Falamos con Amador Díaz Penín, alcalde de Xinzo de Limia e agricultor sobre o proceso de declaración de Zona Vulnerable ós Nitratos (ZVN) deste concello por parte da Xunta de Galicia.
-A Xunta mantivo a pasada semana unha reunión cos alcaldes da Limia para informalos sobre o inicio do proceso para declarar a comarca como Zona Vulnerable ós Nitratos (ZVN), algo que Augas de Galicia avanzou xa no 2017 que estaba previsto, aínda que non se concretou ata este ano. ¿Como valora esta primeira reunión?
A reunión despois de tanto tempo que leva o decreto preparado para ser aplicado, eu creo que tiña que ter sido un pouquiño antes. Ao final, nesta comarca, onde a agricultura xoga un papel moi importante, creo que é fundamental ter diálogo e ir preparando aos agricultores e gandeiros para que neste caso, unha norma que ten que ser si ou si, sexa o menos lesiva para eles.
-A situación de exceso de nitratos no Limia non é algo recente. ¿Que medidas correctoras se viñeron aplicando nos últimos anos en Xinzo de Limia?
A verdade é que non se fixeron medidas correctoras. É certo que a agricultura nesta comarca mudou moito no senso de que antes se facía un abonado por sistema, non se facían analíticas… Sen embargo, hoxe os agricultores son verdadeiros empresarios e lóxicamente teñen que desgranar e rebaixar todos os custos de produción, incluídos os fertilizantes, e desde fai 3-4 anos os abonos químicos disparáronse en prezos, como outros insumos necesarios. A Limia é unha comarca onde os agricultores fan analíticas e se abona en función das necesidades do cultivo.
-Que din as analíticas de auga da traída municipal en Xinzo de Limia?
Temos o servizo nunha concesión con Viaqua para todo o Concello de Xinzo de Limia, e cada mes chégannos os resultados das analíticas da auga que estamos usando os veciños e consumidores e os resultados están dentro dos parámetros que teñen que ser.
-Os agricultores, e vostede tamén o é, advirten tamén que boa parte da contaminación é de orixe humana e industrial, e debido aos fallos na depuración das augas residuais. Que opina ao respecto?
É certo que a nivel dos Concellos existen moitas carencias a nivel de depuración, nós incluso temos algún núcleo onde se vai poñer en marcha algunha depuradora. O estado das propias canalizacións que son de fibrocemento e de hai moitos anos, cónstame que aí pode haber filtracións, co cal pode haber unha contaminación polo estado desas canalizacións, pero é certo que asumir, para un Concello, de novo facer os alcantarillados, no caso de Xinzo vila e 32 núcleos de poboación, é inviable económicamente, pero si desde as Administracións, confederación hidrográfica, Ministerio, Xunta de Galicia. Ao mellor hai que comezar a traballar nese senso. É moi curioso que vaias polo río Limia e que vexas que os amieiros secan, onde hai vertidos de depuración. Habería que analizallo. É moi doado poñer o foco nun sector cando ao mellor son varios os que están perxudicando á comarca.
Dixéronnos que había que aprobar isto en maio si ou si porque senón habería unha sanción importante para a Xunta de Galicia
-Parece que o proceso para declarar a Limia e outras zonas de Galicia como vulnerables a nitratos debería estar rematado antes de maio. Que información lle trasladaron ao respecto dende a Xunta?
Dixéronnos que había que aprobar isto en maio si ou si porque senón habería unha sanción importante para a Xunta de Galicia. Que se estivera esperando porque desde a Administración -autonómica- esperaban que houbera unha flexibilización nas declaracións de zonas vulnerable -por parte do Goberno Central e da Comisión Europea-. Tamén polas movilizacións que se fixeran dos agricultores. Sen embargo, non foi así e será aplicado en maio e entendo que nos dous anos seguintes se irá poñendo en marcha.

Vista aérea de cultivos no Concello de Xinzo de Limia
-¿Como agricultor como valora a limitación a 170 unidades de nitróxeno -orgánico- por hectárea como máximo anual, aínda que podería haber restriccións maiores segundo os cultivos?
