
Beatriz Míguez Soto, durante a súa intervención no curso de verán da USC
A tinta do castiñeiro (Phytophthora cinnamomi) é unha enfermidade que afecta sobre todo á zona costeira de Galicia, cunha menor incidencia a medida que avanzamos cara ao interior, onde se atopa precisamente a principal área de produción de castaña da comunidade, que se concentra nas montañas orientais de Lugo e na provincia de Ourense.
“A medida que avanzamos cara o interior de Galicia a probabilidade de ter a enfermidade da tinta é menor. Pero a previsión futura da incidencia da tinta hai que tela en conta, de aí a necesidade de seleccionar portainxertos resistentes adaptados ao interior de Galicia”, advirte Beatriz Míguez Soto, investigadora do CIF de Lourizán, que participou nun curso de verán organizado pola USC sobre castiñeiro e cambio climático.
Esta especialista en material xenético, que traballa con clons enxertados e con híbridos, destaca a necesidade e a importancia para o sector da castaña en Galicia que supón ter novos materiais testados para deste xeito dispoñer de alternativas e solucións a enfermidades que se están a ver potenciadas co aumento das temperaturas.
É unha enfermidade que se transmite polo chan, polo que é importante que o portaenxerto sexa resistente
“A tinta, chegada a mediados do século XIX a Galicia, é a responsable de que teñan desaparecido moitos dos soutos na zona costeira. É unha enfermidade que se transmite polo chan, polo que é importante que o portaenxerto sexa resistente”, indica.
Os portainxertos actuais serven para esquivar o problema da tinta no litoral de Galicia, pero a súa supervivencia en zonas de clima máis extremo é limitada. Por iso, en Lourizán están a traballar en liñas de retrocruzamentos orientados á obtención de novos portainxertos que se adapten ás zonas do interior.
Os retrocruzamentos de 75% de C. sativa e 25% de C. crenata buscan unha mellor calidade de froito e adaptación ao interior de Galicia sen perder a resistencia á tinta
Aumentando a porcentaxe da C. sativa nestes novos híbridos até o 75%, o obxectivo que se persegue é que manteñan a resistencia ás principais enfermidades e pragas que aporta a xenética da compoñente asiática pero mellorando as características con respecto aos híbridos F1 (50% C. sativa e 50% C. crenata) en canto a calidade do froito , calidade da madeira, adaptación climática ao interior de Galicia e compatibilidade ao inxertado, que aporta a compoñente de xenética europea.
Outras aplicacións destes ensaios teñen que ver coa obtención de novos parentais na busca de maiores calidade de froito e de madeira a través de novos retrocruzamentos que teñan un 87,5% de C. sativa e un 12,5% de C. crenata, para que esta compoñente aporte, como mínimo, resistencia á tinta.
Programa de mellora xenética
O CIF de Lourizán conta con 5 coleccións de xermoplasma de castiñeiro:
- árbores superiores de Galicia seleccionadas en rodais naturais de toda a comunidade, cun elevado crecemento e calidade de madeira
- variedades tradicionais de froito, que son variedades clonais enxertadas seleccionadas por calidade de froito e de madeira pero sensibles a enfermidade e pragas e adaptadas ao clima de Galicia
- híbridos F1 (C. sativa x C. crenata), que son clons enraizados de variedades asiáticas e europeas resistentes á tinta e útiles como portainxertos pero con limitacións adaptativas a determinadas zonas do territorio
- plantacións das primeiras sementes que entraron nas primeiras décadas do século XX de Castanea mollíssima e Castanea crenata, que teñen baixa calidade de madeira e de froito, problemas de adaptación climática, elevada incompatibilidade ao inxerto, pero, en xeral, ofrecen resistencia a pragas e enfermidades.
A partir de todo este material iniciouse no ano 2010 un programa de mellora xenética, que de 2010 a 2014 estivo enfocada en produción de madeira e que no ano 2015 se reorientou cara a conseguir portainxertos resistentes a enfermidades.
A partir do 2015 levouse a cabo unha actualización do Programa de Mellora Xenética de castiñeiro de Lourizán para a obtención de novos portainxertos mediante liñas de retrocruzamentos (75% C. sativa)
Esta actualización do Programa de Mellora Xenética do CIF de Lourizán está enfocada desde entón en traballar distintas liñas de retrocruzamentos (75% de C. sativa) coa finalidade de lograr novos portainxertos que sexan resistentes á tinta pero amosen unha mellor adaptaciíon climática ao interior de Galicia, incorporando ademais tolerancias máis elevadas á enfermidade do cancro e unha alta compatibilidade ao inxertado con variedades de castiñeiro tradicionais desas zonas.
