Decretadas tres novas concentracións parcelarias nos concellos de Castroverde, Valga e Rairiz de Veiga

O Consello da Xunta aprobou na súa xuntanza semanal deste xoves tres decretos da Consellería do Medio Rural polos que se declaran de utilidade pública as concentracións parcelarias de Riomil (Castroverde), Rairiz de Veiga (Rairiz de Veiga) e San Miguel de Valga (Valga).

Deste xeito, mediante a concentración global dunhas 1.319 hectáreas relativas a estes tres procesos, veranse beneficiados preto de 1.500 propietarios.

En concreto, o proceso de Riomil (Castroverde) afectará unha superficie total de 494 hectáreas, repartidas en 1.192 parcelas propiedade de 143 veciños. A parcelaria de Rairiz de Veiga (concello homónimo) reorganizará unha superficie total de 701 hectáreas, repartidas en 5.704 parcelas de 1.007 veciños. Por último, a concentración de San Miguel de Valga (Valga) reestruturará unha superficie de 124 hectáreas, repartidas en 2.100 parcelas propiedade de 322 veciños.

Estes tres novos decretos de concentración parcelaria decláranse mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción.

Por iso, os tres procesos foron solicitados por titulares de explotacións e apoiados polos respectivos concellos. No caso da parroquia de Castroverde hai un total de 31 explotacións activas, na de Rairiz de Veiga son 62 e na de Valga 49; de aí, segundo a Consellería, a necesidade de reorganizar o territorio para mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias da zona

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información