“Debe haber unha regulación sobre o eucalipto máis alá da fin da moratoria do 2025”

Coñecemos co enxeñeiro de montes Juan Picos como se está a elaborar o Inventario Forestal Continuo de Galicia. Afondamos sobre os primeiros datos e mapas específicos que servirán na prevención de lumes

Publicidade
“Debe haber unha regulación sobre o eucalipto máis alá da fin da moratoria do 2025”

O investigador Juan Picos.

O doutor en Enxeñaría Agroforestal e ata hai só uns días director da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Juan Picos é un dos expertos que está a traballar na elaboración do Inventario Forestal Continuo de Galicia, do que se presentaron novos datos este mesmo mes. Con el afondamos máis sobre este Inventario e o que supón para Galicia.

-Acaban de presentarse novos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, que pode aportar dispoñer deste inventario?
-Para desenvolver calquera tipo de política no sector forestal, que é estratéxico para Galicia, haberá que facelo baseándose na mellor información posible. Dispoñer de información actualizada, que mida o monte galego de xeito correcto e que ademais esta información sexa compartida co sector e coas Administracións públicas deberíanos axudar a facer políticas moito máis acaidas. Non ten sentido que nun sector como o forestal de Galicia se traballe en políticas tomando información de fai anos e mesmo con erros metodolóxicos como os que se recollen no Inventario Forestal Español, que ten unha taxa de actualización moi lenta, xa que a última vez que se fixo traballo de campo e cartografía foi no 2009, que se publicou no 2011.

Ademais, botar man deste inventario nacional xa non é só un problema de actualización senón que é un documento deseñado para o conxunto do Estado e ten problemas para recoller a realidade dun monte tan fragmentado e de propiedade individual e pequena e con especies de crecemento rápido como temos en Galicia. Sen datos só temos opinión e creo que as políticas deben estar baseadas en información técnica, científica e solvente.

-É o Inventario Forestal o primeiro paso cara unha regulación da xestión do territorio e unha ordenación deste?
-O Parlamento despois do ditame da comisión sobre a vaga de lumes e o Plan Forestal acordaron que Galicia tiña que ter este instrumento. Pola nosa parte estamos a axudar para que sexa o máis solvente posible dende un punto de vista científico. Logo cada quen deberá facer as políticas oportunas.

“Apostamos por ofrecer información aberta, transparente e pública, de xeito que a xente pode entrar e ver onde está a súa parcela”

-Como está a resultar traballar neste Inventario?
-Hai que destacar que o Inventario é un proxecto conxunto, de entidades públicas e Administración. Non é unha subcontrata da Xunta, senón que é un traballo conxunto. Apostamos en todo momento por ofrecer información aberta, transparente e pública. A xente pode entrar e ver onde está a súa parcela e mesmo se nos equivocamos pode dicírnolo. Vanse poder ver todas as medicións que fagamos, non só as finais, e esta información pode valer para outros temas. Estamos a empregar sistemas e tecnoloxías innovadoras e na xestión da información estamos apostando pola transparencia total, cando non é nada frecuente que se faga así. Estamos facendo a cartografía de 17 millóns de parcelas, o lóxico é que nos equivoquemos, pero non temos medo a amosar os nosos datos, porque precisamente desa maneira podemos chegar a corrixir os posibles erros que poidamos ter. Ademais, ó ser un traballo continuo só chegaremos a que cada ano os resultados sexan mellores.

“O Inventario serve para contextualizar e coñecer a realidade en cada parte de Galicia, porque probablemente as políticas que se deban tomar sexan diferentes”

– Boa parte da poboación do Eixo Atlántico galego ten a idea dunha Galicia ‘eucaliptizada’, pero os números do Inventario Forestal non din exactamente iso. Fala dunha realidade moi diversa na comunidade, en función das provincias. Como describirías ti o mapa forestal?
-Galicia é moi grande e diversa para ter unha única foto fixa. Se miramos por áreas, para aquelas persoas que só se moven entre A Coruña e Vigo pola AP-9 van ver que predomina o eucalipto, pero non ten sentido pensar que toda Galicia é así. Temos unhas zonas con máis ocupación de eucalipto, pero temos outras nas que a presenza desta especie é testemuñal. O importante deste tipo de traballos é que serven para contextualizar e coñecer a realidade en cada parte de Galicia, porque probablemente as políticas que se deban tomar sexan diferentes.

