“Debemos facer unha poda de respecto se queremos que as viñas sexan lonxevas”

O enólogo Julio Prieto describe que Galicia ten grandes solos vitícolas, os granitos e as lousas, aos que a viña se adaptou "ás mil marabillas" e destaca a importancia de podar ben para previr de enfermidades

Publicidade
Imaxe do enólogo Julio Prieto. Foto: Cedida

Imaxe do enólogo Julio Prieto. Foto: Cedida

Nesta época na que se están realizando a poda dos viñedos, o enxeñeiro agrícola e enólogo, Julio Prieto, fai un repaso polas indicacións que hai que ter en conta para levar a cabo unha correcta poda e así obter unha boa rendibilidade.

O profesional destaca a calidade dos solos de Galicia, ademais dos propios viñedos, e destaca que hai podas que se adaptan mellor a un clima e a unha variedade ou uns obxectivos produtivos.

– Cales diría que son as claves para podar ben os viñedos en Galicia?
En Galicia e en calquera sitio do mundo, o primeiro é entender a planta. Saber que é unha liana, que a poda xéralle unha serie de impactos, un dos máis importantes é a desecación da planta. Neste sentido, o como, canto e onde fagas os cortes de poda pode facer que te carges o sistema circulatorio da savia da planta.

Unha vez se teña isto claro, podemos falar das podas para cada rexión en particular. En Galicia hai moitas rexións con condicións moi diferentes, debemos atender primeiro a poda de estrutura, que nos permite configurar a planta, ben sexa un vaso, un cordón ou parral, e logo a poda produtiva.

En poda produtiva hai moitas diferenzas, xa que o parral requirirá poda en vara longa e os cordóns podemos facela en poda curta, para iso o viticultor debe coñecer dúas cousas importantes: a fertilidade da súa variedade e a cantidade de horas de frío da súa zona.

A menor fertilidade de xemas pola variedade, ou pola falta de frío, máis interesantes as podas longas, tipo parral ou guyot; a medida que teño máis frío e variedades máis fértiles, pódense facer podas curtas con garantías produtivas.

Por resumir, a poda permite: Estruturar as canles de savia; definir a estrutura da planta; definir a posición dos froitos e regular o vigor da planta.

– Que se está facendo mal en canto a poda nos viñedos galegos?
Neste sentido, Galicia non é a excepción. A poda, en xeral en todo o mundo, esqueceu que estamos a traballar con Vitis vinífera. Fanse podas con brotes grandes, non respectando o fluxo de savia nin a ramificación natural da planta e esquécese a protección dos cortes.

Hai podas que se adaptan mellor a un clima e a unha variedade ou uns obxectivos produtivos

En definitiva, unha vascularizade terrible, con plantas con moita madeira morta no seu interior e moitos fungos de madeira. Viñedos que viven pouco e perda de rendibilidade.

– Como valoras as novas tendencias de poda “sucia”?
Se por poda sucia enténdese a poda de respecto, é unha obriga. En poda de respecto, no bacelo do ano, deixamos a maior fracción de entrenó posible, pero non é un capricho, é unha acción que axuda á consolidación dos tecidos dos brotes que sairán preto do froito. Se ese corte faise raso, prodúcese unha callosidade que dificulta o paso da savia. Pódese comprobar abrindo pulgares como pola metade nun plano vertical. Se o viticultor abrise máis plantas, daríase canta o drama que supoñen as podas mal realizadas.

Outro aspecto da poda de respecto é non facer cortes grandes, xa que estes son portas de entrada de enfermidades de madeira e cando cortemos madeira de dous anos, deixar un fragmento por enriba de madeira, para que a desecación entre máis lentamente na planta.

Non é unha poda sucia, ese taco débese eliminar ao ano seguinte cando estea seco e xa non xere ferida aberta. É unha poda limpa, moi limpa, que tenta evitar ter a maior cantidade de madeira morta dentro da planta, o que evitará a entrada de fungos e termitas, pero tense que facer por pasos e garantindo que mantemos un plano de cortes e outro de crecemento, a famosas carreira de secos e de verdes.

– Na súa experiencia, cales son as técnicas de poda e os sistemas de condución que axudan a aumentar a lonxevidade do viñedo?
Os que están ben feitos, non hai podas mellores nin peores, hai podas mal executadas e outras ben executadas, e non hai máis. Hai podas que se adaptan mellor a un clima e a unha variedade ou uns obxectivos produtivos. Pero sempre ben executadas e equilibrando as plantas.

