De ‘por que arde o monte’ a ‘como cambiar o monte’

Manuel Beiro, de Asefor, reflexiona neste artigo de opinión sobre o enfoque e vías de cambio que precisa o monte galego, tras a última vaga de lumes

De ‘por que arde o monte’ a ‘como cambiar o monte’

O monte Pindo quedou calcinado no 2013. Imaxe do 2017. / Arquivo.

Sobre o problema dos incendios forestais, hai na sociedade tantas opinións como persoas. Sabemos que buscar solucións non é tarefa fácil, pero este reto involucra a toda a sociedade, tamén a aqueles que consideran que non teñen relación co mundo forestal. Trátase dun reto de país.

Un problema que non muda
O primeiro recordo que teño dun lume forestal foi no ano 1981, con 7 anos. Ardeu o Monte Pindo. Dende aquela, a imaxe do Pindo ardendo dende a fiestra do meu cuarto converteuse nun feito que se foi repetindo cada certo tempo co pasar dos anos, case de xeito matemático, como predefinido no tempo.

Aquel monte tiña daquela arborado. Piñeiro do país, incluso algunhas áreas con importante frondosidade. Agora o perfil do macizo debuxa o redondeo das pedras erosionadas polo tempo. O último lume, no 2013, convertiu en borralla o manto vexetal que trataba de vir de novo arriba.

Non vou repasar tódolos lumes que sufriu a miña parroquia nin a miña comarca. Eses datos están gardados en estatísticas oficiais e tamén na memoria da xente, onde están marcadas esas noites de desesperación nas que os veciños temen polas propiedades máis próximas ó lume, polas casas, polo monte, polos animais e por eles mesmos. Por non falar daqueles que levan anos traballando nos distintos dispositivos contra incendios.

A relación co monte

A pregunta do millón é quen lle prende lume ao monte e para que. Cal é esa sinistra razón que nos perxudica a todos aqueles que desenrolamos as nosas actividades arredor do monte galego e, por extensión, a toda a poboación. Non imos enumerar as causas máis frecuentes de incendios forestais en Galicia, están na internet e no imaxinario colectivo.

“O abandono da xestión das terras crea as condicións para que os lumes se descontrolen e teñan maior capacidade de facer dano”

Máis alá das causas primarias, hai que apuntar tamén a unha cuestión de fondo. Agora danse as condicións para que, con maior frecuencia, haxa lumes que se descontrolan e con alta capacidade de facer dano. A condición principal para que isto suceda é o abandono da xestión das terras, un factor unido a outros, sociais e ambientais, como o cambio climático.

Trataremos, por tanto, de darlle outro enfoque ó problema. A pregunta que nos interesa é como fomentar o cambio social que precisa o monte galego.

Toda a sociedade se relaciona co monte por algún ou outro motivo. Hai quen basea a súa actividade laboral ou económica no sector forestal, propietarios e empresas do sector da madeira, por exemplo, pero tamén se relacionan co monte gandeiros, cazadores/pescadores, empresas de servizos e turismo, científicos ou funcionarios da Administración que teñen o seu posto de traballo relacionado co monte. Tamén a xente á que lle gusta realizar actividades de ocio ou persoais relacionadas co medio natural.

Aqueles que cren estar máis alonxados do ámbito forestal obteñen beneficios directos porque o monte ten que ver co valor ecolóxico, coa diversidade biolóxica, coa calidade e ciclo das augas, coa calidade do aire, coa paisaxe, coa loita contra o cambio climático…Todos somos usuarios, a responsabilidade deste uso, polo tanto, debería ser compartida entre todos, variando o peso desa responsabilidade en función do papel de cada un.

O bosque administrativo
Temos na Comunidade unha boa cantidade de xente que traballa por un sector forestal sostible e economicamente viable (só o Consello Forestal de Galicia está formado por 48 persoas, en representación de diversas entidades).

Dispoñemos tamén de abundante lexislación, dun plan forestal (1992) e de 19 distritos forestais con persoal técnico. Temos Concellos, Deputacións, tamén diversas asociacións sectoriais, asociacións de propietarios, enxeñeiros, etc.

Non falta lexislación nin persoal, pero si falta moito para que haxa un cumprimento estrito das leis. Ese cumprimento é necesario, pero tampouco solucionará o problema en si, pois faise precisa unha planificación forestal que teña en conta as tendencias sociais, ambientais e económicas, e que involucre a toda a sociedade.

