Declaradas de utilidade pública tres reestruturacións parcelarias en Agolada que abranguen preto de 4.500 hectáreas

O Consello da Xunta dá pasos adiante nos procesos de Agra-O Sexo-Val de Sangorza, Basadre-Eidián-Ramil e A Baíña-Berredo-Órrea, que benefician 117 explotacións agrarias

Declaradas de utilidade pública tres reestruturacións parcelarias en Agolada que abranguen preto de 4.500 hectáreas

O Consello da Xunta deu luz verde á declaración de utilidade pública de tres novas reestruturacións parcelarias no concello pontevedrés de Agolada, un paso clave para avanzar na súa tramitación e execución. Trátase das zonas de Agra-O Sexo-Val de Sangorza, Basadre-Eidián-Ramil e A Baíña-Berredo-Órrea, que tamén foron declaradas como áreas de actuación agraria prioritaria.

Os tres procesos foron promovidos polos propios veciños e recibiron unha valoración técnica favorable por parte da Administración autonómica. En conxunto, estas reestruturacións afectan preto de 4.500 hectáreas distribuídas en algo máis de 25.000 parcelas, unha elevada fragmentación da propiedade que se pretende corrixir para mellorar a viabilidade das explotacións e favorecer unha xestión máis eficiente do territorio.

Cómpre lembrar que os veciños de Agolada manteñen unha histórica reivindicación a prol de novas parcelarias, se ben os novos procesos iniciados no 2023 non contentan a todo o concello.

Na superficie incluída nestes procesos localízanse 117 explotacións agrarias activas, principalmente de vacún de leite e carne e de porcino, aínda que tamén existen explotacións de equino, ovino e cabrún. Delas, 36 sitúanse na zona de Agra-O Sexo-Val de Sangorza, outras 36 en Basadre-Eidián-Ramil e 45 en A Baíña-Berredo-Órrea.

A parcelaria de Basadre-Eidián-Ramil é a de maior extensión, con 1.525 hectáreas e 4.492 parcelas. Pola súa banda, Agra-O Sexo-Val de Sangorza abrangue 1.479 hectáreas repartidas en máis de 10.600 parcelas, mentres que A Baíña-Berredo-Órrea suma 1.487 hectáreas distribuídas en preto de 9.900 parcelas.

Con esta decisión, a Xunta reforza a súa aposta pola mobilización e ordenación da terra agraria. No caso de Agolada, xa se completaron 13 procesos de concentración parcelaria que afectaron máis de 5.300 hectáreas e permitiron reducir de 19.605 a 4.876 o número de parcelas existentes, beneficiando máis de 2.100 propietarios.

A nivel galego, o Goberno autonómico destina este ano 16,7 millóns de euros ás concentracións parcelarias. Desde 2020 rematouse a tramitación de 39 procesos que abarcan máis de 27.000 hectáreas e beneficiaron preto de 20.500 propietarios. Ademais, a previsión é entregar 25 parcelarias antes de 2028 e iniciar este mesmo ano os trámites para sete novas reestruturacións, entre as que figuran as tres agora aprobadas en Agolada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información