Cando manexas equipos grandes de poda, é importante buscar sistemas que sexan de fácil replicado, que estean sistematizados, que con dúas ordes sexan sinxelas de executar e de facelo ben.

Nunca hai recursos para a Flavescencia Dorada e terminará por ser un problema máis co que teña que convivir o viticultor

A poda de “vara e pulgar” de xerez, paréceme unha marabilla fisiolóxica, pero é máis sinxelo ensinar un guyot Puossard, que ten os mesmos obxectivos produtivos, pero é máis sinxelo de explicar.

– Tendo en conta que en Galicia contamos con diferentes DO´s  e con diferentes climas: A poda debería ser diferente en cada zona? Ou ten que ver coas variedades de uva?
Diferentes variedades, diferentes climas, diferentes chans e diferentes viños requiren diferentes deseños e xestións e iso implica ás podas. Un dos problemas da viticultura actual é que tende á universalización e iso simplifica, pero tamén uniformiza e os problemas son diversos e requiren solucións específicas, e isto implica ás podas.

O meu obxectivo é deseñar o viñedo que mellor se adapte, primeiro aos obxectivos produtivos da adega e logo adaptados ás condicións que te rodean, clima, planta, chan, roca, altura, latitude e as podas axúdannos moito a esta adaptación.

– Actualmente hai problema coa Flavescencia Dourada en viñedos próximos ao Miño. Que considera que se está facendo mal na xestión desta praga, tanto por parte dos viticultores como por parte da Administración?
Non teño información sobre o tema, nin coñezo os pasos que se están dando, pero é a historia do viñedo. Xa tivemos no pasado grandes catástrofes, como o mildiu, oídio e filoxera, que destruíron todo un sector que tivo que ser reconstruído, con abandonos importantes de poboación rural en moitas rexións de Europa.

A flavescencia xa a temos en Mallorca, creo que entrando por Cataluña e Galicia. Nunca hai recursos e terminará por ser un problema máis co que teña que convivir o agricultor, no mundo globalizado, adoita ser complicado parar estes fenómenos, pero hai casos de éxito, como a erradicación da couza do acio nos viñedos de Estados Unidos.

Débense ter plantas equilibradas, nin con exceso de vigor nin con déficit e darlle tempo á planta na súa construción e entrada en produción

Creo que con políticas de control férreas e estratexias de defensa sanitaria ben expostas, pódese controlar un problema como este, pero Galicia ten ademais o problema engadido dos viñedos abandonados que, por lei de sanidade vexetal, deberían ser obrigados a arrincar.

– En canto a pragas. Que se espera para este ano?
Supoño que pragas teremos máis ou menos as destes anos, as zonas de couza, que é a nosa praga máis histórica. Nas zonas máis cálidas algún ataque de araña, aínda que isto en Galicia non adoita ser un problema, temos que facer un seguimento ao mosquito verde, que noutras rexións está a facer moito dano.

Con respecto ás enfermidades, o inverno está a ser chuvioso e non moi frío, así que podémonos preparar para un bo comezo de campaña co mildiu e black root. O oídio aparecerá con máis forza cando desaparezan as choivas, se é que o verán chega seco e cálido, cousa cada vez máis habitual, e o botrite, se é que a finais de agosto chegan choivas con temperaturas suaves.

Os modelos climáticos, os modelos matemáticos dos ciclos dos fungos e as estacións, axúdannos cada vez máis a ser finos no control fitosanitario, en Galicia, sempre hai que estar ben atentos desde o comezo do ciclo.

– A poda é clave para previr e loitar contra as enfermidades da madeira. Que recomendarías neste sentido?
Podar ben, non hai outra solución, e protexer as feridas de poda. Parece que fungos como a Trichoderma poden axudar a manter os cortes limpos de fungos que desencadean estas enfermidades. Usamos fungos para combater fungos. Mais unha poda de calidade é por onde hai que empezar, pero desde o primeiro ano de poda, xa que facemos cortes indebidos os primeiros anos de formación que xa xeran a entrada de fungos parásitos e xa estamos perdidos.

É preferible plantar en chan, é normal que o viticultor migre ao “fácil”, é triste, pero comprensible, se o valor do froito no mercado é o mesmo

Importante tamén ter plantas equilibradas, nin con exceso de vigor nin con déficit e darlle tempo á planta na súa construción e entrada en produción. Todos iso xunto contribúe a baixar o impacto dos fungos de madeira.

