A Xunta entrará a rozar de oficio as parcelas de propietarios descoñecidos ou ilocalizables que estean en zonas consideradas de perigo, arredor de núcleos de poboación con alto risco de incendios. O Parlamento galego, a proposta do grupo popular, acordou hoxe por unanimidade demandarlle á Xunta a declaración de perímetros de alto risco de incendio, unha figura prevista na Lei de Prevención de Incendios e que permite que a Administración entre a xestionar parcelas abandonadas e das que se descoñece o propietario.
Trala vaga de lumes do 2017, que afectou a máis dun cento de vivendas e deixou catro mortos, as Administracións tomaron conciencia da necesidade de impulsar franxas de protección arredor dos núcleos de poboación con maior perigo. Froito desa preocupación, a pasada primavera fraguouse un convenio entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para actuar con rozas bonificadas nunhas 700 aldeas galegas, consideradas prioritarias.
O obxectivo da Xunta é rozar nesas aldeas arredor de 5.000 hectáreas ó ano a un custo bonificado para os propietarios de 350 euros por hectárea. O problema que se está atopando a Administración é que hai arredor dun 30% de parcelas sen xestión e con propietarios ilocalizables ou descoñecidos. Que facer nesas parcelas?. O grupo popular propuxo hoxe no Parlamento a declaración de perímetros de alto risco de incendio, unha figura que lle permite á Administración entrar de oficio a xestionar esas parcelas. Houbo acordo unánime de tódolos grupos en seguir esa liña.
Actuacións en parroquias non prioritarias
Outro acordo, tamén por unanimidade, establece que nos 240 Concellos adheridos ó convenio entre a Xunta e a Fegamp, a Administración galega poderá actuar con rozas bonificadas nun mínimo de 5 hectáreas das parroquias non consideradas prioritarias, o que suporía unhas 1.200 hectáreas anuais adicionais.
“Temos distintos niveis de actuación. No máis alto, están as aldeas modelo, nas que se está fomentando a actividade produtiva nas franxas de protección, con 47 solicitudes xa en toda Galicia. Logo están as aldeas consideradas prioritarias, unhas 700 en toda Galicia; e un terceiro nivel sería este que propoñemos hoxe: impulsar rozas dun mínimo de 5 hectáreas en zonas non consideradas prioritarias pero nas que os Concellos vexan pertinente actuar”, expuxo o deputado popular Moisés Blanco.
Valoracións da oposición
As propostas do grupo popular foron aprobadas por unanimidade, pero os grupos da oposición deixaron patente o seu descontento coas políticas da Administración.
“A posibilidade de declarar perímetros de alto risco está na Lei de Prevención de Incendios desde o ano 2007, así que veñen hoxe ó Parlamento, 12 anos despois, a pedirlle á Xunta que cumpra unha lei do 2007” -criticou o deputado do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez-. “Está ben que afrontemos a última liña de defensa dos núcleos de poboación, que son estas franxas de protección, pero coidar esta última liña é necesario porque fracasaron en todo o demais. Non hai ordenación do territorio, non hai impulso dos sectores produtivos agrarios e non frearon a perda de superficie agraria útil”, rematou.
Por parte do Bng, Xosé Luis Rivas ‘Mini’ cuestionou tamén a “inexistente ordenación, con casas no monte e monte nas casas”. “Esta situación de que tódolos anos haxa que gastar inxentes cartos públicos para rozas no monte non é sostible. Isto só se pode solucionar cun impulso á xestión colectiva do monte que permita ordear o territorio. Xa no 2007 se quixo afrontar ese traballo coas Unidades de Xestión Forestal (Uxfor), que logo vostedes desbotaron”, lembrou.