-Tamén se aprecia unha notable diferenza entre a costa e o interior de Galicia. A que se debe?
-Si. Isto débese a que a especie de eucalipto que primeiro se introduciu foi o Globulus, que non resiste ben ás xeadas. Dende hai anos as plantacións son de eucalipto nitens, máis resistente ás baixas temperaturas, o que propiciou que se estendera a outras zonas, de aí que houbera esa preocupación por atopar repoboacións de eucalipto onde antes non as había. A día de hoxe a masa de eucalipto máis consolidada é a que está na costa.

“Non ten moito sentido apostar só por unha única especie cando a biodiversidade sempre é boa dende un punto de vista natural e mesmo económico”

-É posible mudar esta paisaxe costeira ou as condicións edafoclimáticas limitan a expansión doutras especies de frondosas caducifolias autóctonas nestas zonas?
-As condicións de solo e clima condicionan o crecemento de especies, pero sempre hai un abano de especies que poden vivir e poden ser promovidas. Non ten moito sentido apostar só por unha única especie ou grupo de especies cando a biodiversidade sempre é boa dende un punto de vista natural e mesmo económico. Temos que explorar todas as posibilidades que ten a nosa terra. As políticas forestais tamén teñen que contribuír a esa diversidade e que se aposte por outras especies.

– Que vai pasar cando se remate a moratoria do eucalipto no 2025? Es partidario de manter algunha regulación sobre a especie e de ser así, cal?
-Creo que ten todo o sentido ter unha regulación sobre o eucalipto máis alá do 2025. Cómpre abrir o debate se debe ser a mesma moratoria que temos a día de hoxe ou se debe cambiar. O inventario vai ir fornecendo datos que poden axudar a ese debate, pero quizais no 2025 aínda non se poida abordar como debera e se ten que manter aínda uns anos máis esa moratoria. Este é un tema que preocupa á xente e precisamente un dos obxectivos das políticas é regular os temas que preocupan á sociedade.

“Podemos ter un desfase dun par de anos para identificar plantacións feitas de xeito ilegal, porque mentres as plantas son pequenas non se poden ver con claridade dende o satélite, pero ó ser un Inventario Continuo acábanse detectando”

Tecnicamente é xa posible detectar vía satélite onde se está plantando eucalipto de xeito ilegal, como pode ser en superficies de antigos piñeirais ou masas de frondosas, ou en terras agrarias?
-A tecnoloxía que estamos empregando no Inventario Forestal de Galicia é capaz de detectar as coberturas, pero o que non podemos é aspirar dende satélite a ver con claridade unha planta dun palmo de altura plantada noutro tipo de cultivo. A vantaxe da continuidade do inventario vainos permitir descubrir estas irregularidades. Así, no momento en que o tamaño da árbore nos permite identificar co sensor a especie da que se trata pasaranse eses datos. Así tardarase máis ou menos, pero as irregularidades detéctanse. Este é tamén un dos motivos polos que estamos facendo cartografías mensuais que actualizamos ano a ano. No caso do eucalipto podemos ter un desfase dun par de anos para identificar onde está medrando, pero aínda que tardemos uns anos, esas plantacións feitas de xeito ilegal acabase sabendo e logo a Xunta deberá abrir o expediente ou tomando as medidas oportunas. Nós só identificamos o que hai na parcela e logo a Xunta determina se é legal ou non.

-Máis alá da moratoria establecida ata o 2025, dentro de 5 ou 6 anos agárdase que se acade o pico de cortas de eucaliptos, será un momento clave para decidir o mapa forestal de Galicia?
-Creo que non. Creo que as decisións que hai que tomar sobre o territorio deben ir máis aló dun feito conxuntural como son as cortas. O lóxico é que en función da vocación, os valores a protexer, a produtividade do sitio… entre outros aspectos, débese ordenar o territorio. Esas ordenacións ás veces teñen consecuencias se o volume se acumula antes ou despois, pero o lóxico é ter unha ordenación do territorio na que o conxunto das producións teña un fluxo constante. A miña opinión é que non debería de condicionarse, senón máis ben o contrario. Creo que iso é unha advertencia para quen consume esa madeira, xa que debe asumir que uns anos despois baixe a produción de madeira.

