O ministro de Consumo, Alberto Garzón, publicou nas súas redes sociais un vídeo no que insta á cidadanía a reducir o consumo excesivo de carne para atallar problemas de saúde e medioambientais. A argumentación que emprega Garzón para defender esa postura é considerada unha “difamación” polas seis interprofesionais de carne de España, que agrupan ó vacuno, porcino, aves e coellos.
Tamén Unións Agrarias e o Sindicato Labrego piden a retirada da campaña e, no ámbito público, a Xunta emitiu unha nota de prensa na que tacha de “inxusta e fóra de lugar” a campaña de Alberto Garzón.
El 14,5% de las emisiones de gases de efecto invernadero proviene de la ganadería, especialmente de las macrogranjas, mientras que para que tengamos 1 kilo de carne de vaca se requieren 15.000 litros de agua.
De ello os hablo en este vídeo:#MenosCarneMásVida pic.twitter.com/wMDOd1GI8J
— Alberto Garzón🔻 (@agarzon) July 7, 2021
Repasamos a continuación os principais argumentos do ministro e as valoracións do sector:
- A gandería é responsable do 14,5% de emisións de gases de efecto invernadoiro do planeta, segundo Alberto Garzón.
As organizacións agrarias e as interprofesionais do sector lembran que o propio Ministerio de Transición Ecolóxica cifra as emisións da gandería en España nun 7,8% do total. A enerxía, xa sexa en forma de electricidade, calor, transporte ou procesos industriais, representa o 74,6 % das emisións de gases de efecto invernadoiro.
O ministro chega a dicir que reducir o consumo de carne diminuiría un 50% as emisións de gases de efecto invernadoiro.
- A produción de 1 Kg. de carne require do consumo de 15.000 litros de auga, segundo Alberto Garzón.
As interprofesionais da carne lembran que o 90% desa auga corresponde á chuvia que alimenta os pastos e cultivos de alimentación animal, polo que considera o cálculo unha falacia. O 90% da auga é “auga verde”, procedente da chuvia. Só un 10% corresponde a “auga azul”, procedente do servizo de suministro, ou a “auga gris”, é dicir auga depurada reutilizada para rega.
- O consumo excesivo de carne leva consigo un aumento de enfermidades cardiovasculares, diabetes e dalgúns tipos de cancro, segundo o ministro.
É certo que as recomendacións nutricionais insisten nun consumo moderado de carne. A Fundación Dieta Mediterránea cifra ese consumo en 2 racións semanais de carne branca, menos de 2 de carne roxa e non máis dunha de carnes procesada:
Desde o sector alimentario, sempre se avoga por un consumo da carne no marco dunha dieta equilibrada, pero consideran fóra de lugar que o ministro apunte á carne como responsable de enfermidades, cando “España é o país coa maior esperanza de vida do mundo, segundo os datos do Institute for Health Metrics and Evaluation (University of Washington)”, afirman as interprofesionais de carne de España.
Importacións e gandería industrial ‘versus’ gandería sostible
O Sindicato Labrego advirte de que no vídeo non se distingue a carne importada da carne obtida en ganderías extensivas de España. “Métese no mesmo saco as producións sostibles en base a pastos e terra coas producións industriais e intensivas sen terra, ou o consumo de carne de proximidade con outras importadas dende miles de quilómetros”.
De feito, as reses que aparecen no vídeo corresponden a macroganderías de fóra de Europa, algo que o sector recrimina que non se aclare no vídeo.
O problema -considera o Sindicato Labrego-, é de modelo de produción e de consumo, non da carne. A organización agraria sinala que o informe ‘Alimentos quilométricos’, de Amigos da Terra, apunta que España importa máis de 25 millóns de toneladas de alimentos cada ano, emitindo máis de 4 millóns de toneladas de CO₂ nese proceso. Os alimentos importados percorreron de media case 4.000 quilómetros antes de chegar aos mercados.
