Declaración institucional contra da macroplanta de biogás prevista na Laracha

A Deputación da Coruña insta á Xunta a non declarar a iniciativa de interese estratéxico e manifesta a súa oposición á planta de biogás proxectada pola empresa Aratel no lugar de Vista Alegre

Declaración institucional contra da macroplanta de biogás prevista na Laracha

O pleno da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade de todos os grupos políticos unha declaración institucional na que manifesta a súa oposición á planta de biogás proxectada pola empresa Aratel no lugar de Vista Alegre (Soandres, A Laracha).

A corporación provincial considera que o proxecto provocaría impactos significativos sobre o medio ambiente, os recursos hídricos e a calidade de vida da veciñanza, polo que resulta incompatible coa protección do territorio e co modelo de desenvolvemento sostible que defende a institución.

Recóllese que o biogás e o biometano poden constituír unha oportunidade para a xestión de residuos e a produción de enerxía renovable cando se trata de instalacións ben planificadas e dimensionadas, pero os proxectos de grande escala con finalidade exclusivamente comercial comportan riscos relevantes que deben ser avaliados con rigor.

A Deputación motra gran preocupación pola ocupación de máis de 95.000 metros cadrados de solo rústico nas proximidades do río Anllóns, o tratamento previsto de 65.000 toneladas anuais de residuos, incluíndo subprodutos animais de categoría 2, ou a xeración de máis de 30.000 toneladas anuais de efluentes líquidos e preto de 20.000 toneladas de residuos sólidos sen tratamento específico.

Manifestan a escasa repercusión económica do proxecto, que prevé un máximo de dez empregos directos, e poñen o foco na ausencia dunha normativa específica en Galicia que regule a implantación deste tipo de instalacións

A isto súmanse o consumo estimado de 1,5 millóns de litros de auga ao ano, a circulación diaria de camións polas vías locais e a proximidade das instalacións a núcleos de poboación, con impactos acreditados en termos de ruído e cheiros.

Ademais, manifestan a escasa repercusión económica do proxecto, que prevé un máximo de dez empregos directos, e poñen o foco na ausencia dunha normativa específica en Galicia que regule a implantación e funcionamento deste tipo de instalacións, o que xera inseguridade xurídica e ambiental.

O pleno acordou instar á Xunta de Galicia a non declarar o proxecto de interese estratéxico nin aplicarlle mecanismos de aceleración administrativa mentres persistan as dúbidas sobre o seu impacto e a súa localización. Reclaman a elaboración urxente dunha normativa específica que regule a implantación e funcionamento das plantas de biogás en Galicia e que estableza garantías claras para a protección do territorio e da cidadanía.

A Deputación expresa ademais o seu apoio á veciñanza da Laracha e da contorna, que manifestou a súa preocupación polos posibles efectos negativos do proxecto sobre a calidade da auga, do aire e do entorno, así como pola desvalorización das propiedades e o impacto na vida diaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información