-Que volume estimado de cortas podería haber?
-Ese é un aspecto sobre o que están a traballar aínda dende a USC e por agora é cedo para dar eses datos.

-Neste momento xa boa parte do eucalipto que se corta en Galicia vai para fóra da comunidade por falta de capacidade industrial para transformalo. En que medida se agravará este problema no futuro e como repercute no retorno económico que estamos perdendo?
-Partindo do básico, se producimos un produto primario o número de transformacións que se fan na nosa área engaden valor e xeran emprego local, así coma outros aspectos que son positivos. Unha vez que produces o recurso o ideal sería que cando saia da comunidade o faga xa transformado e co maior valor engadido posible. En Galicia nestes momentos estase cortando moito eucalipto, non é tanto que nos falte transformación senón que se está cortando moito. Así, se algunha desas fábricas pechara volvería cambiar ese equilibrio. Así, non deberíamos de axustar o volume de produción co que temos a día de hoxe. É verdade que o monte que estamos a medir se pode predicir a produción que vai ter e sería interesante que a maioría se transformase en Galicia, pero ver se é positiva unha fábrica ou outra é un tema que non me corresponde. Como base, produzamos en Galicia o que máis valor poida xerar e comercialicémolo como maior valor poida xerar.

-Neste sentido, inevitablemente temos que preguntarlle pola súa valoración do proxecto de Altri. Como valora a implantación deste proxecto?
-É un tema sobre o que non vou entrar a facer valoracións. Non me corresponde. A min compéteme facer o traballo de diagnose do monte e niso teño que centrarme.

“É un bo síntoma que a xente volva plantar piñeiro, pero a superficie de piñeiro vense reducindo nos últimos anos”

-E á marxe do eucalipto, valórase establecer regulacións sobre outras especies como o piñeiro?
-Polo do momento o que se estivo vendo foi un incremento da venda de piñeiro nos viveiros, independentemente diso pode que a superficie xeral de piñeiro se estea reducindo, ben sexa por masas de piñeiro que se repoboaron con eucalipto antes da moratoria ou masas de piñeiro que se cortaron ou que arderon e non se repoboaron, polo que eu non sería moi optimista co incremento da superficie xeral do piñeiro. Pode ser un bo síntoma que a xente volva plantar piñeiro, pero hai outros factores que contribúen a que a superficie de piñeiro se veña reducindo nos últimos anos.

– Cal é o escenario forestal da provincia de Ourense, que a nivel madeireiro de cortas é irrelevante ano tras ano?
-Co Inventario non só buscamos medir o que hai, senón ver como é a dinámica, xa que hai zonas coma Ourense, con maiores recursos forestais dos que despois saen ó mercado, polo que é importante preguntarse que está acontecendo aquí para que non haxa movemento deses recursos. Por iso estamos estudando de xeito individualizado como son as empresas que fan os traballos forestais, onde están os centros de consumo e á par estudando a tipoloxía dos propietarios, un traballo que estamos a facer co Instituto Galego de Estadística (IGE). Pode darse que haxa moi boa madeira nunha parcela que xa non ten propietarios, polo que esa madeira non vai saír ó mercado por moi boa que sexa ou aínda que haxa empresas que a queiran mercar. Así, o primeiro é saber canta madeira hai, despois ver onde está e logo ver os motivos polos que se atopa nunha situación ou outra. Así en función de como sexa o diagnóstico poden activarse distintas medidas para atallalo.
No caso da provincia de Ourense parece que non é tanto un problema de falta de recurso, aínda que hai menos que noutras zonas, senón que máis ben ese recurso non está entrando no mercado do xeito que debería.

“En Ourense non é tanto que non haxa madeira no monte, senón que máis ben ese recurso non está entrando no mercado”

¿Estades traballando en saber por que non está entrando esa madeira no mercado?
-Xa temos publicado o que coñecemos como Mapa de Dispoñibilidade, elaborado en base a datos como o tamaño da parcela, a pendente, a accesibilidade… Esta ferramenta permítenos ir máis alá e coñecer en que zonas da provincia de Ourense hai recursos que non se están aproveitando. Seguimos traballando nesta liña. Poder concretar cal é situación de cada zona é a fortaleza destas ferramentas, porque pode que as medidas que son necesarias na Veiga non sexan axeitadas para Celanova.