“O consumo de legumes, hortalizas e froita con este modelo intensivo pode ser tan prexudicial como o consumo de carne” -defende a organización agraria-. “O Ministerio de Consumo avoga por recorrer ás proteínas vexetais con alimentos como os legumes, e a basear a nosa alimentación en produtos como as hortalizas e as froitas. Nada que obxectar. O problema é que a nosa dependencia alimentaria fai que traiamos boa parte dos legumes de distancias inasumibles para o medio ambiente.
“O 80% dos garvanzos que se consumen en España veñen de México e a maior parte das hortalizas dos mares de plástico de Andalucía, onde consumen e contaminan cantidades inasumibles de auga” (Sindicato Labrego Galego)
“De novo o informe “Alimentos quilométricos”, de Amigos da Terra, revela que o 80% dos garvanzos que se consumen en España son importados de México” -sinala o Sindicato Labrego-. “E a maior parte de hortalizas que se consumen en España veñen dos chamados mares de plástico de Andalucía, onde se consumen e contaminan unhas cantidades de auga inasumibles para as zonas produtoras”, cuestionan.
“En resumo, que deixar de consumir carne non vai solucionar ningún problema de saúde ou medioambiental ligado ás producións agrogandeiras se seguimos producindo, importando e exportando da maneira en que o estamos facendo”, conclúe a organización agraria.
O Sindicato Labrego insta ó Goberno do Estado a realizar accións que teñan un impacto positivo no medio, como saír dos tratados de libre comercio que favorecen as importacións alimentarias ou impulsar medidas en prol da soberanía alimentaria do país.
Gando e pastos como ferramenta de xestión do territorio
Unións Agrarias culpa tamén ó ministro de Consumo de “xeneralizar”, metendo no mesmo saco a deforestación da Amazonia e a gandería de vacún de carne de Galicia. “Dicir que o vacún de carne galego compromete a viabilidade do manto vexetal resultaría cómico se esas declaracións non comprometeran a viabilidade de explotacións que son o único activo económico e ambiental en moitas comarcas”, critica a organización agraria.
“Os pasteiros, xunto ás terras de cultivo, son o mellor cortalumes natural, pois producen discontinuidades da biomasa no territorio e así protexe de forma estrutural as nosas masas forestais. Se hai un problema medioambiental en Galicia, son os incendios forestais, nos que o manexo axeitado do gando é unha peza fundamental da prevención”, valora Unións Agrarias.
“Os pasteiros son o mellor cortalumes natural e, en moitas zonas de montaña de Galicia, a única alternativa ós pastos sería o abandono” (Unións Agrarias)
A organización lembra asimesmo que moitas das zonas de montaña adicadas a pastos non serían aptas para outro tipo de cultivo, “sendo entón o abandono e o lume a única alternativa á gandería”.
Desde a óptica de Unións Agrarias, o Goberno debe fuxir dos marcos creados por grupos de presión, como a industria de ultraprocesados vexeitais, “con intereses que non coinciden cos do ben común”.
O problema da soia da Amazonia
A deforestación da Amazonia para expandir as producións agrícolas, nomeadamente de soia, e gandeiras é un dos problemas que está no trasfondo do vídeo do ministro de Consumo, Alberto Garzón. A ese respecto, a Comisión Europea ten prevista unha inminente iniciativa lexislativa para evitar a importación de deforestación, é dicir, a importación de alimentos ou materias primas ligadas á deforestación da Amazonia.
Os fabricantes de pensos defenden que un 70% da soia importada é sostible, pero recoñecen que un 30% aínda non o é
En España, a Confederación de Fabricantes de Alimentos Compostos (CESFAC) presentou onte mesmo un informe no que calcula que un 70% da soia que importa España para alimentación animal é soia sostible, se ben recoñece que hai arredor dun 30% de soia importada do Brasil que non pode considerarse sostible.
Os fabricantes de pensos avogan por avanzar no consumo de materias primas que se demostren respetuosas co medioambiente, pero tamén advirten de que un aumento de custos ligado a ese proceso de ‘ecoloxización’ tería que repercutir en toda a cadea, ata chegar ó consumidor. No contexto actual, de suba do prezo dos pensos, o sector gandeiro estase atopando precisamente con que non é capaz de repercutir nas industrias e cadeas de supermercados ese aumento de custos de produción en leite e carne.