Declárase como proxecto de interese autonómico a ampliación de Casa Grande de Xanceda

A iniciativa acadou esta consideración pola contribución das súas actividades no eido agroalimentario ecolóxico galego, sendo un modelo de desenvolvemento económico sostible no rural

Declárase como proxecto de interese autonómico a ampliación de Casa Grande de Xanceda

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución pola que se declara como proxecto de interese autonómico (PIA) a ampliación de Casa Grande de Xanceda, no concello de Mesía. Foi aprobada pola Consellería do Medio Rural pola contribución da súas actividades ao sector agroalimentario e ao medio rural en xeral.

A finalidade deste proxecto é planificar, a nivel organístico e territorial, a ampliación desta industria láctea co fin de dispoñer de máis instalacións para o desenvolvemento de actividades complementarias á gandeira. En concreto, preténdese ampliar a fábrica de iogures e construír unha planta de biogás para o tratamento de xurros, en liña coa produción de enerxías renovables de autoconsumo.

A maiores, habilitaranse tamén novas oficinas, unha aula natura e unha sala multiusos para as actividades turísticas e de formación que desenvolve Casa Grande de Xanceda, o que permitirá o redeseño da casa agraria do século XVII actualmente existente. Deste xeito, ampliaranse as instalacións actuais -que abranguen 4.930 metros cadrados- con 9.701 metros cadrados de novas instalacións, o que faría un total de 14.631 metros cadrados de industria láctea.

As actividades que realizan -sinala a Xunta- representan un modelo de desenvolvemento económico sostible no rural ao combinar un equilibrio entre unha ecoindustria e o coidado do medio ambiente e benestar animal, promover a formación e a concienciación ambiental mediante visitas guiadas, ofertar programas de educación escolar e realizar accións solidarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información