“Deben reforzarse as axudas de prevención do lobo, o custo da convivencia non pode recaer nos gandeiros”

O presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Joan Alibés, avoga por destinar maiores fondos ós apoios e por incluír asesoramento ás granxas sobre as medidas a aplicar

“Deben reforzarse as axudas de prevención do lobo, o custo da convivencia non pode recaer nos gandeiros”

Lobo. / Arquivo.

O previsible cambio de estatus do lobo, ó entrar no listado de especies de protección especial, está a suscitar estes últimos días debate no agro. Máis alá de se hai que permitir ou non a caza de lobos no caso de danos reiterados, desde a perspectiva da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, o foco debe poñerse nas axudas de prevención.

“Estanse destinando cantidades moi pequenas para axudas de prevención e cun enfoque mellorable. A pouco que destinásemos un millón de euros ó ano para prevención, cun bo deseño das axudas, poderiamos ser a referencia de Europa na convivencia do lobo coa gandería extensiva”, lamenta o seu presidente, Joan Alibés.

A actual liña de prevención de danos da fauna salvaxe no agro presenta eivas facilmente solucionables, ao entender de Joan Alibés, que representa á Sociedade Galega de Pastos nun foro estatal a prol da coexistencia do lobo e da gandería extensiva, o Grupo Campo Grande. “En primeiro lugar, habería que destinar tódolos anos un presuposto suficiente. Hai anos que nin sequera se convocaron, como o 2018”, lembra.

“En segundo lugar, hai que crear liñas de asesoramento ós gandeiros para acompañalos en cuestións como o adestramento dos cans mastíns. Unha cousa é ter un mastín de protección do gando e outra é ter un mastín de compañía” -advirte-. “É imprescindible que os mastíns se críen co gando que van protexer para crear un vínculo entre os animais, pero iso moitas veces non se está facendo do xeito correcto”, cuestiona.

“Unha cousa é ter un mastín de protección do gando e outra un can de compañía. É imprescindible o asesoramento e formación ós gandeiros”

O asesoramento ‘in situ’ ós gandeiros sobre o manexo dos mastíns debe acompañarse doutras medidas -propón Joan-, como a posta en marcha dun programa galego de selección e cría de mastíns ou a ampliación de axudas non só para a compra dos cans senón para o seu mantemento anual, que representa un custo importante para as granxas.

Outra das propostas apunta á necesidade dunha reformulación dos criterios de concesión das axudas para priorizar os apoios ás explotacións en extensivo, que loxicamente son as que teñen maior necesidade de defenderse do lobo. “Son todas propostas que xa lle trasladamos á Consellería de Medio Ambiente en reiteradas ocasións” -explica Alibés-. “O custo da convivencia entre lobo e gandería extensiva non pode recaer nos gandeiros, pois ademais hai fondos europeos que financian integramente estes apoios”, subliña.

Caza por danos
Sobre os cambios que haberá na caza do lobo ó entrar no listado de especies en protección especial, o presidente da Sociedade Galega de Pastos considera que non se trata dunha cuestión significativa.

“En Galicia, o último lobo que se cazou nunha acción de control por danos foi no 2013. É certo que co cambio de estatus do lobo, os cazadores xa non poderán facer batidas por danos, pero si hai a posibilidade de que a Consellería de Medio Ambiente asuma a través dos seus axentes eses controis por danos, tal e como xa fai o Goberno de Asturias. O lobo poderase seguir controlando en caso de danos sempre que Medio Ambiente cumpra con esa función”, explica Joan.

Falta de consenso
Desde o Grupo Campo Grande, no que participa a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes xunto a multitude de organizacións ecoloxistas, de cazadores e do agro, emitiron unha nota de prensa na que cuestionan a falta de consenso que hai en torno á decisión do Ministerio de Transición Ecolóxica de incluír ó lobo no listado de especies de especial protección.

“A coexistencia co lobo pasa actualmente por unha situación moi sensible e complexa que se arrastra desde hai anos. Un escenario no que conflúen relacións moi diversas e intereses e posicións opostas, a miúdo enfrontadas, que, como en todos os conflitos socioambientais, debería ser tratado mediante procesos proactivos de participación pública que garantan o diálogo, a escoita de todas as partes, a procura de consensos e a mediación social, se se considerase necesario”, defenden.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información