais de revelar información importante para o propio sector tamén resultan de gran interese e mesmo imprescindibles para que a tecnoloxía se axuste cada vez máis ás necesidades do campo.

Neste sentido, tanto o investigador como os asistentes á xornada celebrada en Lugo recalcaron a necesidade de que esta obtención de datos por parte das grandes empresas se compense aos produtores. Aínda que, na actualidade as grandes firmas están a obter estes datos, ben sexa a través da maquinaria como dos dispositivos e aplicacións, sen chegar a compensarllo ou mesmo advertirllo aos produtores polo que tampouco hai opción a negarse a este transvasamento de información. Así, desde os sistemas incorporados no tractor para a elaboración de mapas ou a aplicación coa que se xestiona o abonado pormenorizado da parcela poden acabar proporcionando información interesante non só ao gandeiro ou agricultor. Por iso é polo que son moitas as voces que reclaman xa a regulación e control sobre o acceso que se ten deses datos para que se poida compensar aos produtores e que teñan a capacidade de decidir que facer con esta información.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información