-Que información ofrece xa este mapa de dispoñibilidade ó respecto da situación da provincia de Ourense?
-Aínda non temos exactamente o perfil do propietario, xa que temos o perfil do propietario que corta madeira e fáltanos coñecer o do que non corta a madeira, que é o que máis nos preocupa. Ese é un aspecto no que estamos a traballar co IGE. Probablemente ese dato sexa parte da resposta ó problema. Sabemos xa que hai moita madeira en parcelas moi pequenas e hai outra madeira que está en comunidades onde esa venda da madeira está a funcionar relativamente ben. É posible que haxa que buscar o xeito de agrupar esa madeira que se atopa en parcelas tan pequenas para poder comercializala. Creo que cara aí deben ir os incentivos, pero debe facerse de xeito moi concreto, traballando coa xente da zona sobre solucións para esas parcelas que teñen problemas de viabilidade económica polo seu tamaño.

“Elaboramos un Mapa de combustible que permite unha clasificación da superficie atendendo ó comportamento da vexetación ante o lume que pode ser utilizado nas estratexias de extinción”

-Cando se fala de monte, especies e xestión forestal un dos temas que sae sempre a debate e preocupa é a incidencia dos lumes forestais, recóllese algo sobre os incendios no Inventario Forestal?
-Estamos desenvolvendo un Mapa de combustibles, unha clasificación da superficie atendendo ó comportamento da vexetación ante o lume, en función das especies e a súa estrutura, xa que non é o mesmo que unha plantación teña mato, así como a tipoloxía ou a altura deste mato. O reto non é só ter un mapa de combustible senón ter unha metodoloxía eficaz que permita actualizalo de forma sistemática, xa que unha das finalidades que terá é como ferramenta para as brigadas forestais e para elas é fundamental que estea actualizado, xa que para que poida ser utilizado ante os lumes debe conter información actual do estado do monte.
Agora estamos traballando coa Dirección Xeral para desenvolver este tipo de mapas de combustible actualizados. De xeito experimental xa desenvolvemos un Mapa de combustible para o Distrito Forestal do Baixo Miño.
Para poder dispoñer de información sobre a estrutura da vexetación temos que agardar a que remate o voo Lidar que está a facer agora o Ministerio, que nos permitirá de ver como é ese mato, para ver a tipoloxía de combustible que temos. O inventario tamén vai dar un pulo á prevención de incendios forestais, ó ter un mellor coñecemento sobre o combustible que hai no monte e as zonas de maior risco e poder axustar a prevención nesa dirección.

-A vista dos resultados da actualización do Inventario Forestal, en que situación cres que se atopa Galicia para aproveitar a oportunidade que supón o mercado de créditos de carbono?
-Aínda que non estou traballando directamente neste tema, entendo que é positivo que Galicia chegue a dotarse dunha regulación deste tipo de proxectos forestais vencellados co mercado de carbono, que estea adaptada á realidade galega. En Galicia temos figuras forestais singulares, como poden ser os montes veciñais, polo que cómpre ter unha regulación específica. Temos ademais unha fragmentación da propiedade o que dificulta que se axuste a proxectos de maior tamaño que se poidan facer noutros territorios de España. Creo que é positivo que a Xunta entre a regular e dar transparencia sobre estes proxectos. O Inventario Forestal tamén vai contribuír a proporcionar información que poida ser de utilidade, xa que debuxa o marco xeral de Galicia, pero este tipo de proxectos deben contar co seu propio sistema de medición e seguimento exacto, así como o seu mercado e que este mercado estea regulado pola Xunta.

-Por último, e no plano máis persoal, cara onde tes previsto orientar a túa carreira profesional no futuro?
-Son traballador permanente na Universidade de Vigo e agora que acabo de deixar de ser director da Escola de Enxeñaría Forestal, tras rematar o meu mandato, vou ter máis tempo para investigar, que é onde quero estar. Sempre estou á procura de conseguir novos proxectos e iniciativas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información