Xa son seis as ‘aldeas modelo’ na xestión do monte para previr os incendios forestais. A Xunta de Galicia aprobou onte a declaración de cinco novos núcleos nas provincias de Lugo e Ourense nos que se controlará a biomasa e se fará un aproveitamento produtivo nas faixas de protección arredor das casas para evitar deste xeito a incidencia do lume.
Ao núcleo de Osmo, no concello ourensán de Cenlle, súmanse agora Penedo (en Boborás), Muimenta (en Carballeda de Avia), Infesta (en Monterrei), Trabazón (no Irixo) e Trascastro (no concello lugués do Incio), o que suporá actuar nun total de case 138 hectáreas, correspondentes a máis de 3.800 parcelas de preto de 800 propietarios.
A Consellería do Medio Rural informa de que recibiu xa 47 solicitudes para poñer en marcha aldeas modelo por toda a xeografía galega, das que están en trámite máis de 20, que suporán a posta en valor de máis de 620 hectáreas en case 13.000 parcelas duns 3.200 propietarios.
O Consello Reitor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), presidido polo conselleiro do Medio Rural, José González, aprobou onte formalmente a declaración destas cinco novas aldeas modelo en Galicia. Trátase de proxectos de mobilización de terras dirixidos á posta en valor e á recuperación produtiva de zonas maioritariamente abandonadas, na contorna de núcleos de poboación, de xeito que esa posta en valor sirva tamén para previr os incendios forestais nesas zonas.
Distintos usos produtivos
En Boborás traballarase con porco celta, en Carballeda de Avia plantaranse cereais e en Monterrei, O Irixo e O Incio a superficie empregarase para gandería extensiva
No caso de Penedo (Boborás), traballarase en arredor de 23 hectáreas desta aldea, para destinalas sobre todo a gandaría extensiva de porcino. Esta superficie estrutúrase en 675 parcelas de 132 propietarios. En Muimenta (Carballeda de Avia) a actuación abrangue 30 hectáreas, que terán como actividade produtiva os cereais e cultivos tradicionais. Son, en total, 1.640 terreos que corresponden a 242 veciños.
En Infesta (Monterrei) son 234 propietarios os implicados, cuns traballos que afectarán 40,5 hectáreas distribuídas en 945 parcelas, que se destinarán a gandaría extensiva. No que atinxe a Trabazón (O Irixo) serán 6 as hectáreas postas en valor, que corresponden a 30 propietarios e 220 parcelas. A actuación centrarase, tamén, en iniciativas de gandaría extensiva e o mesmo ocorrerá na aldea luguesa de Trascastro, no municipio do Incio, cunha superficie de actuación de 14 hectáreas e 178 predios de 104 propietarios.