Eu quero esperar a ver ese decreto, a ver se esas unidades son solo para químico ou orgánico… Hai que ser cautelosos. Un cereal de comarca da Limia que solemos botar nunha finca que ven de patacas, lóxicamente as unidades que lle aportamos despois nunha coberteira non chega a 170… Pero nun cultivo tan importante aquí como é a pataca, onde as aportacións de químico son en torno a 90 unidades, hai que ver se realmente ese abono orgánico que incorporamos, cantas son as que necesitan… Si que é certo que vai ser outro modelo de produción, os agricultores teremos que facer rotación de cultivos e ir facendo os abonados en función das necesidades e para cumplir o protocolo. Pero haberá que esperar ao Decreto e ser cautos e ver se realmente van ser esas 170 e como van ser.
Os agricultores teremos que facer rotación de cultivos e ir facendo os abonados en función das necesidades
-¿En que cre que fallaron as distintas Administracións, incluída a municipal, para que se chegara a esta situación que hai tempo que se prevía se non se aplicaban medidas correctoras?
Dende a Administración Municipal, levo aquí dous anos, pero creo que neste caso ten que ser tanto o Ministerio como a Xunta de Galicia os que fagan esa comunicación, a norma ven de Europa e hai que aplicala si ou si, e ao final o que falla sempre é o diálogo entre as administracións, e cos sectores productivos, cos sindicatos… Creo que tiña que haber comunicación, porque ao final hai que aprobala por decreto si ou si, e despois imos ter que facer as cousas en función de como se regula, entón é importante o diálogo, e creo que iso foi o que realmente fallou.
“Á hora de declarar a Limia como Zona Vulnerable a Nitratos fallou o diálogo entre as administracións e cos agricultores e gandeiros”
-¿Axudaría algo que a licenza para novas instalacións gandeiras ou ampliacións pasara de ser competencia municipal a ser da Xunta de Galicia?
O que ao mellor habería que regular é a cantidade de explotacións, ben sexan avícolas, porcinas ou demais que hai nunha zona determinada, porque ás veces pode ser que a mesma zona non dea asumido a cantidade de abono orgánico que se produce, iso sería moi importante. O que está claro é que coma ente municipal, se presentan un proxecto para a instalación dunha granxa con todas as bendicións medioambientais da Xunta eu prevarico se non lle dou a licenza definitiva. Pero sí que habería que regular as instalacións en zonas como a Limia, por exemplo, que hai moitas granxas porcinas, avícolas, gandeiras… E ao mellor si que hai que regular un pouco o número de explotacións en función da capacidade que hai para absorver neste caso os abonos que se xeran nas explotacións.
“Habería que regular a cantidade de explotacións que hai nunha zona. Como alcalde, se o proxecto ten a autorización da Xunta, prevaricaría se non lle dou a licenza”
Eu creo que os municipios xa temos bastantes embrollos. Ten que ser a a Xunta de Galicia neste caso, a que vele polos intereses da comunidade.
-Reactivar a planta de tratamento de Sarreaus pode ser unha solución? Que lle comunicaron ao respecto dende a Xunta na reunión da pasada semana?
A planta está noutro concello e está pechada hai tempo e creo que sería bo que funcionara de novo. Outra cousa é a capacidade que ten esta planta de absorver ao mellor só un 30% de produción da propia planta con xurro. É dicir, unha planta que se ten que manter con gas natural é complicado… Co cal, iso si que é unha pata que sería bo e fundamental que houbera nas zonas sobre todo onde hai moita granxa de porcino, que houbera unha planta de tratamento onde os agricultoras puideran acceder. Ademáis, esa planta parece que tiña algún problema de permiso medioambiental. É certo que non está no noso Concello e non teño control, pero non era unha planta que daba unha cantidade grande para ser solución ao problema.
Na reunión da pasada semana comunicaron que ían a ter reunións cos distintos sectores, cos agricultores, que habería máis reunións, e que tiñamos que aproveitar isto como unha oportunidade. Sigo dicindo que estas reunións tiñan que ter sido antes.
-¿Algo máis que queira engadir?
Simplemente dicir que haberá que esperar ao Decreto e ver realmente as unidades máximas de nitróxeno por hectárea e ver a que nos vamos a ater pero o que está claro é que vai ter que ser si ou si, porque do contrario haberá multas para a Xunta. Esperemos con cautela, e ver se somos capaces de establecer un plan e haberá que facer moitas reunións e charlas cos agricultores e haberá que adaptarse á normativa, e eu como responsable deste Concello, intenterei facer todas as charlas necesarias para poder adecuar o abonado aos cultivos que se están producindo así e incluso dentro da rotación de cultivos buscar outras posibilidades que entren dentro da rotación, neste caso para o cultivo da pataca.