“Debería haber unha diferenza dun euro entre a carne de Suprema e a de Ternera Gallega convencional”

Unións Agrarias cuestiona que a separación de prezos entre ambas gamas sexa só "dun 4%". A organización analiza a actual situación de mercado e advirte dun exceso de gando pola caída do consumo e o freo das exportacións a Marrocos

Xosé Rodríguez e Félix Porto, durante a rolda de prensa de UUAA este xoves en Santiago

Xosé Rodríguez e Félix Porto, durante a rolda de prensa de UUAA este xoves en Santiago

UUAA alerta dun “coctel preocupante” que pon en risco a viabilidade das explotacións de vacún de carne galegas e pide que se adopten medidas a tempo para evitalo. “Está a haber unha caída da rendibilidade das ganderías pola baixada de prezo que se está a dar e o incremento dos custos de produción como consecuencia da suba do gasóleo e os fertilizantes”, asegurou Félix Porto, vicesecretario xeral de UUAA. 

A baixada acumulada nos últimos meses é de máis de medio euro en kg/canal, chegando a 70 céntimos e mesmo a un euro en animais pasados de peso, por enriba de 250 kg/canal, poñendo fin así ao bo momento vivido polo sector en todo o 2025. “Foi a primeira vez en 40 anos que se lle incrementou o prezo ao produtor”, destacou. 

A decisión de Marrocos de pechar as súas fronteiras ao gando español trala aparición de casos de dermatose nodular contaxiosa en Cataluña e Aragón desencadeou unha tormenta que fixo saltar polos aires a situación de demanda e prezos altos. “Marrocos rexeita que entre carne de España para provocar precisamente unha caída de prezos”, afirmou Félix Porto. 

Marrocos rexeita que entre carne de España para provocar unha caída de prezos

“Pedimos que se poñan en marcha vías diplomáticas por parte do Estado español para que Marrocos acepte a rexionalización da enfermidade e abra os mercados polo menos ás zonas onde non se detectaron casos de dermatose” -demanda, algo que tamén vén pedindo a Xunta-. “A posible apertura da exportación no mes de outubro xeraría expectativas no mercado que faría que se detivera a baixada actual”, argumenta Félix Porto, que insistiu en que “non é Mercosur o que provocou a caída de prezos, porque Brasil ten pechada a exportación e non entrou carne de Brasil en todo este ano”. 

Rexeitamento á marcaxe de xatos azul belga

Pola súa banda, Xosé Rodríguez, responsable do sector vacún de carne de UUAA e representante da organización agraria no Consello Regulador da IXP Ternera Gallega, mostrou o rexeitamento de Unións Agrarias, ao igual que xa fixera antes o Sindicato Labrego Galego, a que se marquen dentro da IXP becerros azul belga de cruce industrial procedentes de explotacións leiteiras, como pide tanto a industria como os cebadoiros. “Neste momento xa hai demasiada oferta e co número de animais actual podemos defender perfectamente a IXP”, argumentou. 

No 2015 o 54% da carne de Ternera Gallega vendíase fóra de Galicia, unha cifra que baixou ao 37% no 2025

“O volume de produción de Ternera Gallega que se vende fóra de Galicia está a descender; pasamos un 54% no 2015 a un 37% no ano 2025”, alertou, abogando por recuperar mercados con consumidores de maior poder adquisitivo dispostos a pagar máis pola carne de calidade galega. 

Subida do censo de animais pero caída no número de explotacións

O número de explotacións de vacún de carne caeu un 3% no conxunto de España no último ano (865 granxas menos). Esta perda de ganderías reflíctese tamén nas cifras do número de ganderías inscritas na IXP Ternera Gallega, que pasou de  7.942 explotacións no 2024 a 7.554 no 2025. “Esta tendencia tamén se mostra no número de cebadoiros e puntos de venda e no número de animais que se certificaron”, asegurou Xosé. 

A IXP Ternera Gallega perdeu 400 granxas no 2025 pero segue a ser o motor do sector da carne de vacún galega

Sen embargo, a situación parece ter mudado, pois o censo de gando a comezos do 2026 amosaba un lixeiro incremento no número de cabezas, do 0,1%. “En base ao número de animais presentes neste momento nos cebadoiros, a previsión fala dun incremento de animais cebados listos para sacrificar a comezos do ano que vén”, indicou. Esta previsión racha coa tendencia do último ano, xa que o número de animais sacrificados no 2025 baixou un 1,5% a nivel nacional, aínda que o número de toneladas incrementouse como consecuencia do aumento da idade e peso dos animais levados a matadoiro. 

