A Xunta notificou ao Ministerio de Agricultura a detección de tres novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Trátase de dous focos localizados nas comarcas veterinarias de Ribadavia e Valdeorras, na provincia de Ourense; e un na comarca veterinaria da Ulloa, na provincia de Lugo.
Con esta declaración, Galicia ten notificados focos en 27 comarcas veterinarias neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor: 14 na provincia de Ourense (A Gudiña, A Limia, Allariz, Baixa Limia, Maceda, O Carballiño, Ourense, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Ribadavia, Valdeorras, Verín e Viana); 8 na de Lugo (Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Os Ancares, Sarria, Terra Chá-Guitiriz, Terra de Lemos-Quiroga e A Ulloa), e os 5 declarados na provincia de Pontevedra (A Paradanta, Deza, O Condado, Pontevedra-O Morrazo e Tabeirós Terra de Montes), neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor.
Por outra banda, o número de explotacións positivas confirmadas laboratorialmente sitúase en 756 e os animais positivos confirmados en 1.698, se ben nas explotacións afectadas non se están sometendo a análise tódolos animais con síntomas.
A inicios de setembro, xa se superaron o total de ganderías con EHE afectadas o pasado ano en Galicia, que foran 641, o que confirma o temor do sector a que este ano houbese un aumento dos casos.
Apoios
A Consellería do Medio Rural lembra que foi unha das pioneiras no 2023 en establecer indemnizacións pola morte de animais afectados por EHE. O pasado ano rexistráronse en total 409 animais mortos, en tanto a Xunta sinala que este ano aínda non rexistrou solicitudes, malia que xa se produciron mortes de animais afectados por EHE nas provincias de Ourense e Lugo.
A esta liña de apoio sumaranse tamén as axudas por tratamentos veterinarios aos animais afectados ou por uso de desinsectantes nas explotacións, unha liña que se espera para este outono con carácter retroactivo, de xeito que se cubran os custos de todo o ano.
Vacina e medidas preventivas
A EHE é unha enfermidade infecciosa, pero non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Existe polo tanto un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.
A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, esta doenza non afecta ás persoas, que non poden enfermar nin pola picadura do mosquito transmisor, por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.
Ao tratarse dunha enfermidade vírica non hai tratamento curativo, pero existe unha vacina desenvolvida pola farmacéutica galega Zendal e autorizada pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, que xa está dispoñible para a súa adquisición baixo prescrición veterinaria.