Formación e extensión forestal
Existen diferentes tipos de propietarios e con diferente dependencia dos recursos forestais. Hainos que fan un esforzo por estar ao día nos diferentes temas, os que buscan asesoramento e dispoñen máis ou menos de recursos, ou comuneiros que se esforzan por levar adiante os seus proxectos.

Pero hai outro tipo de propietarios ou outras persoas alleas á propiedade forestal que non teñen coñecementos sobre a lexislación aplicable, sobre usos posibles ou sobre a propia dinámica dos
montes, especies etc .

“Precisamos unha cultura de país sobre a multitude de usos que ten o monte e sobre o interese do seu aproveitamento produtivo”

Quizais non saiban que existen un montón de documentos (normas) que regulan o sector, que hai unhas obrigas e que se teñen uns dereitos. Igual non se lles ocorre que se poden xestionar os montes doutra maneira, igual non saben que os montes deben ser xestionados , non son conscientes dos beneficios dunha correcta xestión ou non teñen recursos económicos suficientes para elo.

Por tanto, para lograr unha sociedade profesionalizada no ámbito forestal, é fundamental a formación en cuestións como que plantar e onde, os custos produtivos, o prezo da madeira en función do seu obxectivo ou a cadea industrial e a finalidade dos produtos. Pódese botar man con ese fin de formación das numerosas persoas que traballan neste sector e que constitúen un capital humano especializado e aproveitable.

É precisa unha cultura de país sobre a multitude de usos que ten o monte e sobre o interese do aproveitamento produtivo duns recursos que son sostibles e renovables.

Estrutura territorial e financiación
É necesario tamén darlle saída ós atrancos que crea a estrutura territorial que temos e, non menos importante, dispoñer de recursos económicos para actuar no monte, máis se as actividades son pouco produtivas pero de alto valor social e ambiental.

Necesitamos superficie onde poder xestionar. Podo participar coa miña superficie nun proxecto máis amplo e obter unha renda a cambio? Podo participar desa xestión? É favorable para min realizar as cortas conxuntamente con máis veciños? A quen lle pregunto?

“Débese falar de monte e agro nas escolas para crear un futuro. Os medios de comunicación, sobre todo os públicos, tamén son imprescindibles”

Entón, plantamos eucaliptos ou non?, está prohibido? Estes temas requiren dunha tarefa de achegamento ao propietario e á sociedade, no marco dunha xestión forestal moderna e sostible.

Precisamos que a sociedade coñeza o concepto de xestión, incluso de xestión responsable. Débese falar de montes e agro nas escolas (mesmo como actividade extraescolar ), nos concellos, nas comunidades de montes, e darlle un enfoque de valor imprescindible para crear un país de futuro, coñecedor do seu potencial e dos seus recursos.

O monte debe xerar a curiosidade e atención das persoas, e deben usarse todas as vías dispoñibles para logralo. A implicación dos medios de comunicación, principalmente públicos, resulta imprescindible, evitando en todo momento a politización dun tema que debe ser afrontado como cuestión de país.

Xestión
Falamos de xestión e non de extinción porque deberiamos ir á raíz do problema, actuando na prevención e na xeración de riqueza. A xestión ten que ver coa formación, planificación e coa dispoñibilidade de recursos. Logo hai que implicarse para executar o planificado.

“A xestión ten que ver coa formación, planificación e coa dispoñibilidade de recursos. Logo hai que implicarse para executar o planificado”

Se houbera un consenso sobre as accións políticas necesarias e se se asumira a responsabilidade de cada un para chegar a certos obxectivos, sería máis fácil a súa aplicación. É labor das distintas administracións falar, propoñer e entenderse para acadar un fin común.

Vai haber decisións impopulares, quizais este é o concepto que fai retrasar a toma de decisións e enquista o problema. O reto está en traballar por crear unha madurez social que poida asumilo.

Como debemos de contribuír como sociedade con aqueles propietarios que aportan valores ambientais?, deberían de colaborar no mantemento dos bosques aquelas entidades, empresas etc. que se benefician da súa correcta xestión dalgún xeito?, deberían as entidades ou empresas que usan os recursos naturais do noso país, con amplo impacto sobre o territorio, pagar os seus impostos en Galicia e así axudar a manter o monte?, deben os propietarios estar obrigados a realizar unha xestión aínda que as parcelas sexan pequenas?… Son moitas cuestións que, como sociedade, temos que pensar e contestar en conxunto.

* Manuel Beiro

Manuel Beiro forma parte de Asefor, unha empresa de enxeñería forestal que xestiona o Grupo de Certificación Alvariza. Asefor traballa desde hai sete anos na certificación forestal de pequenos propietarios e comunidades de montes cos selos PEFC e FSC.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información