Problemas para dar saída a becerros grandes

A raíz dos bos prezos mantidos pola carne de vacún no ano 2025, moitas explotacións decidiron engordar os seus animais máis aló dos 10 meses que fixa a IXP Ternera Gallega para Suprema e dos 12 meses para a marca de cebadoiro coa idea de sacar un maior rendemento ás canais, pero neste momento, asegurou Xosé, existen problemas para a venda deses animais de máis peso. 

Os animais de maior peso son os que están a pagar en maior medida a falta de demanda

“Actualmente temos unha certa descompensación entre a oferta e a demanda, xa que hai un maior número de cabezas, non están saíndo animais cara Marrocos, Alxeria ou Libia e o consumo interno tamén caeu”, indicou Xosé, que cualificou a situación de “preocupante polo que pode vir no futuro”. 

Caída do consumo interno e parálise nas exportacións a Marrocos

A baixada da demanda débese tanto á caída no consumo de carne de vacún en España (os últimos datos oficiais cuantifican a baixada do consumo nun 6,3% en outubro de 2025 e nun 7,16% en novembro, aínda que por parte das cadeas de distribución cífrase entre o 10 e o 12%) como, sobre todo, ao parón nas exportacións de animais vivos, principalmente con destino a Marrocos, que absorbía o 54% das saídas de gando de España (65.000 animais vivos exportados a Marrocos no 2024). “A suspensión das exportacións ao norte de África está a ter como consecuencia a saturación do mercado interno”, asegurou Xosé. 

A UE vai prohibir a partir de setembro as importacións de carne procedente de Brasil

Unións desvincula tamén a caída actual de prezos, que cifra entre 50 e 60 céntimos en función do operador e o tipo de animal, da entrada en vigor do acordo comercial entre a UE e Mercosur o pasado 1 de maio, xa que asegura que as importacións procedentes de Brasil están pechadas e o cupo total, de 11.000 toneladas de carne de vacún para o conxunto dos 27 países da UE para este 2026, procedentes sobre todo de Arxentina e Uruguai, non son un volume significativo capaz de condicionar o mercado, aseguran. “En España ten máis incidencia a entrada de carne procedente de Polonia ou Alemaña a prezos máis baixos”, asegurou Xosé Rodríguez.  

Observatorio de Prezos

UUAA pide á Consellería do Medio Rural a posta en marcha por parte da Xunta de Galicia dun Observatorio de Prezos para tratar de dar “transparencia” ao sector. “Esta baixada de prezos que están a sufrir os produtores non está a chegar aos consumidores a través dos liñais dos supermercados e das carnicerías”, denunciou Xosé Rodríguez. 

A suba de prezos do ano pasado fixo que se perdera consumo e agora recuperar ese mercado non é doado

A diferenza de prezo entre a carne de Suprema e a Ternera Gallega convencional tamén se reduciu notablemente, xa que explicou Xosé, “pasamos dunha diferenza de prezo do 11% no 2019 a tan só un 4% na actualidade”, indicou. Por iso, desde UUAA solicítase ao Consello Regulador da IXP que aumente ese diferencial a partir dun maior valor da carne producida en explotacións de vacas nodrizas fronte á carne procedente de modelos máis industriais. 

Ten que haber como mínimo unha diferenza de 1 euro en quilo, porque senón non ten sentido a existencia dunha IXP”, asegurou Félix Porto. No ano 2025 foron certificados nas 7.554 explotacions un total de 85.589 animais dentro da categoría Suprema e 47.028 en convencional nos 358 cebadeiros amparados pola IXP, pero logo as cifras finais en matadoiro foron máis parellas. 

PAC 2028-2034

O vacún de carne ten que xogar un papel fundamental no vindeiro período da PAC, defende UUAA, que propón establecer un ecorrexime específico que valore os servizos ecosistémicos e demográficos que aporta a gandería extensiva no territorio. 

“Das 16.000 explotacións de vacún de carne que hai en Galicia, o 70% conta con menos de 25 cabezas. Moitas delas teñen a produción de carne como complemento pero realizan unha función fundamental na fixación de poboación en zonas rurais e prevención de incendios forestais”, argumentou Félix Porto. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información