Debense reducir os rendementos de uva en Rías Baixas?

O pleno do Consello Regulador abordará esta primavera posibles cambios de normativa para evitar a aparición de excedentes. Unións Agrarias oponse a unha baixada de rendementos e inicia unha serie de charlas informativas no Salnés, onde está a atopar o respaldo dos viticultores

Publicidade
Debense reducir os rendementos de uva en Rías Baixas?

Asemblea de Unións Agrarias en Rías Baixas. / Cedida.

Nas últimas tres décadas, o rendemento da uva albariña na D.O Rías Baixas está establecido en 12.000 kg. por hectárea, con posibilidade de incrementos excepcionais en anos puntuais, como sucedeu no 2011 ou no 2023. O crecemento progresivo das colleitas, cun récord este ano de 47 millóns de Kg, superior en 5 millóns de Kg. ó 2024, está a abrir o debate sobre se non sería convinte reducir os rendementos por hectárea.

Tocou teito a venda de viños da D.O Rías Baixas?. Unións Agrarias opina que non, máis alá de que haxa adegas con stocks puntuais. “O equilibrio da produción tense que valorar a varias campañas, pois a produción de uva depende da meteoroloxía”, argumenta o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

“Dános a impresión de que se quere regular a oferta de uva de forma torticera -opina García-, agora que determinadas adegas fixeron grandes plantacións e teñen a posibilidade de regular internamente rendementos, equilibrando o das parcelas máis produtivas coas menos produtivas. Esa é unha posibilidade que non teñen os pequenos viticultores, que no Salnés teñen de media unha hectárea”, compara.

Na mesma liña se expresa o vocal de Unións na D.O Rías Baixas, Manuel Ángel Dopazo, que subliña que “o máis grave que lle pode pasar a unha denominación é que non teña viño, pois perderá mercados, pero que haxa uva non é un problema. Ninguén obriga ás adegas a mercar maior cantidade da uva da que precisen”, valora.

Desde Unións consideran que baixar os rendementos afectará á rendibilidade dos viticultores e desincentivará a actividade. A organización sinala que as grandes adegas cooperativas, “que esta campaña pagaron a uva un 30% máis que o resto”, non teñen problemas de excedentes e limita a situación de stocks a casos puntuais.

Novas liñas de viños
En calquera caso, de confirmarse problemas de mercado, a organización é partidaria de buscar outras alternativas. “A denominación terá que valorar darlle amparo a liñas de produto que están collendo certo peso no mercado, como os viños de baixa graduación ou mesmo viños sen alcol”, sinala Manuel Ángel, que tamén apunta a opción de que as adegas prensen menos a uva: “Non é necesario que cheguen ó tope que permite o regulamento, poden facer un prensado máis suave”, opina.

A organización agraria iniciou reunións no Salnés para abordar a cuestión dunha posible redución de rendementos. “Tivemos xa unha primeira asemblea en Castrelos (Cambados) e o 100% dos viticultores que vende a súa uva estaba a favor de manter rendementos”, destaca Roberto García.

En paralelo, Unións solicitará do Consello Regulador o informe técnico da proposta e pide coñecer quen a presentou. Outra opción que se baralla na proposta, segundo trascendeu, é paralizar a ampliación de plantacións na denominación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información