Declarados libres da praga da couza da pataca 16 novos concellos das provincias da Coruña e Lugo

Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, As Somozas, Cee, Fisterra, Abadín, Muras, Ourol, A Pastoriza, A Pontenova e Riotorto quedan totalmente excluídos das zonas demarcadas para a corentena e poderán volver plantar o tubérculo

Publicidade
Trampeo para a detección da couza da pataca no concello de Barreiros

Trampeo para a detección da couza da pataca no concello de Barreiros, declarado como zona tampón

Este martes celebrouse en Santiago unha nova reunión da Comisión de seguimento da couza guatemalteca da pataca, onde os datos acadados das trampas en campo e en explotacións mostran un avance significativo na contención desta praga de corentena, “un paso previo a unha posible erradicación”, asegura a Xunta.

Así, tras os últimos datos de capturas, quedan totalmente libres desta praga os concellos de Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, As Somozas, Cee e Fisterra. Na provincia de Lugo, saen da zona demarcada os concellos de Abadín, Muras, Ourol, A Pastoriza, A Pontenova e Riotorto.

En Cariño, A Laracha, Arteixo, Muxía, Burela e Trabada séguese detectando presenza deste organismo nocivo, polo que seguirán permanecendo, ben na súa totalidade ou nalgunha parroquia concreta, na zona infestada

Doutra banda, pasan a considerarse zona tampón a totalidade da superficie dos concellos de Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño. Tamén pasan a esta demarcación as parroquias de Bardullas, Buiturón, Caberta, Couceiro, Frixe, Morquintián, Nemiña, Touriñan e Vilastose, do concello de Muxía; así como unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta a parcelas dos municipios de Camariñas, Dumbría e Vimianzo e ás parroquias de Monteagudo, Barrañán e Armentón, no concello de Arteixo; Rebordaos, Vilela e Noicela, no concello de Carballo; Cabovilaño, Lemaio e Torás, no concello da Laracha; Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, no concello de Cariño.

En zona tampón os propietarios deberán comunicar antes do 1 de abril as parcelas nas que labraron patacas

Na provincia de Lugo, a zona tampón supón os concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove; ademais das parroquias Balboa, Fórnea, Ría de Abres, Sante, Vidal, Villaformán e Villapena, no concello de Trabada.

En todas estas zonas tampón, os agricultores deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira, e en todo caso antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con pataca. En canto aos operadores de pataca de semente deberán levar o rexistro de información dos compradores de pataca de semente e ter instalado no local destinado a almacén trampas de feromona específica para a captura de Tecia solanivora.

Zonas infestadas

Doutra banda, incorpórase a parroquia da Pedra, no concello coruñés de Cariño, á zona infestada pola existencia da praga da couza. Esta área súmase ás parroquias de Sorrizo e Chamín, no concello de Arteixo; de Lendo e Caión, no concello da Laracha; de Nosa Señora A O, Leis, Muxía, Moraime e Ozón, no concello de Muxía. Na provincia de Lugo considérase como zona infestada a totalidade da superficie do concello de Burela e a parroquia de Trabada, no concello homónimo.

Segue detectándose a praga en parroquias dos concellos de Cariño, Arteixo, A Laracha, Muxía, Burela e Trabada, onde está prohibido plantar pataca

En todas estas zonas queda prohibido o cultivo de pataca e os operadores de pataca de semente non poderán ter existencias nin comercializar este tipo de pataca. Tamén se prohibe a saída de pataca de consumo da zona infestada excepto no caso de tránsito, onde o vehículo deberá ir totalmente pechado cunha estrutura ríxida ou cunha lona protectora que se axuste perfectamente coa caixa do camión e impida calquera contacto dos tubérculos co exterior. Se o motivo da entrada de tubérculo na zona infestada é subministrar este produto dentro desa zona, en ningún caso, a pataca que entrou poderá saír de novo da dita zona.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información