Debate no Parlamento polos plans de mellora e as axudas de incorporación ó agro

Debate no Parlamento polos plans de mellora e as axudas de incorporación ó agro

Os plans de mellora adoitan financiar obra civil e maquinaria. / Arquivo.

Esta semana debateuse no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei pola que o BNG solicitou que se retomen os plans de mellora e axudas á incorporación que foron rexeitados no 2024. E reclama que se comecen a tramitar os plans deste ano a partir do 7 de maio. O deputado do BNG Secundino Fernández destacou que nos próximos dez anos vanse xubilar o 70% dos titulares de explotación e lembrou que as axudas á incorporación e os plans de mellora son claves para a remuda xeracional.

De feito, calificou esas subvencións como as máis importantes que tramita a Xunta de Galicia, a pesar de que o executivo galego só ten que aportar o 28% dos fondos que se destinan a elas, pois o resto son fondos europeos e estatais.

O parlamentario do Bloque aludiu asimesmo ás pequenas empresas de construción ou maquinaria que tamén se benefician colateralmente dos plans de mellora. Ademais, Fernández lembrou que no DOG do 29 de xaneiro denegáronse máis do 70% das axudas deste tipo solicitadas. Das 619 que cumprían os requisitos, aprobáronse 180 (o 29%) e foron denegadas 439 (o 71%). O deputado nacionalista subliñou o caso de Ourense como especialmente grave, xa que nesa provincia aprobáronse 12 solicitudes e denegáronse 52.

Perspectivas da próxima convocatoria 2025
Por parte do Partido Popular, Nicole Grueira respondeu asegurando que a nova convocatoria de axudas da Xunta para plans de mellora e incorporación á actividade agrogandeira xa lle dará prioridade ás persoas mozas que soliciten a incorporación ou que, tendo a axuda xa aprobada, non dispoñan por agora do plan de mellora, para que desta forma poidan levar adiante o seu proxecto.

Grueira calificou os plans de mellora e as axudas de incorporación como “dúas ferramentas clave que reflicten o compromiso do Goberno galego con este sector, xa que, por unha banda, garanten que as granxas dispoñan dos recursos necesarios para modernizar ou ampliar as súas infraestruturas e, por outro lado, ábrelle as portas ás novas xeracións de agricultores e gandeiros que apostan polo sector e, consecuentemente, polo futuro do rural galego”.

Respecto das convocatorias do ano 2024, a portavoz popular salientou que se aprobaron tódalas solicitudes posibles, cun incremento notable tanto do número de solicitudes como da axuda media aprobada por solicitude, que se aproximou aos 80.000 euros. Por estos motivos, o grupo popular optou por votar en contra da proposición non de lei do BNG, que quedou denegada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información