Decretadas tres novas concentracións parcelarias en Ordes, Friol e Castro de Rei

A Xunta ten previsto actuar en conxunto nunhas 1.780 hectáreas, correspondentes a 891 propietarios

Decretadas tres novas concentracións parcelarias en Ordes, Friol e Castro de Rei

Vista aérea dunha zona de concentración parcelaria. / Arquivo.

A Consellería do Medio Rural decretou tres novas concentracións parcelarias en San Xulián de Poulo (Ordes), San Xoán de Seoane de Pregación (Friol) e en Viladonga, no concello lugués de Castro de Rei. Deste xeito, mediante a reestruturación global dunhas 1.780 hectáreas relativas a estes tres procesos, veranse beneficiados 891 propietarios, segundo destaca a Xunta.

A Consellería lembra que os tres procesos foron solicitados polos respectivos concellos, os tres eminentemente gandeiros, e, no caso dos dous da provincia de Lugo, tamén foron apoiados polos titulares das explotacións da zona. No caso da parroquia de Friol, hai un total de 12 explotacións, mentres que na de Castro de Rei son seis, de aí a necesidade de reorganizar o territorio para mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias da zona.

A Consellería incide en que as novas tres concentracións publicadas correspóndense co seu compromiso de decretar unha nova concentración por cada entrega de títulos das parcelarias en curso.

Lei de recuperación
As concentracións parcelarias, que representan unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo, continuarán desenvolvéndose de xeito paralelo a outros mecanismos, como os previstos na Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. Esta lei, aprobada este martes no Parlamento, entrará en vigor coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Lei de Recuperación aposta por mecanismos voluntarios de mobilización da terra, como os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, as aldeas modelo ou as permutas de interese agrario. Medio Rural destaca que a Lei permitirá a mellora da estrutura territorial de explotacións agrogandeiras e forestais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información