‘Deberes’ pendentes e propostas para o sector lácteo

Resumimos as aportacións de dous documentos presentados este mes que reflexionan sobre os camiños de saída para a crise do leite no curto e no medio prazo. Foron elaborados por Terra e Leite e por Tomás García Azcárate, alto funcionario da Dirección General de Agricultura da UE

‘Deberes’ pendentes e propostas para o sector lácteo

A crise do sector lácteo provocou as recentes tractoradas da primeira quincena de setembro.

A actual crise do leite, de carácter global pero especialmente aguda en Galicia, suscitou nas últimas semanas dous documentos de expertos do sector nos que se reflexiona sobre os ‘deberes’ pendentes do sector e se aportan propostas para o curto e medio prazo. Asínanos Xosé Turnes, presidente da asociación Terra e Leite (Documento completo), e Tomás García Azcárate, alto funcionario da Dirección General de Agricultura da UE (parte I e parte II). Resumimos as súas principais aportacións.

Ambos informes coinciden nunha análise de prioridades común. En canto ó sector produtor é de vital importancia -din- aumentar a base territorial para depender menos das forraxes de importación. Con respecto ás industrias, ao entender dos expertos, o camiño pasa por traballar en produtos de maior valor engadido.

Ás Administracións pídeselles un maior control do conxunto da cadea de valor do leite, en especial da distribución, e Azcárate sinala o verdadeiro cabalo de batalla que se presenta no medio prazo: “evitar o abuso de posición dominante das autoridades de competencia, que teñen unha situación de cuase monopolio da decisión política”. Do acordo do sector lácteo asinado o día 23, Azcárate valora que será positivo “se se cumpre”.

“As autoridades de Competencia teñen unha situación de cuase monopolio da decisión política que habería que evitar” (Tomás García)

Repasamos a continuación máis en detalle as principais propostas e análises no tocante ós diferentes eslabóns da cadea. Como reflexión xeral de inicio, Turnes incide en que os diferentes actores, a parte de mirar os seus intereses persoais, deben traballar no marco dunha “estratexia compartida de sector”, de xeito que haxa unha maior vertebración da cadea láctea.

Sector produtor
– O esforzo por aumentar a base territorial e depender menos das materias primas de importación preséntase vital. “Por un lado, as explotacións sofren de cheo a volatilidade dos prezos dos cereais; por outro, sempre haberá alguén máis competitivo que un gandeiro galego para producir leite Uht vendida en Madrid ou Barcelona con millo francés e soia do Brasil. En Irlanda e Alemania, as explotacións que mellor resisten a crise son as que mobilizan recursos forraxeiros propios e dependen menos das compras” (Azcárate).

“Sempre haberá alguén máis competitivo que un gandeiro galego producindo leite Uht para Madrid con soia do Brasil” (Tomás García)

En valoración de Azcárate, é previsible un desprazamento da produción desde a Cornisa Cantábrica cara a Castilla y León, onde existen recursos (alfalfa e cereais) e maior proximidade ós centros de consumo. “A desesperación de moitos gandeiros que foron empurrados nun calexón sen saída, a base de explotacións máis grandes, máis intensivas, máis endebedadas e polo tanto, máis fráxiles financieiramente, producindo cada vez máis para consumidores cada vez máis lonxanos, é perfectamente lóxica e comprensible. Reclaman solucións xa”.

– Nas cooperativas, convén diferenciar entre as que actúan como primeiro compradoras intermediarias, “de escaso interese”, según Turnes, e as cooperativas industriais, “fundamentais” se logran unha gran dimensión e lideran ó sector na súa zona de implantación, valoran desde Terra e Leite. Azcárate destaca que en España o sector produtor está desorganizado, xa que foi incapaz de montar un potente sistema cooperativo similar ó doutros países europeos: “Oportunidades houbo, pero a división do sector, as riñas persoais e políticas, impediron transformalas en realidades”.

“Os primeiro compradores contribúen a que moitas explotacións galegas estean cobrando o prezo máis baixo de España” (Xosé Turnes)

– Faise preciso tamén un maior protagonismo do sector produtor no establecemento de alianzas coas industrias (Turnes).

Compradores sen industria
– Os primeiro compradores, intermediarios entre o gandeiro e a industria, teñen pouco interese e contribúen na actualidade a que moitas explotacións galegas estean cobrando os prezos máis baixos de España polo leite, dada a súa falta de capacidade de almacenamento, o que lles obriga a liquidar os seus stocks a calquera prezo, advirten desde Terra e Leite.

