¿Débense regular as novas plantacións de eucalipto en Galicia?

As organizacións do sector valoran pros e contras sobre o ordenamento da expansión da especie proposta polo Parlamento galego

¿Débense regular as novas plantacións de eucalipto en Galicia?

A expansión das plantacións de eucalipto chegou ó debate político nas últimas semanas. / Imaxe: Campo Galego.

Galicia está aumentando nos últimos anos as plantacións de eucalipto en detrimento doutras especies, caso do piñeiro. O atractivo do eucalipto para o propietario forestal vén da man dun mellor prezo e mercado, unidos a un turno de aproveitamento máis curto e á chegada ó monte galego dunha nova especie de eucalipto, o ‘nitens’, máis resistente ó frío e as pragas.

O cambio de tendencia no monte xa acadou o punto no que as masas de piñeiro que se cortan se están sustituindo de xeito habitual por novas plantacións de eucaliptos. A situación de expansión da especie debatiuse nas últimas semanas no Parlamento de Galicia, onde se acordou instar á Xunta a unha regulación das novas plantacións.

O debate político sobre o eucalipto centrouse na cuestión paisaxística e nun posible risco de desabastecemento de materia prima para a industria galega que traballa con madeira de piñeiro. Falamos con organizacións do sector para coñecer a súa opinión sobre unha posible regulación das novas plantacións.

“A sobreoferta de eucalipto a medio prazo é un problema para os produtores” (Francisco Dans, Asociación Forestal de Galicia)

O director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, considera que a actual expansión da superficie de eucalipto pode rematar nun problema de sobreoferta. “O problema non é para a industria, é para os produtores”, advirte. “Á volta de pouco tempo, teremos un problema de exceso de oferta de eucalipto no mercado”.

Sobre a cuestión paisaxística, Dans entende que o eucalipto xa está “asimilado sen problemas” en moitas comarcas, se ben si está de acordo en que en certas zonas onde non había presencia da especie si é “preocupante” a súa entrada.

“As sancións e prohibicións sempre son fonte de conflicto. Poden buscarse outras fórmulas”

A posibilidade dunha regulación das novas plantacións, con todo, é tomada con precaución polo director da Asociación Forestal de Galicia: “Son máis partidario de orientacións e de incentivos da Administración dirixidos a lograr unha diversificación e a que non haxa un monocultivo que se expanda de xeito perxudicial. Pódense buscar fórmulas que funcionen mellor que as prohibicións ou sancións, que sempre son fonte de conflicto”, valora. “Agora que se vai revisar o Plan Forestal de Galicia é un bo momento para abordar esta cuestión”.

“Á industria, o que lle preocupa é a falta de materia prima de calidade” (Ana Oróns. Secretaria xeral de Confemadera Galicia)

Confemadera Galicia, a patronal que agrupa á maioría da industria galega transformadora de madeira, reenfoca o debate noutros aspectos de xestión forestal. A súa secretaria xeral, Ana Oróns, asegura que a principal preocupación das industrias é a carencia dunha materia prima de calidade, “con independencia da especie”: “Mentres que o resto de países forestais modernos (Brasil, Francia, Alemania) están apostando por unha silvicultura moderna, en Galicia non se está facendo ningún labor de promoción dunha cultura forestal productiva. Tampouco se está a traballar no ámbito da mellora xenética das especies máis comúns no noso territorio”, advirte. “Realmente só existen 300.000 hectáreas ben xestionadas dos 2 millóns de hectáreas de monte da comunidade”.

“É sorprendente pero Galicia carece de información veraz sobre as existencias que temos no monte”

Outro aspecto que Confemadera considera preciso para unha mellor planificación das industrias é un coñecemento fidedigno das existencias do monte galego: “Aínda que pareza sorprendente, Galicia carece de información veraz sobre a realidade das existencias que temos no monte susceptibles de ser transformadas. O único que temos son estadísticas que están obsoletas e que se fan cunha metodoloxía que non se axusta á realidade minifundista de Galicia”, critica a secretaria xeral de Confemadera.