Obtivéronse 11 familias mediante o cruzamento dos patróns híbridos 111 e 7521 con Amarelante, De Parede, Famosa, Garrida, Longal e De Presa
Así, para conseguir unha mellor adaptación climática, como parentais masculinos para estes novos híbridos seleccionáronse os patróns 111 e 7521, que posúen resistencia á tinta e compatibilidade ao enxerto, mentres que como parentais femininos empregáronse as variedades Amarelante, Famosa, Garrida, Longal, De Parede e De Presa.
Mediante a técnica do estaquillado, obtivéronse réplicas para ensaios de máis de 200 individuos pertencentes a 11 familias resultantes diferentes. “Tratáronse de obter clons de todas as variedades para obter a maior variedade xenética posible”, explicou Beatriz.
Ensaios de adaptación e resistencia a enfermidades
Unha vez obtidos estes novos híbridos, no ano 2019 fixéronse estudos de adaptación climática nas 4 zonas climatolóxicas delimitadas en Galicia para castiñeiro: Zona 1 Lourizán, Zona 2 Fornadeiros, Zona 3 Coedo e Zona 4 Sabuguido. “Cuestións como a necrose, pel sapo, fisuras ou brotes na base son síntomas que indican que unha plantación non está adaptándose ben á zona”, indica a investigadora de Lourizán.
Na Zona 1 (zona atlántica), a Castanea sativa morre pola tinta, mentres que na Zona 2 (Fornadeiros) e na Zona 4 (Sabuguido) detectáronse síntomas de inadaptación por frío. Pero eses síntomas aparecen con maior frecuencia nos híbridos F1 que nos retrocruzamentos, que teñen unha adaptación semellante á C. sativa.
Hai problemas de adaptación ao frío dos portainxertos actuais
A brotación está tamén relacionada directamente cos síntomas de inadaptación, dándose unha brotación temperá nos híbridos, unha brotación tardía na C. sativa e unha brotación intermedia dos retrocruzamentos.
“A brotación ten unha compoñente aditiva moi grande, e iso é importante á hora de facer selección para obter novos materiais, porque unha brotación tardía reduce moito os riscos a sufrir danos por xeadas tardías”, indicou.
Realizáronse tamén ensaios sobre resistencia ás enfermidades máis habituais. Fronte á tinta, por exemplo, ensaiáronse 6 individuos de cada unha das 11 familias e o resultado foi que o 67% sobreviviron ao ano (72 clons do total sobreviviron).
No caso dos ensaios fronte ao cancro, constatouse que os híbridos F1 teñen menor afectación por cancro que as variedades tradicionais. “É moi difícil introducir a resistencia ao cancro nun programa de mellora xenética”, advertiu Beatriz, que sen embargo mostrouse convencida do mellor comportamento dos novos portainxertos, xa que, indicou, “os híbridos teñen maior tolerancia ao cancro que as variedades tradicionais e coido que hai tamén diferenzas significativas entre variedades”, dixo.
A resistencia ao cancro é algo moi difícil de traballar desde o punto de vista xenético
Da escolla dos mellores índices de selección resultaron polo momento un total de 25 clons seleccionados para novos portainxertos, aínda que a técnica de Lourizán explica que “hai unha maior listaxe de candidatos con posibilidades de entrar na selección final e tamén pode haber candidatos actuais que poidan ser descartados en función da continuidade dos estudos”.
Rexistro de Variedades Comerciais
O seguinte paso sería a solicitude de inscrición no Rexistro de Variedades Comerciais. Aínda que non quixo dar prazos sobre as previsións de aprobación destes novos clons, mostrouse optimista. “Esperamos que supoña unha vantaxe a nivel de campo dispoñer de novos clons híbridos resistentes á tinta e adaptados ao interior de Galicia e unha vez que teñan o visto bo do Rexistro, xa se poderían multiplicar nos viveiros”, indicou.
