A Central Agropecuaria de Galicia presenta modificacións para as poxas de decembro, pois as poxas dos martes coincidirían en Noiteboa e Fin de Ano. Así, os días 24 e 31 de decembro suspéndense todas as poxas, mentres que celebra unha especial de becerros carniceiros o luns 30 para abastecer o mercado do Nadal. Esta poxa terá entrada única de 7.00 a 12.00 horas, para realizar a poxa ás 13.00 horas.
Ademais, as primeiras poxas de 2025 contarán con topes os martes 7 e 14 de xaneiro. É dicir, haberá topes aos animais entregados por cooperativas, transportistas e operadores comerciais habituais do mercado. Todos eles serán informados previamente da súa marca asignada. Ademais, as explotacións particulares que asistan ao mercado realizando o seu propio transporte deberán contactar coa organización para validar a súa asistencia. Desde a organización informan de que non recibirán gando en tránsito durante todo o mes de xaneiro.
En canto á xornada deste martes, os prezos presentan baixadas en case todas as categorías, especialmente nos machos de becerros carniceiros e tamén na raza frisoa de becerros de recría.
Prezos do gando
A continuación, facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 155 euros, 7 euros menos que a pasada semana; os de 21 a 50 días a 200 euros, cunha caída de 34 euros, e os de máis de 50 días a 220 euros (-58 euros). En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 498 euros (+89), e as femias vendéronse a 332 euros (-31). Os de 21 a 50 días chegaron aos 583 euros (+11) e as femias baixaron 27 euros e quedaron en 366 euros de prezo medio. Os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 812 euros (+55) e as femias de 559 euros (-1).
Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial caeron ata os 1.312 euros con respecto á poxa pasada e presentan un descenso de 99 euros; pola contra, as femias presentan un aumento de 46 euros, e chegan aos 1.162 euros. Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.385 euros de media os machos (-36 euros) e a 1.368 euros as femias (+218). Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema baixaron o seu valor 66 euros e fixan unha media de 1.336 euros por animal.
No vacún maior houbo baixadas en dúas categorías e subas noutras dúas. Así, na categoría extra, os prezos subiron 152 euros e fixaron un valor medio de 2.230 euros, mentres que a suba na primeira foi de 6 euros e quedan nos 1.148 euros. Os da categoría segunda baixan 13 euros e fíxase un prezo de saída de 780 euros, e os de desfeito baixan 10 euros e chega ata os 474 euros. Os animais vendidos baixo o selo de Vaca e Boi de Galicia presentan un incremento de 588 euros e quedan cun prezo de saída de 2.123 euros.
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino mantéñense igual que a semana pasada: o selecto cotízase a 1,595; o normal a 1,57; o de canle II a 2,039 e o de desvieje a 0,7/0,76.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa seguen nos 60 euros (cun prezo de 3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 55 euros e cun prezo por quilo de 2,75 euros.
No mercado do ovo, os prezos mantéñense igual: os da XL en 3,13 euros; os da L en 2,59; os da M en 2,38 e os da S a 2,08.
O prezo do coello segue nos os 2,55 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).