“En mercados a 20 anos, actuar pensando só na situación actual pode levar a erros” (Inmaculada López, Vifoga)

A presidenta da Asociación de Viveiros de Galicia (Vifoga), Inmaculada López, confirma unha tendencia forte de maior demanda de planta de eucalipto nos últimos anos e analiza as causas e posibles consecuencias do aumento de superficie da especie. “Os últimos catro anos os viveiros deixaron de facer moita planta de piñeiro e pasouse a producir de xeito maioritario máis eucalipto”, afirma. “A orixe do cambio de tendencia hai que buscalo na crise da construcción. A demanda de madeira de piñeiro baixou moito e en paralelo baixaron as novas plantacións de piñeiro. Esta situación coincidiu co crecemento da demanda de eucalipto a bos prezos”, explica.

O eucalipto habitual en Galicia, o ‘globulus’, o preferido polas industrias do papel, viña plantándose nas zonas costeiras e en áreas cunha altitude inferior ós 300 metros. En zonas altas de interior e onde había moitos problemas de ataques de gorgollo non tiña espazos propicios. Sen embargo, outra especie de eucalipto, o ‘nitens’, si é apto para zonas frías e resiste mellor os ataques do gorgollo, o que fixo que nos últimos anos se producise un forte incremento da súa demanda.

“Canta plantación de ‘nitens’ vai ter saída cos prezos actuais?”

Canta plantación de ‘nitens’ vai ter saída cos prezos actuais? Hai que preguntarse se ten sentido apostar de xeito tan forte por unha especie. En mercados que teñen prazos duns 20 anos, actuar pensando na situación actual pode levar a erros”, valora Inmaculada López. “Si é certo que o eucalipto está dando bos rendementos a 12-15 anos e os propietarios están satisfeitos”, sopesa.

“O eucalipto está salvando ó sector forestal. Ten que haber consenso” (Jacobo Feijoo, Asefoga)

O secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), Jacobo Feijoo, é partidario da diversificación da produción forestal, pero advirte da necesidade de consenso e pide unha análise calma sobre a cuestión do eucalipto.

“O eucalipto nos últimos anos de crise é o que lle está salvando a papeleta ó sector forestal”, valora. “En caso de crises de prezos ou de problemas de plagas, a diversificación é a que dá capacidade de resistir. O intelixente como país e como sector é non ter todos os ovos na mesma cesta”, recomenda. “Por iso sería igualmente positivo traballar para sacar ás especies caducifolias da marxinalidade económica que teñen hoxe en Galicia. Se queremos limitar a extensión do eucalipto, máis que prohibicións, o que se precisa é traballar dende o conxunto do sector para acadar que as outras especies sexan igualmente rendibles e atractivas para o propietario”.

“Por que non sacar ás especies caducifolias da marxinalidade económica que teñen en Galicia?”

Unha vez que a Lei xa prohíbe plantar eucaliptos en terras agrarias e nos terreos forestais nos que xa hai frondosas, a posibilidade dunha prohibición de novas plantacións da especie en superficie forestal erma é cuestionada polo secretario xeral de Asefoga, un colectivo ligado a Unións Agrarias. “Nun terreo forestal ermo, ó que o eucalipto se adapta e no que se pode xestionar de acordo cos principios da sostibilidade, parece problemático que se lle poida prohibir plantalo a un propietario desde a Administración. Que é mellor, que un terreo forestal ermo quede sen aproveitamento ou que se plante con eucaliptos con criterios de sostebilidade?”, pregúntase. “É necesario un consenso amplo para acadar una regulación axeitada”.