Unha vez que teñan o visto bo do Rexistro, xa se poderían multiplicar nos viveiros estes novos clons, que esperamos que supoñan unha vantaxe
Actualmente hai 23 variedades tradicionais rexistradas no Rexistro de Variedades Comerciais, logo dun traballo de varias décadas. No ano 1988 iniciáronse as prospeccións de campo en soutos de toda Galicia para a caracterización in situ e o xenotipado con marcadores bioquímicos, levado a cabo en 1992, e no ano 1997 fixéronse plantacións destas variedades de froito en Sergude e Lourizán.
Actualmente hai 23 variedades tradicionais rexistradas no Rexistro de Variedades Comerciais
No caso dos híbridos euroasiáticos, Lourizán foi herdeira dos clons que se fixeron na Estación de Fitopatoloxía Agraria da Coruña e na Misión Biolóxica de Galicia, obtidos a mediados do século XX.
Existen 32 clons que están aprobados como materiais base para produción de madeira. Están limitados a 600 metros de altitude en zonas de influencia atlántica nas recomendacións que se fan, pero tamén se usan como portainxerto resistente á tinta noutras zonas.
Proxecto en Nogueira de Ramuín para recuperar un souto tradicional abandonado e replicar as súas variedades en novas plantacións
O Centro de Investigación Forestal de Lourizán é unha das entidades que integran o proxecto BioNogueira, financiado pola Fundación Biodiversidad, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
O proxecto persegue a recuperación produtiva e posta en valor dun souto tradicional situado na parroquia de Moura, no Concello de Nogueira de Ramuín. Leváronse a cabo xa os traballos de limpeza e desbroce e procedeuse á identificación dos xenotipos das variedades tradicionais de castiñeiro presentes nas árbores centenarias do souto co obxectivo de realizar novas plantacións destas variedades empregando clons resistentes.
Beatriz participou na prospección realizada na zona para elixir una serie de árbores centenarias para obter a través delas unha representación das variedades tradicionais cultivadas nesta zona da conca do río Sil.
Imos tentar conservar a maior variedade xenética posible, tanto das variedades rexistradas como de variedades tradicionais coñecidas pero non rexistradas
“Recolleuse material de 95 árbores. A folla é o material más sinxelo para extraer ADN e facer o xenotipado, pero é importante recoñecer as árbores que están enxertadas”, explica a investigadora de Lourizán.
“Conservar implica mellora xenética”

Orixe dalgunhas das principais variedades tradicionais de castiñeiro (Fernández-Cruz, J et al., 2022)
O seguinte paso sería levar esas variedades atopadas no monte da parroquia de Moura á nova plantación que está previsto facer dentro do proxecto BioNogueira. A variedade que está máis presente neste souto tradicional é a Negral, que forma parte das 23 variedades rexistradas, mentres que outras das variedades identificadas, como Vermella, Paciao ou Sergude, non están rexistradas pero si forman da base de datos de Lourizán.
A maior parte das variedades tradicionais son estériles masculinas, pero Negral non, por iso é unha variedade que se utiliza como polinizadora nas plantacións
“Imos tentar conservar a maior variedade xenética posible, tanto das variedades rexistradas como de variedades tradicionais coñecidas pero non rexistradas”, destaca Beatriz, que matiza sen embargo que “conservar implica mellora xenética”.
“Para min a clave da conservación é a biodiversidade, porque canta maior biodiversidade xenética teña o monte maior resistencia a enfermidades terá, porque maiores posibilidades de cruzamento entre elas teremos para encontrar variedades resistentes a enfermidades presentes o futuras”, asegura.
Canta maior biodiversidade xenética teña o monte maior resistencia a enfermidades terá
Beatriz considera que o proxecto BioNogueira é extrapolable a outras zonas de Galicia e a outros municipios que teñan soutos abandonados que queiran recuperalos e replicalos mantendo as variedades xenéticas propias do lugar. “Son variedades que se levan nese lugar moitos anos teñen demostrado a súa adaptación ao medio e a súa resiliencia”, salienta.
Ademais da recuperación produtiva do monte de Moura, a limpeza levada a cabo neste souto tradicional supón unha acción preventiva contra o lume. O lugar atopábase abandonado e abrangue unha zona bastante ampla e de moita pendente. “O castiñeiro é unha especie que pode ser barreira contra os incendios, porque tarda máis en arder. Se o souto está limpo, axuda claramente na prevención”, di a técnica de Lourizán.
Galego









Control OJD