Industrias
– A maioría do leite producido en España comercialízase como leite líquido Uht, “o produto banalizado por excelencia, con pouco valor engadido, no que as empresas doutros Estados membros comercializan o que non puideron valorizar doutro xeito” -destaca Azcárate-. “Ademais, predomina a marca do distribuidor”. O documento de Terra e Leite fai tamén unha análise das perspectivas industria por industria.

Distribución
– O emprego do leite como produto reclamo supón na práctica unha transferencia de valor desde o sector lácteo cara outros sectores, sen que as Administracións actúen para impedir este tipo de prácticas, critica Terra e Leite.

Administracións
– Os dous expertos discrepan sobre a conveniencia de mellorar o prezo europeo de intervención do leite en po e manteiga para sacar produción do mercado en intres de crise. Para Turnes, sería unha medida positiva, en tanto Azcárate entende que a suba dos prezos de intervención levaría ós gandeiros a continuar aumentando a produción, o que cortocircuitaría o sistema de intervención cuns sobrecustos excesivos.

– En Europa, ó entender de Azcárate, o debate débese centrar en lograr ante as autoridades de Competencia unha singularidade para o sector lácteo que permita maiores concrecións sobre prezos nos acordos entre as diferentes partes da cadea.

– En canto ás Administracións central e autonómica, Terra e Leite sinala a necesidade de que velen polo cumprimento das normas –“sen poñerse do lado do máis forte da cadea”- e de que deseñen un plan de futuro para o conxunto do sector.

Acordo do sector lácteo
Sobre o acordo do sector lácteo, asinado o 23 de setembro, posiciónase Azcárate suliñando que será positivo “se se cumpre”, en tanto o informe de Terra e Leite, que é previo a esa sinatura, non entra por tanto a valorar o acordo.

“O contido do acordo pode parecer demasiado vago, pero estamos no límite do que as autoridades de Competencia poden admitir hoxe” (Tomás García)

O documento de Azcárate lembra que este non é o primeiro acordo ó que se chega no sector e compara o acordo actual co do 2009, cando era secretario de Agricultura do Ministerio o socialista Josep Puxeu. “Aquel acordo establecía que industrias e cooperativas comprometíanse a xeralizar o sistema de contratos homologados para o pago do leite, contratos que deberían incluir o prezo acordado entre gandeiro e industria a partir dun sistema de indexación” -explica Azcárate-. “Contrasta o contido daquel acordo, elaborado cando Zapatero era presidente, coa esixencia do Psoe de que o acordo actual debe fixar un prezo mínimo que cubra custos de produción”.

“O contido do acordo pode parecer demasiado vago –engade Azcárate-, pero estamos ó límite do que as autoridades de competencia poden admitir hoxe”. Sobre a posibilidade de acordar un prezo mínimo, o experto insiste en que “debe ser un obxectivo estratéxico de primeira importancia mobilizar axeitadamente a excepción do dereito á competencia prevista para o sector agrario no Tratado Europeo”.

Propostas prioritarias de traballo
Entre as propostas que realiza Terra e Leite para abordar a actual crise, figuran as seguintes:

– Estabilizar os contratos entre gandeiros e industrias, simplificando a súa posta en marcha e facilitando que as dúas partes se sintan cómodas evitando as actuais rixideces.

– Eliminar aos compradores sen industrias, sexan particulares ou cooperativas, que contribúen en gran medida aos baixos prezos.

“Industrias e produtores deben esforzarse por establecer estratexias conxuntas no marco da Interprofesional” (Terra e Leite)

– Asegurar un servizo de inspección que garanta o seguemento dos prezos ao longo de toda a cadea e que aplique, de ser o caso, as sancións previstas na normativa vixente. Azcárate avoga tamén pola elaboración dun informe trimestral que dea seguemento a todas as denuncias presentadas, cos nomes dos denunciados, e advirte da necesidade de axilizar e homoxeneizar o proceso inspector.

– Estabilizar as relacións na interprofesional láctea onde industrias e produtores deben esforzarse por establecer estratexias conxuntas. Débese forzar tamén á distribución a participar na interprofesional láctea para tratar de lograr os obxectivos do “paquete lácteo”.

– As administracións, tanto agora no curto prazo, como no futuro, teñen que asumir o protagonismo na defensa do sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información