A Consellería do Medio Rural notificoulle ao Ministerio de Agricultura a detección dos primeiros focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) na provincia de Lugo. Trátase de tres focos localizados nas comarcas veterinarias dos Ancares, Sarria e Terra de Lemos-Quiroga.
Coa declaración destes novos focos, Galicia ten notificados focos en 10 comarcas veterinarias, sete na provincia de Ourense e os restantes na provincia de Lugo, neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor. Medio Rural informa de que neste momento hai confirmadas en laboratorio 123 granxas afectadas en toda Galicia.
Ao tratarse dos primeiros focos notificados no 2024 na provincia de Lugo, o primeiro deles, na comarca veterinaria dos Ancares, foi confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, e o resto polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, este último dependente da Consellería do Medio Rural.
Medio Rural lembra que a EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero ‘Culicoides,spp’. Dada a vía de transmisión, esta doenza aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Hai, polo tanto, un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.
A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, esta doenza non afecta ás persoas, que non poden enfermar nin pola picadura do mosquito transmisor, por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.
Reclamación ao Ministerio
A Consellería do Medio Rural incide en que xa no 2023 habilitou unha partida para a indemnización dos animais falecidos a consecuencia desta enfermidade, que continúa tamén no 2024. A estas sumaranse tamén as axudas por tratamentos veterinarios aos animais afectados ou por uso de desinsectantes nas explotacións, comprometendo o MAPA un total de 15 millóns de euros en toda España para este fin neste ano, pero aínda pendentes de aprobarse e derivarse ás comunidades autónomas.
Neste sentido, a Consellería do Medio Rural reitera a necesidade de que se activen, mediante o correspondente Real Decreto, eses 15 millóns de euros comprometidos para a loita contra esta enfermidade. “É urxente adoptar esta medida para que as comunidades autónomas poidan, á súa vez, habilitar as correspondentes ordes de axudas e facer chegar os fondos á maior brevidade posible aos gandeiros, tendo en conta o axustado dos prazos a estas alturas do ano”, sinala Medio Rural.
Cómpre indicar que, en Galicia, ao fin da pasada estación de circulación do vector, a Consellería rexistrou un total de 641 explotacións, sobre un censo superior ás 30.000 explotacións bovinas, nas que resultaron afectados 1.484 animais, cun índice de mortalidade do 1,09%.
Vacina desenvolvida por Zendal
Como medida de prevención, existe xa no mercado unha vacina desenvolvida pola farmacéutica galega Zendal e autorizada pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, que xa está dispoñible para a súa adquisición baixo prescrición veterinaria.
Recordatorio de medidas
Ademais da protección inmunolóxica que suporá a administración da vacina, é fundamental a aplicación de medidas preventivas encamiñadas a evitar o contacto dos animais co mosquito vector, en concreto:
• Evitar a existencia de posibles zonas de cría do mosquito transmisor nas explotacións, fundamentalmente áreas con materia orgánica húmida ou lama, zonas de elección para a cría para estes mosquitos.
• Utilizar preventivamente desinsectantes ou repelentes nas instalacións, nos medios de transporte ou nos animais, nos casos que se considere oportuno.
• No caso de detectar animais con sintomatoloxía compatible coa enfermidade, tanto bovinos como cérvidos silvestres, debe comunicarse esta circunstancia de xeito inmediato aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.