“O reto é mellorar a situación do mercado do piñeiro, que é o difícil, máis que prohibir o eucalipto”

A maior rendabilidade do eucalipto para o propietario forestal obriga a un exame riguroso dos pros e contras de posibles medidas: “O eucalipto agora está ofrecendo máis rendabilidade que o piñeiro, sen contar que o prazo de corta é a metade”, apunta Jacobo Feijoo. “Sei dun excelente piñeiral de madeira de calidade que se subastou en Lugo hai pouco tempo a un prezo de 26 euros por tonelada. O eucalipto agora estase pagando a 30 euros e o prazo de corta é da metade de anos. O reto é mellorar a situación de mercado do piñeiro, que é o difícil, máis que prohibir o eucalipto, que é o fácil”.

O secretario xeral de Asefoga tamén cuestiona que nun futuro poida haber unha saturación de eucalipto: “É probable que nun prazo de 15-30 anos haxa novos procesos e industriais que absorban a oferta”, valora.

“É necesario un plan de uso das terras, igual que hai no urbanismo” (Xosé Pereira, Organización Galega de Comunidades de Montes)

O presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Pereira, entende que unha posible regulación das novas plantacións hai que abordala no marco da revisión do Plan Forestal de Galicia, xa en marcha. “O monte debe ter un ordenamento igual que ten o urbanismo”, sostén. “Débese elaborar un plan de uso das terras que beneficie a todos e que poida prever compensacións en determinados casos en que haxa restriccións”, valora.

“O Goberno quere desregular as plantacións con turnos de corta menores a 20 anos. O debate sobre o eucalipto é hipócrita”

Sobre o debate iniciado polo PP no Parlamento de Galicia en torno a unha posible regulación das plantacións de eucaliptos, Pereira considera o debate “unha hipocresía”: “A nivel estatal, o Goberno prevé introducir no Parlamento unha revisión da Ley de Montes para que as plantacións cun turno de corta inferior a 20 anos –caso do eucalipto- non estean sometidas nin a plans de ordenamento nin á obriga de solicitar permisos de corta. A idea é que os eucaliptos se poidan plantar e cortar sen plan de xestión e sen solicitar permisos. Trátase dunha desregulación coa que se queren potenciar os cultivos enerxéticos”, afonda Pereira. “Ese é o camiño que están marcando na realidade” –critica-, “non o da regulación de novas plantacións, que si se debería de afrontar a través dun plan de uso de terras”.

Una idea sobre “¿Débense regular as novas plantacións de eucalipto en Galicia?

  1. eugenio linares guallart

    Las plantaciones de eucaliptos no es que afeen el paisaje, lo hacen desaparecer bajo sus copas y lo monotonizan con su tono verdoso a lo largo de todo el año y los años sucesivos, de manera que las personas afectadas por un entorno plantado de eucaliptos, no estan expuestas a los cambios de coloración tanto primaverales como otoñales, impregnandose de la propia monotonía del color de los eucaliptos que les rodean y que llega a influir en sus quehaceres y pensamientos.
    Yo no creo que sea un gran negocio plantar toda la franja costera de Galicia con eucalipto, las empresas celulosas no precisan mas , Sobraría con reponer lo que se corta .
    Entre las partidas que los gobiernos de España y Galicia negociaron en la Comunidad Económica Europea, figuraba la producción de celulosa destinada a colaborar en el abastecimiento de papel para los paises miembros , mediante la plantación masiva de eucaliptos, propuesta que no interesó a Francia ni Inglaterra ni nadie mas que esta Galicia y a sus enormes prohombres.
    Aunque los gallegos propietarios de los montes y fincas decidiesen no aumentar la superficie dedicada a l eucalipto, la biodiversidas de esas superficies ocupadas ya ha sido diezmada , lo que es muy grave.
    Creo que hay opciones mucho mejores y mas acordes con la sostenibilidad de nuestro entorno a la hora de buscar rendimiento económico a las propiedades.
    Si nos ponemos de acuerdo podemos influir aportando alguna propuesta

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información