– A poda mecanizada como inflúe na mellora da lonxevidade do viñedo?
Aquí hai que diferenciar o que é unha pre-poda para axudar ou facilitar a poda manual e o que é un sistema de poda mecánica ou poda mínima.

No primeiro caso, en si mesmo, a pre-poda mecánica non debería ser un problema, pero todo o mecánico, supón que teñamos máis risco de golpes, rasgado de brazos, roturas de pulgares, máis cando traballan en superficies irregulares. Todas estas feridas grandes levan asociadas entradas de enfermidades da madeira.

Se optamos por un modelo de poda mecánica absoluta ou poda mínima, tipo unha sebe, non hai cortes de madeira vella, só se cortan bacelo por tanto hai un baixo risco de enfermidades de madeira, aínda que este tipo de poda require dun deseño diferente dos viñedos, máis risco sanitario e máis consumo de auga, pódese producir máis. Hai que avaliar se a uva satisfai o viño desexado e a qué prezo. Son modelos produtivos diferentes e, por tanto, débense entender e xestionar de maneira distinta.

Os chans fan únicos aos viñedos, non se poden replicar: Poderás facer un godello noutro lugar do mundo, pero será outro viño

– Hai algúns viñedos que son en bancales, o que dificulta a introdución da mecanización. Que beneficios e desvantaxes ten que non se poidan facer os traballos tan mecanizados?
As desvantaxes son claras, a dureza do traballo, a imposibilidade de traballar grandes superficies, os maiores custos de produción e a falta de man de obra, que levan ao abandono destas parcelas. Forzada por un prezo igual da uva, é preferible plantar en chan, é normal que o viticultor migre ao “fácil”. É triste, pero comprensible, se o valor do froito no mercado é o mesmo.

As vantaxes, que as hai, son máis complexas, ao non poder mecanizar, é máis fácil entender e respectar a planta, cousa que non pasa en parcelas onde a prioridade é que pase o tractor. Por unha banda, o respecto ao crecemento da planta, permite facer mellores podas e ter viñedos máis lonxevos.

Doutra banda, os bancais foron unha estratexia histórica de ocupar espazos novos, pero tamén máis altos, mellor iluminados, mellor ventilados, menos propensos a enfermidades, de maduracións máis completas, de solos mellor drenados, de viñedos que achegan maior calidade.

– A calidade dos chans é un factor importante nos viñedos. Que destaca dos solos galegos para que haxa tanta calidade nos viños?
Cada rexión ten a súa identidade debido a varios factores, o clima importa, pero tamén a cultura, a historia e os chans. Os solos fan únicos aos viñedos, non se poden replicar. Poderás facer un godello noutro lugar do mundo, pero será outro viño. Non poden replicar a parte mineral, nin a microbioloxía.

Galicia ten un clima envexable para traballar cun chan cuberto permanentemente, axudando a rexenerar a súa vida

Galicia ten grandes chans vitícolas que son os granitos e as lousas, aos que a viña adaptouse moi ben, son solos que permiten ao sistema radicular profundar e se os coidas, son chans que expresan, non están moi presentes no resto da xeografía española e iso é un factor diferencial, que se debe explotar máis.

Quero dicir con isto, que os solos síntense no viño, se se elabora de maneira respectuosa,.

– Que claves indicaría para levar a cabo unha boa xestión dos solos?
Igual que a poda, respecto, saber interpretalos e coidalos, son o noso sustento e a agricultura do último medio século están a destruílos, acumulan moito agroquímico e estanse degradando, reducindo a súa vida pola morte dos microorganismos, pola perda de materia orgánica e pola erosión.

Ademais, estamos nunha rexión con solos acedos, que poden xerar toxicidade para as plantas polo efecto da solubilidade de certos metais, hai que coidalos, mantelos e nalgúns casos corrixir, con achegas de bases.

Galicia ten un clima envexable para traballar cun solo cuberto permanentemente, axudando a rexenerar a súa vida, incrementado a súa fertilidade e evitando a súa erosión.

Debemos traballar nese sentido, para evitar crear desertos agrarios, como está a pasar noutras rexións e como sucedeu no pasado, agora sabémolo e non podemos seguir por ese camiño é un suicidio

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información